<<

Tales of Maj’Eyal. Polsef

O Tales of Maj’Eyal ten a deshonra de ser o xogo cun dos peores nomes da historia e quizais a honra de ser o meu roguelike clásico preferido. Logo dos meus tempos de NetHack probara outros xogos dese estilo e o ToME, cando inda levaba mencións á Terra Media, cativoume en moitos aspectos, inda que non concordaba noutros e non cheguei a profundar abondo. Hoxe en día é un xogo moi diferente e o enfoque táctico a base de pequenas escaramuzas é moi inspirador, xa que ten moreas de opcións para aplicar en cada momento máis aló de facerse forte ao outro lado da porta. Cando rematou a miña última partida, Polsef, un mediano folla-das-sombras, podía saltar cara un obxectivo, logo reaparecer ao carón doutro ó tempo que o apampa, traerse un inimigo afastado e silencialo e todo iso entre moitas outras cousas e golpeando a todos os afectados de varias maneiras diferentes; logo podía volver ás sombras e teletransportarse a un lugar ó chou para descansar un pouco antes de volver á carga. O que non podía era ser manexado por alguén que prestase atención nos momentos finais da súa vida.

O conto foi que, agás un par de sustos nos que creo que me librou a sorte dos medianos e unhas retiradas tamén afortunadas, tiña todo baixo control. Os inimigos caían baixo as dúas dagas sen presentar moito desafío e superei por vez primeira na miña vida as misións iniciais e tamén algunha opcional. Cando chegou a hora de visitar Dreadfell non estaba moi preocupado tampouco. Inda que era un alxube ben longo con nove niveis de profundidade, non deixei corpos nin vivos nin mortos até o final. Alí agardaba o Mestre, un nigromante vampírico cunha morea de feitizos e de aliados. Pouco a pouco fun dando conta de todos, fuxindo varias veces para lamber as feridas, mais o xefe final resucitou cando finalmente conseguín baixarlle toda a vida. Por sorte, o teletransporte funcionou ben outra vez e puiden saír do medio da lea e descansar un pouco. Logo doutra escaramuza sen éxito, atopeime nun recuncho do mapa contra un vampiro menor, dos que xa matara ducias. Non sei se foi el, unha trampa ou algo que se me escapou (o que se me escapou de seguro foi mirar o rexistro) pero Polsef rematou sen visión. Sabendo que o arquinimigo estaba lonxe, descansei unhas quendas nas que non pasou nada e logo, inda sen visión, decidín dar un par de pasos para agocharme un pouco mellor, non fora ser.

O seguinte que vin foi o meu personaxe conxelado, sen posibilidade de curarse ou moverse, o mestre a cinco casas de distancia e unha morea de inimigos de todos os tipos na área. O rexistro poñía que o protagonista fora apampado e que os rivais tiveron unha boa festa con el. Nese momento xa non podía facer nada máis que rezarlle ó deus do azar, cousa que nin sequera fixen, e tras premer unha tecla, apareceu a pantalla de que o personaxe estaba morto. En verdade non levaba nin vinte horas nesta nova versión do xogo, a meirande parte hai cinco anos, pero sempre escollín a modalidade dunha única vida por ser máis fiel ó xénero. Desta vez pode que me arrepentise porque deume unha mágoa real logo de seis horas de xogo, bastantes para tiralas pola fiestra. Tamén é certo que aprendín bastante, desbloqueei algunhas clases novas e gocei da experiencia, pero agora mesmo non sei se terei ánimos para volvelo repetir.

Non obstante, ao mesmo tempo, vexo que inda hai moitísimo xogo por diante. Teño ganas de probar novas clases, darlle un novo tento a estas e conseguir avanzar un pouco máis no xogo, sabendo que inda non son quen de superar a parte máis doada. Pero son teimudo e non quero probar o modo aventura, que é o recomendado para novatos e no que os xogadores dispoñen de varias vidas como mecanismo para facilitar as cousas. Seguramente debería darlle un tento para aprender máis sobre o xogo. Seguramente non o faga.


Tales of Maj’Eyal. Maridkas

En realidade a sucesora de Polsef foi Polsefa, unha pequena muller da mesma raza e clase que tiña o que finou contra un poderoso vampiro. Mais ela tivo unha vida moi curta, por moito que desta vez eu tivese máis experiencia coas mecánicas de folla-das-sombras e co resto de subsistemas deste ToME que tiña oxidados. Agora xa lembro mellor os primeiros pasos, que as habilidades que non escalan co dano da arma poden ser poderosas igualmente e outras pequenas cousas coma o funcionamento das inscricións ou que hai que mirar para o histórico de mensaxes máis a miúdo. Pero xa sabemos que, inda que o saiba, non o vou facer tanto coma debería. No caso de Polsefa, atopeime ante un pequeno dragón de lume, con moi pouca vida ambas pero cunha habilidade de rexeneración na protagonista. Decidín que a mellor solución era tentar golpealo, xa que as posibilidades de matalo semellaban moi altas e logo ben podería sobrevivir até estabilizar a vida. Premín a tecla de ataque. O obxectivo morreu. Polsefa tamén. Seica eses inimigos fan dano automático de represalia cando son golpeados. Lección aprendida. Ou posiblemente non.

Para a seguinte personaxe pulsei o botón de xerar ó chou e axustei a raza para ser un pouco máis axeitada. O resultado foi Maridkas unha anana que sigue o camiño dos dragóns e ten poderes inspirados por eles. Esta é unha das razóns polas que gusto tanto deste videoxogo: hai moitísima variedade de clases, as que hai son interesantes e hai varias maneiras de completar cada árbore de habilidades para personalizalas. Neste caso decidín empregar unha mestura inicial de poderes de frío e de ácido, aprendendo máis adiante as habilidades máis elevadas que mesturan todos os tipos de ataques. Como plan xeral, cuspía ácido ós inimigos cando estaban lonxe, activaba unha néboa ó meu redor cando estaban próximos, levantaba o escudo e facía ataques en área para rematar con moreas de inimigos ó mesmo tempo. Decataríame logo que tanto dano en área era contraproducente para as misións de protexer a outras personaxes, e algunha caeu como vítima colateral. No encadramento defensivo optei por acumular montañas de vida e defensa para aturar ben os golpes e gañar as loitas por desgaste dos rivais.

O único que fallaba no plan era algún método de fuxida, e mira que atopei algunhas runas de teletransportación polo camiño, pero preferín acumular os efectos de curación, inda que seguramente non os precisaba, por tentar aproveitar unhas habilidades nas que non tiña que ter investido. Un pequeno desastre de planificación nas categorías xerais que se materializou cando entrei nunha desas portas que agochan grandes tesouros e inimigos poderosos. Non tiña mala pinta pero, logo de activar as habilidades de defensa con tempo de refresco máis alto, decidín quedarme por aí unhas quendas máis para ver se eliminaba algún verme adicional. O peor viu cando baixaron moito os meus puntos de vida e non entendía porque non podía fuxir por esa casa do sur, xa que non tiña ningún efecto negativo que o impedise e o histórico de mensaxes non amosaba nada claro. Do que non me decatara foi de que un deles apañouse para poñerse detrás de min e bloquearme a saída! Eu, coma xogador, estaba canso logo dun longo día e non discernía o debuxo do inimigo no mapa táctico. Tentei moverme cara o sur tres veces consecutivas, atacando ese inimigo sen pretendelo. Unha vez morto, estudei as mensaxes e claramente aparecían aí os meus ataques non pretendidos. Seguramente podería sacar de aí algunha lección nova para aprender. Inda que o de aprendela de verdade xa é máis complicado.

Polo de agora continúo con ganas de seguir xogando e probar novas clases e sinerxias entre os talentos. Inda non recorrín a guías de ningún tipo pero confesarei que teño certa curiosidade por ver os análises máis concienciudos da comunidade e saber como de afastado podo estar eu. Mais, ao mesmo tempo, tamén penso que lle quitaría algo de maxia e prefiro manterme na miña actual escuridade de coñecementos. O que quizais si que debería comezar a botarlle un ollo é a como funcionan algunhas mecánicas particulares que non se atopan ben definidas no xogo, como por exemplo a interacción entre todos os diferentes números que compoñen a defensa.


Tales of Maj’Eyal. Oydar

Continúo botándolle unha boa cantidade de horas a este ToME! O fado ditaminou que a seguinte personaxe sería Hiensia, unha invocadora, unha das miñas clases preferidas en moitos outros xogos. Hai algo de especial en ter un exército propio que actúa independentemente, inda que en moitas ocasións iso signifique que temos que agocharnos co líder e deixar que os espirros fagan a súa parte. dando lugar a unha experiencia de xogo pasiva. Neste caso é algo similar, inda que as invocacións teñen un tempo de vida moi curto polo, que hai que empregalas tacticamente en cada encontro. Isto non estaría mal, mais a estratexia máis eficiente consiste en invocar un aliado de maneira que poida ver inimigos fóra do noso rango, antes de que saibamos se hai aí ou non. Isto leva a unha experiencia de xogo moi defensiva e pouco interesante. Amais, as invocacións tampouco son moi espectaculares polo que, dalgunha maneira, sentín un alivio cando morreu por non aplicar a estratexia que comentei antes. Non teño pensado repetir esa clase.

Para o seguinte paseo tocou Oydar, un gardián temporal. Algo que non estou facendo nin un pouco e ler todas as pezas de ambientación que se atopan espalladas polos alxubes. De feito, leo o mínimo imprescindible para chegar até o seguinte desafío. No caso deste gardián temporal hai algunhas tramas moi paradóxicas e pasaron cousas coma que o meu personaxe atopouse a si mesmo e morreu asasinado polo seu eu do futuro. Non entendín moi ben como se solucionou ese paradoxo, pero eu seguín xogando e avanzando nas tramas. E o paradoxo é o recurso primordial desta clase, xa que o emprega para activar as súas habilidades e, dependendo do seu valor, obtén unhas bonificacións ou outras, inda que un valor alto desencadea rachaduras no espazo-tempo e poden crear efectos moi estraños ó redor del. Iso foi parte da causa da súa morte no nivel 20, pero máis importante foi, outra vez, que non explorei con calma coas invocacións.

Porque no décimo nivel desbloqueei unha árbore de habilidades que invocaba uns cadelos. Aquí esas invocacións eran permanentes, polo que eran moito máis cómodas de empregar, pero cunha habilidade pódense dirixir a un punto lonxano. Isto, xunto coa habilidade de precognición, permitíame solucionar moitas batallas sen entrar en risco ningún. O malo era que, para facelo ben de todo, non podía empregar o botón de autoexploración. Ese botón encárgase de mover a personaxe por todo o mapa até que suceda algo que requira unha acción por parte do xogador. Isto elimina esa necesidade de moverse pouco a pouco, casa a casa, e permite saltar directamente ó seguinte intre de acción. Trátase dunha mecánica que se converteu en favorita miña dende que a descubrín, xa que, ademais de minimizar o tempo morto, tamén minimiza os erros por non prestar atención cando nos temos que mover continuamente. Pero claro, cando iso ocorre soe ser porque hai un inimigo no radio de visión, momento que soe ser demasiado tarde como para asegurarse de que el non nos vexa a nós.

É dicir, que acabei xogando outro invocador algo diferente. A idea do gardián temporal é alternar entre ataques a distancia e ataques corpo a corpo, xa que cambiar de armas non lle custa unha quenda e ten habilidades para combinar ambos estilos de loita. Eu investín varios puntos nelas, especialmente nas de corpo a corpo, pero pronto atopeime empregando case exclusivamente as do arco e os sabuxos, polo que non aproveitei ben as miñas propias eleccións. Non obstante, penso que debería ser capaz de ter chegado moito máis lonxe se tivese máis coidado nesa loita que resultou ser final, xa que a miña primeira acción consistiu en asegurarme que o inimigo recibira dano antes de poñer os cans entre ambos. O resto son escusas, inda que me deran para falar mal do sistema de invocacións.


Tales of Maj’Eyal. Goten

A etapa de namoramento con este Tales of Maj’Eyal está rematando e, por tanto, podo comezar a albiscar os seus problemas máis significativos, e outros que non o son tanto. Entre estes últimos atópase unha destas novas manías miñas que xa apareceu en xogos de corte máis moderno, coma pode ser Rise of the Tomb Raider: a necesidade de matar animais a esgalla. Noutro caso inda era algo opcional e a pequena escala, pero neste ToME semella que vaias onde vaias hai unha morea de animais hostís que non teñen outra cousa que facer que atacar ós protagonistas para rematar finados pouco máis adiante. Abellas, osos, serpes, vermes, lobos, formigas… ningún escapa da morte para converterse nuns poucos puntos de experiencia na avultada conta dos maiores ecocidas de Maj’Eyal. Choca bastante para ser un xogo baseado na obra de J.R.R. Tolkien, xa que non me imaxino a Aragorn deixando un bosque baleiro de animais só por practicar un pouco máis coa súa espada.

Tamén é certo que aniquilo tantos animais en cada partida porque repito moito as áreas inicias, xa que non fun capaz de chegar moi lonxe, onde suponse que aparecen os orcos e cousas así. Iso seino porque rompín o meu autocontrato de non aprender do xogo fóra do mesmo, e acabei lendo bastantes cousas. O meu obxectivo era destriparme o menos posible para ter algunhas opcións de chegar máis lonxe. O que claramente precisaba máis que nada era unha guía da orde recomendada das diferentes zonas. Tras botarlle un ollo, semella que os meus personaxes seguían as buscas propostas polo xogo moi directamente e remataban mortos nunha área máis complicada do que lles correspondería. Xa postos, tamén procurei unha guía da clase do baluarte, especializado en defensa e que non debería ser moi complicado de manexar. O xerador de nomes ó chou elixiu Goten e, polo que sexa, eu escollín anano levándolle a contraria á guía.

E non sería a única vez. Logo de percorrer os alxubes máis sinxelos sen dificultades (de feito foi a primeira vez que o xogo preguntoume se quería saltar directamente ó último andar dun deles, algo non recomendado se o obxectivo é apañar experiencia e obxectos), tiña curiosidade por probar un especial de nadal. Non sempre están accesibles, nin nesas datas, e o nivel suxerido é a partir do 15. Eu cheguei moi xusto a ese límite inferior e tiven algúns sustos, entre outras cousas porque tampouco levaba unhas resistencias ó frío axeitadas. Non obstante, conseguín chegar até o final, matar a un Nikolas moi malo e salvar a dous elfos moi xenerosos. Con todo, a vitoria foi polos pelos e tiven un par de momentos de pánico durante o traxecto, incluíndo cando descubrín que non se podía fuxir coa vara de retirada. Pouco despois, tamén atoparía uns agasallos especiais de Nadal nunha das cidades máis céntricas da illa, polo que, xunto coas guías, tiña todo do meu lado para facer unha boa partida.

Mais algo para o que non me prepararon esas guías era para o aburrido que é a clase do baluarte. Durante un bo anaco levaba unha morea de instantáneos autoactivados cando un inimigo se poñía o meu carón, o que me deixaba cunhas quendas iniciais moi fortes pero con poucas opcións estratéxicas e un pouco canso de máis se o combate duraba moito. Non me permitía situarme tan ben como podería ser se as activase a man logo de atopar unha boa posición defensiva, pero era máis que abondo para o nivel dos alxubes que tiña neses intres. Logo preferín pasar a modo manual pero inda así era moi obvio o que había que facer para maximizar o dano e, debida a escasa mobilidade, non era para nada excitante. Para darlle un pouco máis de interese, decidir entrar nunha zona que me quedaba preto antes do que me correspondería segundo a guía. E foi todo ben agás na loita contra os xefe finais da mesma.

Tratábase dun par de cronomantes con bastante mobilidade, que tamén xogaban a favor do escenario por tratarse dun mar onde o meu Goten podería morrer por falta de aire. Empregando unhas árbores para descansar e atraelos canda min, conseguín dar boa conta dun deles, inda que case foi ó revés. Nese momento saíume a busca como completada polo que asumín que o segundo era un sicario algo menor e, por tanto, menos perigoso. Non descansei abondo antes de lanzarme contra el nas casas de mar e puxo en valor as súas vantaxes de mobilidade para ampliar a distancia entre nós. Nese momento decidín retirarme camiñando lentamente, xa que non tiña nin enerxía para empregar as miñas habilidades. A parvada de telo atacado sen estar preparado saíume cara e baixoume unha morea de vida en dúas quendas consecutivas, provocando a morte de Goten que inda tiña unha cura instantánea por empregar. Foi o personaxe que máis niveis de experiencia obtivo de toda a miña pasada por este ToME, pero foi unha experiencia agridoce.

Coido que aproveitarei para facer un merecido descanso, mais conto con probar sorte de novo nun futuro seguindo as zonas recomendadas a ferro e, coma sempre me prometo, con máis calma, para polo menos chegar á segunda parte do xogo onde podemos deixar tranquilos ós poucos animais que queden vivos e aniquilar algúns orcos aquí e acolá. Tamén probei brevemente o modo que se desenvolve nunha arena, pero non me pareceu moi interesante. O alxube infinito tenme máis graza porque non tería que preocuparme de aprender a orde e características de cada alxube para maximizar as posibilidades de vitoria, pero precisamente a súa infinidade tamén me tira cara atrás, xa que me gusta ter unha meta fixa que observar. Sexa como sexa, será nunha nova entrada.