Disney's Pocahontas
Levárame miña nai a ver Pulgarcita a un deses cines que tiñan as películas un par de meses máis tarde que “os mellores cines”, inda que tamén a un mellor prezo. Non sei de quen foi a idea de ir pero penso que, unha vez pasado, non me gustou moito. Mentres as luces volvían iluminar a sala, cheguei a unha conclusión que non quixera aceptar durante a emisión: era unha película para nenas. Supoño que a protagonista feminina e as partes de romance non encaixaban ben no pequeno cerebro dun neno que xogaba con cousas masculinas como soldadiños de plástico, G.I. Joe do Street Fighter ou a máquina esa de facer adhesivos. Un par de anos máis tarde pasara algo similar con Pocahontas: inda que me prestara máis, agás polas partes tristes, pensaba que non era algo feito para goce dun varón. O lado bo é que non se pode dicir que a miña familia me limitase dalgún xeito en canto a contido cinéfilo máis ou menos testosterónico. E agora, xa maior, penso que xa teño superado iso, así que non non se me ocorre nada que me poda botar para atrás se volvo ver Pocahontas. Nada de nada. Cero. Comezarei cun refresco desa bonita e pouco problemática historia de amor e concordia a través do xogo da Mega Drive.
Co mando na man, non só manexaremos á mellor princesa Disney ata a época, senón tamén a Meeko, o seu compañeiro osiño lavador. Coma un The Lost Vikings powhatan, cada un usará as súas habilidades para ir avanzando por cada unha das catro pantallas. Polo camiño axudarán a outros animaliños, obtendo unha gran satisfacción e, máis importante para o avance, novas habilidades para a protagonista humana. Deste xeito, poderá correr coma unha cerva, ser sixilosa coma unha loba ou asustar coma unha osa aos invasores máis febles. E mais lle vale facer isto último, porque doutro xeito non terá piedade e nos mandarán á pantalla de continuar para que probemos de novo. Do mesmo xeito, tamén é unha derrota inmediata caer por un oco do escenario, aterrar dun chimpo moi alto varias veces ou (supoño) deixar que amenza no cuarto e último nivel. Foi aí onde sumei máis “mortes” por xogar ás présas e non frear a tempo para activar o poder de osa ou para saltar no momento axeitado, pensando sempre en que é unha mágoa que non aproveitaran e buscasen un par de escusas diexéticas para que a protagonista volva ao punto anterior, evitando a suxestión de violencia.
O manexo lembra a eses xogos derivados do Prince of Persia, inda que algo menos cadrado, no que nos desesperaremos ás veces cando Pocahontas non dea subido a unha pedra que lle chega polo peito. Meeko adoita ser máis doado de controlar ao funcionar máis coma un protagonista habitual de xogos de plataformas, e ten moitas veces algúns currunchos onde so el pode entrar, xa sexa para logo axudar a súa amiga a chegar máis alto ou simplemente para obter uns obxectos coleccionables que non se contan en ningures pero penso que serven para desbloquear unha escena final de 20 segundos onde Pocahontas e John Smith bícanse por última vez. Mención especial para esas covas non euclidianas nas que se o mapache quere volver sobre as súas pegadas acabará nun sitio totalmente diferente.
Polo que sexa, este e a versión contemporánea para Game Boy son os únicos xogos onde podemos atopar a Pocahontas, e non parece que iso vaia trocar por moito que saquen máis Kingdom Hearts. Porén, é de agradecer que sexa un deseño máis curioso ca outros, como o do Libro da selva, e que posúa moitos eventos canónicos da película sen entrar en pantanos perigosos. Ata baixaron o nivel de violencia, algo moi raro nun videoxogo, ao non incluír escenas como Kocoum ou John Smith sendo disparados. Tamén é certo que a piques estivo este último de perder a cabeza na escena final, pero o resto pasou sen grandes reservas.