<<

Disney's The Jungle Book

Esquecérame totalmente deste xogo que xogara na miña Mega Drive ata que me din un paseo pola colección desa consola buscando algo de nostalxia. Aquí non atopei moita, xa que nunca foi un dos meus favoritos, pero quixen igualmente darlle unha volta para ver que tal era. Lembraba ter chegado ás ruínas do orangután e, polo menos unha vez, loitado contra o tigre que supoñía que era o xefe final. O resto foise activando pouco a pouco a medida que avanzaba polos niveis, pero non demasiado forte. Claramente xogueino menos có Astérix and the Secret Mission da Master System, por poñer un exemplo. E, seguramente, con bo criterio.

Xemas

Diría que a razón principal é que estes xogos de plataformas nunca me dixeron moito, e a variación de que o protagonista teña que atopar pedras preciosas para avanzar nos niveis non é abondo, ademais de non ter nada que ver co guión orixinal. Probara nesa mesma época o d’O Rei León e penso que inda gustei menos del. E, xa de máis maior, cedín varias á presión dos que din que o Aladdin é un dos mellores do xénero nesa época e tampouco gocei nada del. Curiosamente os tres teñen en común que están baseados en películas de Disney, levan o selo de Virgin, teñen barras de vida difíciles de ler e os protagonistas teñen intres de invulnerabilidade logo de recibir un golpe. Non o sabía, pero este último punto amólame un pouco porque aglutina a posibilidade de correr sen prestar atención, permite tamén intercambiar golpes ao tolo e non obriga que o deseño de niveis sexa limpo, xa que calquera becho mal posto ou cun comportamento que cause un impacto non desexado terá un impacto moito menor ca nun Super Mario World.

Tigre

De feito, púxome algo nervioso os raios do último nivel, que semellan caer ao chou instantaneamente sen oportunidade de seren esquivados. Algunha vida perdín dese xeito, e moitas máis nos niveis anteriores entre unhas cousas e outras, a miúdo por caer pola parte de abaixo do escenario mentres buscaba algún dos rubís requiridos para superar os niveis. Mais Shere Khan foi o máis perigoso de toda a xungla, obrigándome a tirar das continuacións para superalo na miña última opción. Ese encontro combinaba risco de morte instantánea, polos piares que caían, xunto con ataques dificilmente eludibles, mentres lanzamos plátanos constantemente á cara do tigre. Case foi aí cando lembrei que había outras armas máis poderosas, inda que con munición máis limitada, que permitían reducir o tempo da pelexa. Finalmente conseguino e, logo de que o xogo rompera no pequeno epílogo xogable, puiden ver os créditos na miña única partida neste século.

Xogo rematado

Como xeito de pasar un rato e darme material para esta páxina non estivo mal, pero non o volvería xogar. Ademáis dos plátanos tamén é posible saltar enriba dos inimigos, algo que é o máis divertido da experiencia porque Mowgli dá unha viravolta sobre a vítima, catapúltase rapidamente cara máis arriba e ten un son satisfactorio. Idealmente podemos empregar iso non só para exterminar a toda a fauna da selva, senón tamén para acceder a sitios máis altos ou para acelerar o ritmo. Mais, na miña pouca práctica, acabo recibindo dano do inimigo de cando en vez, así que optei polos aburridos disparos en moitos casos. Logo de máis dunha hora xogando, non me ficou claro se é posible saltar enriba dos alacráns (tería sentido que non, nada que alegar) ou dos monos que lanzan cocos (tería sentido que si). Se cadra é que sei que vou xogar unha partida e listo e entón non me esforzo por descubrir todos eses detalles que si que faría se non tivese centos de xogos á miña disposición, pero é a vida lúdica que decidín vivir entre humanos. Aquí deixo este para pasar a outro!