<<

Football, Tactics & Glory. Capítulo 1

Non foron poucas as horas que pasei no PC Fútbol, PC Basket e nos Championship Football Manager. As súas mesturas de xogo de rol, estratexia e deportes sempre foron atractivas para min, e coido que a razón principal pola que non lle fago caso dende hai unha década a este xénero é pola cantidade de tempo que case obriga a investir: as tempadas son longas, as mecánicas cada vez máis profundas requiren certo estudo e non teñen un final claro. Son deses típicos xogos que se converten nun estilo de vida e que intento evitar, inda que neste caso (inda?) non sexan tan depredadores cos cartos dos seguidores. Non obstante, tiña este Football, Tactics & Glory na miña escasa lista de desexados por algún motivo que descoñezo, e un bo día apareceu como agasallo na miña conta de Steam. Pouco tardei en instalalo na Steam Deck pero, inda que saía como compatibilidade absoluta, faltaban as iconas dos botóns en todas as pantallas, facendo que a navegación resultase un completo inferno. Non atopei ningún atallo válido, así que agardei pacientemente ata que os desenvolvedores ucraínos publicasen un parche. Pasaron moitos meses, pero finalmente apareceron os debuxiños dos botóns e o puiden probar na miña plataforma preferida.

Luanko

Como son así, decidín arrancar directamente no modo manager en difícil. Encarnando o meu alter ego Pepe Gaivota, fichei na división máis baixa por un equipo ficticio do que xa non lembro o nome (realmente todos son ficticios e inspirados polos reais, pero todo a grandes liñas, xa que, por exemplo, o Corunna FC está na primeira división [que en realidade é a segunda, non estaba afeito a esta nomenclatura]). Nesa primeira tempada como adestrador fun aprendendo os básicos do xogo, especialmente no terreo táctico dos partidos, que era o que máis me atraía. Nuns momentos pareceume axeitado; noutros momentos, moi simple. De cando en vez pensaba que as habilidades que inda non tiña serían abondo para darlle máis opcións tácticas, mais moitas outras veces pensei en que estaría mellor investindo o tempo nun Blood Bowl. Moitas dúbidas, moitos cambios de opinión, pero eu seguía enganchado agardando por un partido máis para dar a noite por rematada. E así ata que terminei a tempada nun posto intermedio que agradou lixeiramente á directiva.

Disparo preciso

Decidín repetir no mesmo club outro ano máis, sabendo que moitos dos meus xogadores aprenderían a súa primeira habilidade e que, agora que controlaba máis, non me sería complicado mellorar os meus resultados. Pero case foron os mesmos. Doume conta de ter cometido moitos erros, tanto na parte de xestión coma no terreo de xogo, en boa parte por descoñecemento das regras (por exemplo, pensaba que o partido remataba nesa suposta última quenda e, de súpeto, o rival obtivo outras tres accións que empregou para empatar) e das fortalezas dos xogadores. Inda non interioricei o que era capaz de facer cada un, moito menos a zona do campo onde esas habilidades son activables para cada posto, e non atopei unha maneira de sabelo en medio da partida. En xeral, lembroume ás cartas do Super Gol de Marca, que inda teño por casa, pero obviamente este é moito máis rápido, podendo xogar un partido no tempo que emprego en cruzar as tablas precisas para calcular un caneo.

Transferencias Guadalajara

Na terceira tempada cambiei de equipo a un máis forte, cuxo obxectivo era ampliar o estadio. Conseguino, á custa dos meus mellores xogadores, e inda apañei un ascenso a terceira división, pero a directiva non recoñeceu o meu traballo e non obtiven ningún punto de reputación. Desgustado, busquei información en na internet pública, e só atopei mencións a que o xogo en modo difícil é realmente difícil por unha cuestión de números. Encaixoume coa miña experiencia e aproveitei para porlle freo a este experimento. É probable que repita no futuro no modo normal, xa que o único que non me atrae agora mesmo é saber que o resto de ligas teñen moitísimos máis dos 14 partidos por tempada que estaba a xogar nesa división tan baixa. A verdade é que penso que un enfoque menos simulacionista podería sentarlle mellor, porque tamén teño que xustificar porque non emprego este tempo nun Football Manager moderno.


Football, Tactics & Glory. Capítulo 2

A nova encarnación de Pepe Gaivota comezou no Algeciras, na división máis baixa e no nivel de dificultade normal. Non foi unha tempada moi significativa, mais, para o equipo que levaba, tiven unha boa posición superando as expectativas do club. Notábase, sen dúbida, a baixada das esixencias, e a miña reputación como adestrador medrou ata obter unha oferta do club de fútbol de Torre-Pacheco, máis forte có Algeciras. Torre-Pacheco é un municipio de Murcia cunha cantidade de poboación semellante a Oleiros, inda que non ten acceso ao Mediterráneo dende a creación dos Alcázares en 1983. Pola outra banda, inda conserva muíños de vento de hai case 200 anos, entre os que destaco o do Tío Pacorro.

Torre-Pacheco 2026

Xa na terra de Carlos Fuentes Peñafiel, conseguín apañar varias vitorias importantes nos primeiros compases. A medida que me afacía ao novo equipo, dáballe máis minutos aos xogadores máis novos, porque os de 33 e 34 anos pouco fútbol máis darían. Como mercenario que son, non teño ningún problema en aparcar o proxecto actual de sae algo mellor, pero pensaba que tería opcións boas de ascenso o ano seguinte se o deixaba todo listo. Non sei como encaixa nese plan o de vender o meu porteiro titular para ampliar un estadio que sempre está baleiro, pero é o que hai. Polo menos, metín a un máis novo a mellorar no posto e tamén fun aprendendo eu todos os sistemas do xogo. Ao contrario que no Football Manager, aquí todo está disposto coma un complexo xogo de mesa no que uns valores derívanse doutros mediante unha fórmula constante. Desta maneira evitan sorpresas e comportamentos raros e, ao mesmo tempo, ofrecen a posibilidade de aplicar tácticas tamén fóra do terreo de xogo.

Torre-Pacheco lesión

Inda co novo, e non ideal, porteiro, apañamos para gañar un último partido que nos ascendeu de categoría! Decidín entón quedar un ano máis e ver como evolucionarían os meus rapaces (é así como falamos os adestradores, ou non é?). Os primeiros partidos da nova tempada saíron moi ben, deixándome nun posto alto da táboa, pero a segunda metade da ida foi contra os mellores equipos e case non saquei puntos. Tampouco axudou que os meus mellores xogadores sufriran moitas lesións, ata un total de 7, e a meirande parte de varios meses de duración.

Torre-Pacheco fichaxes

Polo camiño aceptei unha oferta esaxerada polo meu dianteiro estrela, empregando eses cartos para, xunto coa venda doutros dous xogadores máis maiores e menos importantes, apañar outro dianteiro con dúas estrelas de talento, moita máis capacidade de gol e 30 anos. A idea era aproveitar esas últimas tempadas da súa carreira para impulsar todo o equipo. Inicialmente non saíu moi ben, xa que coincidiu cos partidos máis complicados e, inda por riba, tamén tivo unha lesión de tres meses. Sería no comezo da volta cando amosou o seu valor, con moitos goles e premios ao mellor xogador. Ata un novo ascenso semellaba posible, pero pronto apareceron os equipos potentes e deixáronme na miña posición no centro da táboa, a unha distancia impracticable para o ascenso e sen ningún risco de descenso. Aí xa empreguei o modo de simulación de partidos para avanzar máis rápido mentres analizaba as melloras dos meus rapaces. Ao final da tempada non tiña mala pinta. Quizais repita un ano máis como pachequeiro adoptivo. Que, ademais, este ano estiven moi ocupado e non me pasei pola festa de Trinitarios e Berberiscos de xuño.


Football, Tactics & Glory. Capítulo 3

As miñas novas aventuras como Pepe Gaivota en Torre-Pacheco non pasan por Cabezo Gordo, senón polo campo de fútbol. Aí adestrei outras dúas tempadas, con resultados desiguais. Na primeira delas comecei ben, pero na segunda volta tiven un par de baixas moi importantes. O meu defensor estrela, o da última liña, sufriu unha lesión de máis de sete meses que converteu a miña portería nun coadeiro. No outro extremo, o meu mellor dianteiro, De Avila, que tantos cartos leva cada ano, decidiu facer dúas entradas cos pitóns en dous partidos pouco importantes que simulei, sendo expulsado en ambas e con seis partidos adicionais de castigo en total; que tendo en conta que só hai 11 equipos na división, foi tempo abondo. Dese xeito perdín algúns postos na clasificación que, se ben non tiñan risco de descenso, a directiva non apreciou. Logo de admitir a miña perda de reputación, decidín pedir outra oportunidade en Torre-Pachecho, co obxectivo de conseguir o ascenso en 4 anos e que non me tiren ao corgo do Albujón.

Torre-Pacheco De Avila

Contaba, para iso, con toda a rapazada que levaba mellorando o ano pasado (o cal, sen dúbida, tampouco axudou aos meus resultados). Tíñalle especialmente cariño a ese defensa que evolucionei a medio, acadando un logro e unha boa maneira de recuperar balóns nunha zona cómoda. Lamentablementem lesionouse por dous meses case ao comezo da tempada, así que decidín aproveitar unha oferta que tiña por el xusto nese momento para vendelo por unha suma considerable; despois de todo, xa tiña outros mozos agardando polo seu posto e algúns veteranos para que non quedase moi descuberto. E velaí un resumo dun problema que teño como preparador: cústame moito dicir que non a esas ofertas desorbitadas por xogadores que penso que non deberían valer tanto. De feito, as tres contratacións máis caras da categoría este ano saíron todas do Torre-Pacheco, convertendo as arcas no clube en algo comparable coa veciña Polaris World (nos seus mellores tempos). Cos cartos cubrín un pouco as baixas, pero inda deixei medio millón para cando faia falla. Máis que nada porque non sei moi ben en que investirlos, porque as melloras das instalacións diría que non fan nada sen máis gloria e nunca atopo nada interesante no mercado de xogadores.

Mesquita Granada

A verdade é que o xogo cumpre aquelo que promete e estou moi contento de ter recibido este agasallo. Sería doado sinalar certos sistemas que poderían funcionar doutro xeito ou cosas que non fican claras de todo. Para esa primeira queixa a resposta axeitada é que isto é o que temos: hai que apreciar o bo traballo e, se así o queremos, agardar polos sucesivos títulos que, con sorte, refinarán as fórmulas. Para o segundo punto, agradezo moito que incluísen unha documentación dos conceptos para non ter que investigar en páxinas alleas, inda que a súa organización sexa algo complicada de seguir e (diría) non estea completa.

Torre-Pacheco cuarto

Con todo, o resto desa segunda tempada foi máis ou menos ben, inda que tiven outra vez o maior número de lesións da división, e notei ben cando De Avila non estivo dispoñible. Se non fora por iso quizais xa acadaría o ascenso, pero quedei dos primeiros que non suben, logo de, tamén, terlle gañado a un segunda división na Copa Prestixio. Non ten mala pinta para o ano seguinte, pero xa poden baixar equipos máis accesibles, porque desta vez había un mundo de diferenza entre os tres primeiros e o resto. Polo menos vou aprendendo a moverme mellor tanto dentro coma fóra do campo, inda que agora que os rivais teñen máis habilidades coas que non conto, é máis complicado planear ben un ataque ou defensa. Quédanme tres anos para acadar o obxectivo e teño unha morea de cartos, así que malo será! Tentarei non ser tentado moito coas ofertas elevadas polos meus xogadores titulares.


Football, Tactics & Glory. Capítulo 4

Cando tiña uns trece anos xogaba o PC Fútbol na casa, o xadrez fóra e tamén comezaba a interesarme polos xogos de rol de fantasía; lembrando o meu entorno desa época, non semella unha combinación pouco habitual. Diría que inda non sabía da existencia do Blood Bowl, pero tiven unha idea que combinaba todos eses intereses da maneira máis ambiciosa posible. Tratábase dun xogo de taboleiro de fantasía dun deporte brutal, no que cada xogante tería que confeccionar un equipo que cubrise as diferentes posicións, con personaxes variados con habilidades únicas. Por se iso non resultase terriblemente presuntuoso pola miña parte, tamén imaxinaba que sería algo no que participasen un número elevado dos meus compañeiros de clase, facendo un mercado de fichaxes dinámico neses tempos de recreo no que non se podía baixar ó patio. Case nada, e menos tendo en conta que, co meu pulo social, podería atraer a atracción de entre unha e dúas persoas. Inda apareceron pola casa o ano pasado algunhas das fichas de personaxes dese experimento, que diría que non foi iterado máis que unha semana, con sorte. Quería poñer ese antecedente tan pouco exitoso en contexto para non esquecer que, por moito que me guste imaxinar novos xogos ou cambios para os existentes, a miña experiencia como deseñador dos mesmos segue a ser equiparable á de aquel rapaz de trece anos con máis imaxinación que constancia.

Torre-Pacheco fichaxe gloria

Neste Football, Tactics & Glory existe o recurso de gloria que, dentro dun club, permite contratar xogadores doutros equipos, contratar persoal de tarefas secundarias (médicos, olleiros, etc.) ou dar charlas motivadoras. Podería argumentar que, agás no último caso, é simplemente unha limitación para que os cartos clásicos non o manden todo, pero seguramente ese sexa precisamente o problema que querían solucionar, desincentivando a parte de mercado para centrala nos logros deportivos (agardo que, para a secuela, non caian na trampa de vender “paquetes de gloria” para os xogadores que desexen “potenciar o seu equipo” inda que os que non paguen “non se verán afectados” por esta funcionalidade “opcional”). Co que non simpatizo tanto é con que o custe do persoal de apoio suba en todas as categorías cando contratamos un. Seméllame que é moito máis interesante, dende o punto de vista do xogador que o nivel de cada posto ascenda por separado. Desta maneira, a dúbida é entre escoller entre unha mellora médica que non desexo moito pero é barata, e unha do persoal que ollea cativos que é a que considero máis valiosa pero que me levaría moita máis gloria. No método actual incentívase esa especialización extrema que nin sequera queda moi ben dende un punto de vista simulacionista.

Sponsors

Eses son o tipo de cousas que penso mentres trasnoito, máis que nunca, co gallo dun partido máis. Un partido máis que remata sendo un apurar a tempada actual para aí si, por sorte, parar definitivamente ata a noite seguinte. A esas horas intempestivas, abusei bastante da simulación dos partidos do final da tempada do Torre-Pacheco, xa con máis ganas de rematala que de ver as súas tradicionais Carrozas de Papelillo. O ascenso estaba case garantido, e a intelixencia artificial foi abondo para asegurar o terceiro posto e rematar o obxectivo dúas tempadas antes do acordado. Un éxito que me abríu as portas doutros equipos máis potentes xa na segunda división (que é a terceira máis alta, grazas Premier League). Estiven tentado de ir para o Xixón, unha cidade na que fun de turista e da que, ó contrario que Torre-Pacheco, podería contar cousas sen tirar do que leo polas redes. No lugar diso, optei por un equipo austríaco cun moito mellor cadro de xogadores que tiña o obxectivo de gañar a súa división. O meu plan era empregalo como trampolín para obter un contrato na seguinte división o vindeiro ano. Mais iso non funcionou así por dous motivos importantes.

Amarelo

O primeiro motivo é que non acadei o obxectivo, quedando segundo na división, un posto que igualmente permitía ascender e estaba por riba do límite de satisfacción. Pero a directiva non ficou contenta de todo así que a miña reputación como adestrador xefe estancou. O segundo motivo é que esa reputación é o recurso que condiciona as ofertas doutros clubs, e hai que gastala para obter novos contratos, polo que diría que fiquei peor nese aspecto que antes do meu paseo por Austria. Non pasa nada, gañei experiencia virtual e real. Tamén aprendín que boto de menos os xogadores de Torre-Pacheco que tan ben coñecía. Os austríacos eran moito mellores pero xa sabía eu que non viña para quedar. Penso que pode ter máis encanto acender no mesmo equipo, inda que sexa máis a modo. Quizais para as seguintes tempadas poida atopar un novo fogar máis duradeiro, se cadra na costa.

Bregenz 2029

Uy! É iso unha oferta do Corunna FC?


Football, Tactics & Glory. Capítulo 5

O meu comezo no Corunna FC vai ben. Cando collín as rendas tiña un equipo con xente nova e un dos mellores dianteiros que tiven a sorte de manexar. Na defensa tiña moitos xogadores válidos, polo que levei toda a primeira tempada un catenaccio cun 1-5-2-2 para amarrar todos os resultados posibles. Inda así, ata que aprendín a pechar un pouco os ataques polos flancos, encaixei bastante máis goles dos que debería. Serviume para engadir esa táctica ó meu arsenal, deixándome boa parte do meu presuposto en contratar un novo dianteiro para a marxe dereita con moitísimo control do balón e tan só 19 anos. Terei que buscarlle compaña dentro de nada, porque os seus compañeiros aí diante son máis vellos e el cansa moito de tanto correr, esquivar e caer na área cos innumerables penaltis que recibe e que, moi xenerosamente, deixa que anoten o seus compañeiros. Ademáis, esta estrela presente e futura do Corunna, tamén ten a habilidade de entrada en carriño, moi útil a miúdo e unha das poucas activas que levo actualmente na formación inicial.

Corunna Banuelos

E, velaí, outra das pequenas queixas que teño con este xogo. As habilidades activables empregan un sistema de resolución totalmente diferente, inda que non necesariamente peor, alleo ás estatísticas básicas. Deste xeito, un defensa sen case puntos de pase pero coa habilidade de pase longo resultará moito máis efectivo en pases que percorran case todo o campo ca nun máis preto. Pola outra banda, hai un feixe de habilidades defensivas que só serven para inutilizar as ofensivas rivais, o cal pode ser frustrante para ambos lados se a planificación dunha quenda de ataque é invalidada por non interpretar ben a icona dun defensor, ou se todo o adestramento do noso porteiro non serve de nada porque coincide que os equipos rivais non teñen a habilidade de disparo poderoso. Como contrapartida, se cadra podería dar algo de profundidade se temos moitos xogadores suplentes a bo nivel que poidamos incluír expresamente para contrarrestar as estrelas da oposición.

Gardametas forte

O Corunna FC non está nese punto, pero si que estudo a formación rival antes de cada partido para colocar a defensa e a dianteira dun xeito óptimo, e os resultados avalan esa estratexia. Tamén é certo que me comprometín a non simular máis partidos, porque o que me atraía deste xogo era precisamente a aplicación de tácticas dentro do campo e decateime de que estaba a ser arrastrado polo metaxogo de despacho. Curiosamente, na primeira tempada en Corunna, dinlle sen querer a simular un partido que rematou en derrota, e foron eses os puntos que me impediron gañar a división, inda que conseguira o ascenso igualmente. Tamén na final da Copa Prestixio errei o último penalti e quedei noutro segundo posto, algo que tería asinado no comezo da tempada pero que nese intre sabía a pouco.

Corunna Đukić

Xa na First (Segunda) Division as cousas seguiron ben, ata a punto que, logo do meu primeiro ano na metade alta da táboa, conseguín asegurar o primeiro posto a falta dun partido para o remate da segunda tempada. O meu dúo de dianteiros foron boa razón para iso, pero é que ademais apañei un bo cadro de xogadores para o futuro, entrando varios bar rotacións para mellorar antes os seus números. Inda así, non sei se será abondo, porque para o seguinte ano, xa na categoría máis elevada, levarei o teoricamente peor equipo. Tampouco teño cartos para melloralo con xogadores de catro estrelas, así que tentarei manterme na Premier como poida, coas miras quizais en trocar a algún outro club máis potente.


Football, Tactics & Glory. Capítulo 6

O totalmente-non-Deportivo-da-Coruña non comezou mal no seu regreso á máxima división. Logo dunha merecida derrota na súa estrea, conseguiu impoñerse na casa, pola mínima, ao simulacro do Real Madrid. O resto da tempada non foi tan exitosa, e tiven que apurar nas últimas semanas para non baixar de categoría, librándome por moi pouco. Sen estar eu mínimamente posto no fútbol profesional, resultoume pouco realista, inda que ben divertido, o axustada que estivo a clasificación ata o final. Eu levaba unha media de punto por partido e tiven que mellorar para saír dos postos de descenso, mentres que os primeiros non debían ter moito máis do dobre de puntos. De feito, na seguinte tempada, atopeime no que pensaba eu que era unha posición cómoda para manter a categoría, pero xogueimo todo nas dúas últimas xornadas. Por sorte, tiven éxito, inda que cada vez que atopo unha estratexia rival baseada en centros dende a banda é un fracaso estrepitoso. Pola outra banda, debido a que o Corunna é dos peores equipos, xa non podo abusar dos números máis elevados para marcar goles sinxelos, como si facía en tempadas anteriores ou no Inazuma Eleven. Grazas a iso, puiden apreciar máis certos compoñentes tácticos e o importante de ter unha boa posición no taboleiro, inda que toque pagar a posesión do balón como prezo.

Corunna ascenso

Diría que non cambiei moito significativo no meu terceiro ano na máxima división, máis aló dunha fichaxe defensiva para o medio do campo que moitos balóns interceptou; tamén tiña a súa graza ver como os rivais sempre se afastaban del, co cal tiña un efecto notable inda que non o activase nunca. Supoño que en boa parte grazas á súa influencia, o Corunna FC pasou varias semanas como líder, e tiven boas opcións ata os dous últimos meses de conseguir ese título. Pero os postos altos estaban moi disputados e o meu equipo caeu ata a súa definitiva sétima posición, fóra da clasificación para as competicións europeas. É de supor que non chegaría moi lonxe nelas, pero os ingresos adicionais de seguro que virían ben para mellorar o club, especialmente na área das xoves promesas.

Pase longo

Isto lévame a pensar que non hai unha solución ao tema da inflación. Segundo entendín nalgún menú, os equipos da intelixencia artificial tamén melloran co tempo, polo que todos tenderán ás máximas instalacións e persoal non xogador. Teño curiosidade por ver como afrontan isto nun Football Manager, pero aí sempre poden implementar sistemas e mecanismos para atallar o problema sen que resulte contrario aos seus obxectivos simulacionistas. Tampouco sei a partires de que ano algo así podería influír, nin se será posteriori ao típico punto no que o xogo comeza a rascar e xa pide un novo comezo.

Oferta Yekaterinburg

Sexa como sexa, neste Football Tactics xa tiven boas ofertas para competir polo título supremo de varios países cun presuposto moito máis grande có do Corunna, pero agora mesmo segue a ter encanto o de continuar co equipo galego e, quen sabe, conseguir algún título importante. O meu plan pasa polo primeiro posto da liga ou outras tres tempadas, por poñer un final claro. Agora mesmo este é o meu xogo principal e, por mor da súa falta de final e do síndrome da quenda adicional, semella complicado de frear. Só agardo non cambiar de aires cara un Football Manager, que podería ser peor. Pero seguro que non lle diría que non ao Pyre.


Football, Tactics & Glory. Capítulo 7

Un tema do que nunca falei (e non será porque falei pouco) deste Football Tactics son dos gráficos dentro do partido. En principio é un tema menor para min, e penso que non trocaría moito a miña opinión se aparecesen chapas en lugar de persoíñas creadas en tres dimensións, pero a verdade é que están moi ben feitiñas para un xogo co presuposto que lle imaxino. Inda que todos teñen as mesmas animacións que, dito sexa de paso, non son nada esaxeradas e non cansan, os peiteados e os tons de cabelo e pel son diferentes, dándolle unha personalidade física a cada un que cumpre ben. Non sei se o salón de peiteado virtual está inspirado pola realidad, pero vexo moitos cortes que só levarían futbolistas ou rapaces de nove anos que ven demasiado fútbol, polo que me semella bastante verosímil.

Corte pelo

E xa vou coñecendo algunhas das caras do meu Corunna FC, polo menos as que marcan goles máis habitualmente. Dérame tres novas tempadas para acadar o obxectivo de gañar a liga, pero freei na segunda tras gañar a Copa Nacional. A anterior fora un poco fracaso, e esta non comezara especialmente ben, pero un día non sei que pasou e comecei a obter bastantes máis vitorias que empates ou derrotas, chegando ata os catros primeiros postos da táboa antes de baixar definitivamente ao sétimo, moi pretiño dos postos de entrada á Liga Europea. Pero a esas alturas eu xa tiña os ollos postos na Copa Nacional, na que fun gañando pola mínima grazas a unha defensa de ferro e algún gol de cando en vez. O mesmiño que fixen contra o poderoso Barcelona FC na final, conseguindo o primeiro título grande do equipo e deixándoo todo máis preparado para o asalto á liga. De feito, a presidencia ofreceume un novo contrato de tres anos con ese obxectivo. Non semella trivial nin imposible e, noutros intres, xa estaría comezando esa nova aventura ao mesmo tempo que redacto esta entrada, pero penso que xa foi abondo polo de agora.

Corunna Copa Nacional

Realmente, este é un xogo bastante ideal para unha consola portátil tal e como lle dou uso: os partidos son curtos, podemos parar en calquera intre e a partida pode ser retomada con pouco esforzo mental. Por eses motivos foime tan doado botarlle 70 horas en relativamente pouco tempo, mais penso que vai sendo hora de cambiar de aires. Non me importaría volver nun tempo para gañar esa miña primeira liga ou para ver que tal no torneo europeo, ao que conseguín acceder por gañar a Copa, pero non é un segredo que gusto de probar cousas novas e este xoguiño xa o teño demasiado aprendido. Todo será cuestión de como de entretido estea con outros desafíos e canta fortaleza mental teña para evitar a tentación de avanzar un partidiño en cinco minutos que atope libres. Porque de aí a avanzar toda unha temporada hai un pasiño ben pequeno. Sei do que falo.

Corunna futuro