Golden Axe II
A pouco de ter rematado o primeiro Golden Axe decidín comezar con esta segunda parte. Lin por todos lados que era case exactamente ó anterior, polo que supuxen que simplemente habería novas maxias, niveis e inimigos, co resto non cambiando. E o que me atopei foi iso mesmo, pero non, e inda agora non teño moi claro como explicalo, así que farei unha pequena crónica.
Volvín manexar o anano Gilius Thunderhead, que desta vez perde o ataque ese de rodar polo chan e gaña unha tolería non tan útil para golpear ambos extremos o mesmo tempo. O resto, agás o sistema de maxia que agora permite escoller o nivel, é practicamente idéntico, polo menos na súa esencia. Hai moitos tipos de inimigos que repiten dende o anterior, os especiais seguen a ser xigantes, gústalles moito a todos o de cargar en liña recta, podes facer que caian polos ocos do escenario outra vez, hai outras tres monturas con seguramente máis carisma e menos utilidade que as orixinais, e moitas outras cousas. Non obstante, a sensación que tiven era que non estaba xogando unha expansión do primeiro, senón que esas pequenas variacións de velocidades e movementos sacábanme da zona totalmente. Acabei abandonando a partida no terceiro nivel. Uns tres niveis que, por certo, non me soaban nin un pouco. Tampouco os novos feiticeiros que levan enriba os libros de conxuros que fan as veces de apócemas máxicas; antes de comezar pensaba que obviamente o tería xogado no seu día na consola orixinal, pero agora estou convencido do contrario.
Nesta emulación ofertada en Steam vén tamén un logro que decidín intentar: facer que 25 inimigos caian dos escenarios. No proceso de avanzar no xogo mentres safisfacía ese requirimento foron varias as veces que os inimigos tiráronme a min por eses ocos e decidín abandonar esa partida. O primeiro tento serio chegou ata case diante do xefe semifinal, pero valeume para aprender como superalo na seguinte vez. Basicamente é un xogo de paciencia, no que os inimigos castigan moito iso de intentar apurar os golpes ou a marcha. Non foi unha partida limpa en absoluto e precisei todas as continuacións, pero aproveitando que o ataque en salto estático freaba todas as cargas e que, máis ou menos, xa sabía como aproximarme ós inimigos grandes con moito alcance, conseguín chegar ata a loita final. Alí, o xefe co machado dourado non paraba de invocar esqueletos, o cal dificultou moito a miña tarefa de darlle boa conta. Por sorte, o xogo é algo xeneroso nese aspecto e os inimigos fan o parvo uns instantes despois de que o xogador se levante. Con todo o aprendido, e aproveitando ese comportamento para dar uns golpes gratis, conseguín chegar o final e… salvar o reino outra vez? Non sei, penso que me saltei todos os interludios agás o primeiro.
Unha vez rematada a aventura mirei atrás e non entendín porque me resultou tan duro o troco da primeira a esta segunda parte. Agora que non teño a memoria muscular acostumada á precuela, non vexo como puiden atopalos tan diferentes se semellan case o mesmo; será un tema máis de sensacións que técnico. Xa postos, tocará algún día subir o nivel e darlle á terceira parte, na que xa me parece a mí que trocaron bastantes máis detalles.