<<

Jetboard Joust

Esquecérame totalmente da miña maquiniña do Defender ata que escribín a entrada sobre o PAC-MAN Championship Edition 2, o cal verifica a miña intención de deixar todo escrito antes de que ese esquecemento sexa irreversible (que non é que cambie nada nin que se perda gran cousa, pero inda non son capaz de fuxir da miña humanidade). Quizais lendo as críticas deste Jetboard Joust tería lembrado de novo esas experiencias, xa que moitas citan o xogo orixinal de Williams para facer as súas comparacións, algo que non agocha o creador. As similitudes están claras, xa que ten dende o minimapa ata o sistema de secuestro de unidades. A novidade é un sistema roguelike con melloras temporais, elección de rutas e mortes permanentes. Ou iso é o que penso, porque a hora e pico de xogo que tiven non me deu para aprender moito deses metasistemas.

Resumo

Antes de nada, recoñecerei que o xogo non me entrou ben. Inda que alardea de non ter historia, o programa comeza cunha explicación da ambientación duns poucos minutos que, ata onde eu atopei, non se pode saltar. Logo existen algúns momentos nos que as animacións de transición duran moito para o que son, e ata é algo lento a colleita das vantaxes e o progreso ao seguinte nivel unha vez superado o actual. Dá a sensación de que intenta extender artificialmente a duración con eses pequenos toques, cando é algo que non lle fai falla en absoluto porque o xogo en sí xa a lento e longo abondo para acumular tempo.

Intro

Tampouco axuda que o protagonista, enriba do seu monopatín voador, non sexa o máis áxil da galaxia. Existe a mecánica de joust, que pon parte de nome ao título e permite desprazarse máis rápido, pero está tristemente limitada a un certo número de usos, o cal é unha mágoa. O mesmo sucede coas armas especiais que, por moi divertidas que poidan resultar, non animan a ser empregadas ata as loitas finais de cada nivel. Iso se é que as atopas, xa que na miña segunda e última partida pasei de apañar unha no primeiro nivel e non atopei ningunha nos seguintes, inda que polo menos mellorei a pistola básica varias veces. Iso resultaba máis que abondo para os inimigos normais, pero era algo pesado para os que tiñan moreas e moreas de puntos de vida, contra os que tiña que tomar unha actitude moi defensiva, aproveitando ao máximo as características da súa intelixencia artificial. Aí si que me sentín xogando un xogo dos anos 80, pero seguramente da peor maneira posible.

Explosións

Logo desa segunda partida decidín desinstalar o xogo, principalmente polo repetitivo da acción, pola lentitude de avanzar e polo lonxe que vía o final, tendo que comezar outra vez dende cero. Agora sei que hai algúns atallos para iso, o cal penso que normalmente sería unha motivación axeitada. Pero neste caso o único que podo lembrar é que, por primeira vez en moitísimas horas coa Steam Deck, as miñas mans doeron un pouco nas curtas sesións de xogo. O problema era do meu inconsciente: como a nave desprázase de maneira tan pouco fluída, eu dáballe máis forte á panca de dirección para compensar, mantendo a garra nunha posición moi tensa. Curiosamente, para rematar, aí vai outro enlace, a través de Chandler Bing, entre esta reimaxinación moderna do Defender e aquela do PAC-MAN.