<<

Jurassic Park

Xunto co Shinobi, este Jurassic Park era o outro xogo de acción/plataformas da Game Gear que máis xoguei. Antes de comezar este repaso á miña historia coa portátil de Sega, non sabía ben se lle adicara máis horas de xogo aos ninjas os aos dinosauros. Pero, logo de revisitar ambos, penso que quizais o paseo polo parque xurásico sorprendeume algo máis. Non é tanto que esquecese totalmente algúns fragmentos, senón máis ben que non era capaz de adiviñar as diferentes partes até que aparecían na imaxe. Moitas veces penso que sería boa idea poñer por escrito previamente o que lembro ou imaxino sobre un determinado xogo antes de enfrontarme a el. Coido que nestes dous casos da Game Gear resultaría especialmente interesante, mais agora xa é tarde para calquera cousa que non sexa comentar a nova experiencia.

Os primeiros catro niveis podemos acometelos en calquera orde. Teñen todos unha dificultade semellante e non hai nada relevante que poidamos levar dun a outro. Antes de cada un existe unha fase de disparos dende o coche que se presenta coma unha pantalla de bonificación pero que ten bastante importancia, porque outorga até dúas vidas adicionais e un incremento en dous terzos nos puntos de golpe de cada unha. A miña personalidade interpreta máis ben a non obtención desas vantaxes coma un fracaso, mais non tiven que lamentarme en ningunha das dúas partidas que xoguei, polo menos por ese motivo. O que xa non me gustou tanto foi o de perder unha vida contra o triceratops e outra contra o tiranosauro final na miña primeira volta. De feito, esa foi a motivación para a segunda partida, na que si que conseguín vencer o xogo sen perder ningunha vida.

De aí derívase que o xogo é moi doado. Hai vidas adicionais a esgalla e posibilidade de “continuar”, inda que facer isto último bloqueará o derradeiro nivel e a obtención do final bo. Nel desdícese todo o que poderiamos imaxinar sobre esta saga, xa que remata moi positivamente sen trucos. Todo iso logo de amosar, na introdución, todas as desfeitas, tanto vitais coma materiais, que causaron os dinosauros ao fuxir en catro puntos particulares da illa. A tarefa da protagonista será desprazarse aos puntos quentes e controlar a solución, para que o parque poida abrir as portas a tempo e non perder ingresos. Todo cun ton moi serio, pero se iso non é unha crítica a como o capitalismo valoras os beneficios económicos sobre calquera outra cousa pois eu xa non sei que é.

Para acadar tal fin, poderemos trocar de arma en calquera intre a través do menú de pausa. A doutora Alan Grant (non parece o mesmo ca o da película ou o da versión da Master System) manexará un rifle de asalto, un anti-aéreo explosivo ou unhas granadas de lume para poñer a durmir aos diferentes dinosauros que se atope. Ningún animal virtual será ferido durante o transcorrer da partida, ou iso será polo menos o que nos queren contar. Isto tamén inclúe a loita final contra o Tyrannosaurus rex, onde teremos que botar caixas pola súa cabeza e lombo até que decida botar unha soneca. É a loita máis complicada do xogo e vén precedida do nivel máis longo, inda que curiosamente acertei coa porta correcta na última habitación, polo que podería ser ben peor.

Con todo, foi unha experiencia tranquila e axeitada. Este xa o vencera nos meus tempos mozos, inda que seguramente sen toda a mestría actual porque recordo non sempre obter o mellor final. Coido que, por moito que antes puidese adicarlle moitas máis horas a isto dos videoxogos, hoxe en día teño moita máis paciencia, habilidade e outras calidades de bo xogón. Este caderno, que case culmina con esta entrada a pouco de dous meses de estrealo, é o testamento, xa que aglutina unha morea de xogos de moi diversos xéneros, superados en boa medida. Curiosamente, comezarei o seguinte escrito falando dun videoxogo que me venceu sen chegar eu sequera a un terzo de completalo. Toda unha lenda!