<<

Lara Croft GO

Nunca fun seareiro da saga Tomb Raider, e a miña última experiencia non foi satisfactoria. Non obstante, a conversión a xogo por quendas cun estilo gráfico minimalista iluminado (lembroume ó Monument Valley) entroume ben polo ollo. Este Lara Croft GO consiste en recrear unha aventura da arqueóloga pasiño a pasiño con calma, xa que as alimarias, trampas e ata a forza da gravidade agardarán pola protagonista antes de poñerse en movemento. Curiosamente, non é posible “pasar” unha quenda para que o resto do mundo prosiga o seu ritmo, situándonos de cando en vez nunha situación de zugzwang, na que os únicos movementos válidos resultarán na morte de Lara. Ó contrario ca noutros crebacabezas coma o Catrap ou o Baba Is You, non se permite desfacer a última xogada, polo que neses casos haberá que repetir toda a área dende o comezo.

Esta repetición non será moi dolorosa porque as áreas son pequenas e tirando a doadas. Nunca me atopei atascado como para ter que recorrer a unha guía ou ás solucións de pago incluídas na propia aplicación; agora mesmo nin lembro algún escenario que non rematase superado nuns poucos minutos. Tamén é certo que non probei as aventuras adicionais, que teñen sona de ser tan complicadas coma pouco interesantes. Da mes maneira, tampouco me esforcei en atopar as vasillas e outros obxectos agochados polos escenarios. Ó tratarse dun engadido que pon a proba a capacidade de observación do xogador resultoume alleo e nada grato para un xogo deste estilo.

O meu descoñecemento das tradicións da saga non me permitiron apreciar todas as referencias deste GO ós videoxogos anteriores, mais si que notei cousiñas coma a necesidade de erradicar toda a fauna local para poder obter os tesouros. Entre serpes, lagartos e arañas, cada un co seu padrón de comportamento, teríamos cadáveres para encher unha tumba ben grande con pouco que saquear. De feito, unha gran serpe raíña fai as veces de xefa final nunhas escenas que aproveitan ben todo o deseño para facer esa ilusión dunha gran loita coas mecánicas xa coñecidas. Logo só faltaba fuxir do templo contra o reloxo (ou algo semellante) cun bo sabor de boca. Inda que non fora unha experiencia definitiva, si que foi un entretemento válido que sempre levaba no peto! Mais perde un punto porque o sentido das serras circulares non se pode determinar sen lembrar o movemento da quenda anterior.