<<

Lost For Swords

Non sabía eu que me metía a unha demo cando baixei este Lost For Swords no meu móbil, e moito menos que era dun xogo que estaba en desenvolvemento. Case mellor, porque doutro xeito quizais pasaría sen ter xogado, e as bases que están aí son máis que abondo para pasar bastante tempo dunha maneira divertida. Ademais, coido que, inda que só toquei unha das dúas personaxes, resultoume máis longo que curto, porque o deseño ten certas limitacións que saen á luz cando entendemos como xogar para gañar. E eu xogo para gañar.

Se esta fora unha páxina seria, desas cunha imaxe xigante na cabeceira, un titular atractivo-case-mentireiro e publicidade por todas partes, aquí tería que facer un inciso para falar do Slay the Spire, como asentou as bases e como segue a ser un referente moi copiado no xénero. O éxito de Megacrit (pois semella que é moi importante nos medios serios o de mencionar a compañía que fixo o xogo), queira eu ou non, tamén está sempre na miña cabeza cando atopo cousas similares. Neste caso, ademais da filosofía abstracta da dixitalización dun construtor de barallas, tamén colleron o de desbloquear máis cartas de cada personaxe a medida que xogamos, que debe ser, xunto á famosa programación espaguete, o único que non hai que copiar da Spire.

Baralla

Neste caso é inda máis notable porque hai bastantes menos cartas, e o meu arquetipo da cabaleira baséase en armaduras de valores altos e unha carta específica de feitizo. Porén, atopaba que cada carta desbloqueada baixaba as miñas probabilidades de éxito porque facía máis complicado atopar novas copias do feitizo ou engadía máis armas inútiles como opcións. Menos mal que desbloqueei cedo o conxunto alternativo de cartas iniciais do cabaleiro, que xa incluía unha copia dese feitizo que facía dano, igual á armadura do cabaleiro, a todos os inimigos visibles que compartan o maior número de puntos de vida. Foime moito máis divertido e eficiente aprender a maximizar o seu emprego que andar coas armas e xestionando os puntos de dano. Con esa estratexia acadei vitorias en todos os niveis de ascensión dispoñibles ata o momento na segunda e máis complicada torre. Aí é o teito da demo e un bo punto para parar. Xa comezaba a ser repetitivo.

Armadura

Todo iso co cabaleiro. Xoguei unha partida co pícaro unha vez desbloqueado pero atopei que o estilo de xogo non ía moito comigo. Quizais tamén teña un xiro en forma de cartas diferentes que modifiquen totalmente o estilo de xogo, pero seguramente non escapará moi lonxe das regras do deseño do xogo que xa vin. Esas regras que valoran en exceso unha baralla pequena e que, ao mesmo tempo, fan moi doado o de levar un número de cartas mínimo. E, dado que as cartas que podemos ver en cada nivel están limitadas en número, iso é precisamente cara onde tenden todas as miñas barallas. No Aeon’s End, por exemplo, sabes que vas percorrer todas as cartas e, incluso, podes estimar máis ou menos cando chegará algunha en particular. Aquí cabe a posibilidade de que engades unha armadura de máis e quede o feitizo de facer dano en base á defensa totalmente fóra dun encontro. É un risco que non paga a pena correr e fácil de evitar, polo menos para os que xogamos a gañar.