<<

Project Starship

Os xogos de naves e disparos non son dos meus preferidos ultimamente. Non hai máis que mirar a listaxe de xogos deste diario para decatarse de que, na súa versión máis pura, só documentei o meu paso polo TransBot nestes case cinco anos de diario. Nesa mesma entrada dicía que me gustaría probar algúns máis modernos, pero que quizais non tería a paciencia precisa. Agora, pensando máis no tema, coido que é máis medo ó fracaso que outra cousa. Sigo a outros xogóns, coma Edward, que son uns expertos neste tipo de xogos e, ind así, poden levarlle máis dun mes superar un determinado xogo nun único crédito. Ben é certo que eu podería escoller algún sinxelo, definir as miñas propias regras de éxito para que non sexan tan estritas ou simplemente xogar por diversión e tentar mellorar pouco a pouco. Non desboto probar algún día co Jamestown en Steam, que adoita ser dos recomendados para iniciarse e un que xa xoguei no pasado, pero desta vez estiven con este Project Starship co que din un pouco ó chou.

Inferno

Digo un pouco porque estar xa estaba na miña ludoteca virtual dende 2016, o mesmo día que activei outros xogos de dudosa calidade. Coma moitas outras veces, accedín á páxina da tenda dun xogo que xa tiña para que me vendesen se paga a pena ou non adicarlle o meu tempo. As críticas repetían que era un bullet hell roguelike de partidas curtas que as veces podía ser moi frustrante porque creábanse padróns ó chou que non se podían esquivar. Curiosamente esa anotación foi a que me convenceu de probalo: se o xogo non pretendía que esquivase complexos muros de balas deseñados para que só exista un pequeno oco polo que escapulirse, entón tampouco vai requirir unha memorización tan grande coma outros shmups. É unha razón pouco común para preferir un xogo pero alá que fun con ese argumento e pouca idea do que me agardaría.

Morte

E inda así levei unha grata sorpresa cando vin que os padróns dos xefes de cada nivel non dependían (moito?) do azar. Pero para chegar ata eles hai que pasar por unhas zonas con inimigos normais que poden ser máis que infernais. Por sorte, moitas veces podemos destruílos para conseguir algún escudo extra e así aumentar as nosas posibilidades de éxito. Por desgraza, o número de eses escudos e o número e calidade doutras bonificacións importantes si que dependen moito do chou, polo que a miña primeira partida foi un paseo ata a vitoria pero terían que aliñarse os astros para encadear outra boa serie de melloras. A idea e conseguir tres vitorias no modo principal, cada unha con novos xefes finais, pasando por Cthulhu ata que acabamos destruíndo a Deus nunha loita moi complicada que solucionei a primeira vez que cheguei a base de forza bruta. Porque, despois de todo, é substancial ter o disparo principal potenciado, xa que pode reducir en moito o tempo que tardaremos en vencer a cada xefe, sendo esta a maneira máis doada de sobrevivir para un novato no xénero como podo ser eu.

Raro

Isto púxose inda máis de manifesto no modo no que só hai pelexas contra xefes. O obxectivo do último logro é vencer a Deus deste xeito, pero para iso:

  1. Hai que chegar ata o sexto nivel, e os xefes previos son moi complicados.
  2. Hai que sobrevivir abondo contra el para dar conta da súas barras de vida nas diferentes etapas.
  3. Hai que atopalo, xa que pode non aparecer no sexto nivel senón máis adiante.

Nivel

Tiven sorte porque, cando cumprín o primeiro e terceiro punto, tiña escudos abondo e armas poderosas como para, basicamente, intercambiar golpes con el e saír vitorioso por moi pouco. Supoño que alguén que controle do tema podería atopar algúns ocos onde atacar mentres esquiva os millón de balas, pero no meu caso tiven que escoller entre atacar ou esquivar nun recuncho no que era bastante complicado e, inda así, non conseguía case baixarlle a vida. Con ese método tan videoxoguil de abusar do tempo de invulnerabilidade tras un impacto, conseguín vencelo e que me deran ese logro que levaba perseguindo varias horas. Inda que cada partida levaba entre 10 e 20 minutos, xa estaba bastante amolado de ou ben non chegar ata o sexto nivel ou ben non atopar a este xefe alí. De feito, foi nesta derradeira partida tan tensa cando por fin apareceu nun nivel con dous díxitos, o que polo menos serviume para apañar boas melloras.

Ósos

Quizais, agora si, xa estou listo para un xogo máis clásico, técnico e menos azaroso? Non direi que non me quedaron ganas!