<<

Skyborn

Artigo escrito en marzo de 2018, antes da fundación desta páxina, e publicado agora por mor do segundo aniversario da mesma.


Skyborn é outro xogo feito en RPG Maker que xa tiña na miña conta de Steam. Nos primeiros minutos tiven un pouco de medo porque houbo uns chistes relacionados co matrimonio forzado dignos do Memories of a Vagabond. Por sorte, era simplemente unha maneira de reforzar a independencia da protagonista feminina.

O equilibrio entre personaxes femininos e masculinos está moi ben: dos cinco membros “elixíbeis” para ser controlados polo xogador tres son mulleres e ningunha encaixa nun rol “feble” como podería ser unha curandeira ou unha personaxe de apoio. A malvada emperatriz tamén é unha muller, así coma outras inimigas xenéricas. Iso si, pese ater unha historia de loita entre razas, case todos os personaxes son de pel branca, aínda que isto podería ser tamén por razóns de axudar á narrativa, non me ficou de todo claro.

O mundo no que se sitúa a trama recorda aos steampunks de algúns Final Fantasy, coas súas naves voadoras, mechas e algúns toques de ciencia-ficción mesturados cunha fantasía máis clásica. A historia ten un certo sentido e está ben ligada aínda que non é nada de outro mundo. Os personaxes son auténticos e non demasiado estereotipados.

As mecánicas dos combates tiñan boa pinta no comezo polo sistema de ameaza que dirixe os ataques dos inimigos, pero pronto deixeime de preocupar e xoguei coma se non existise. Moitas habilidades e combinacións son demasiado poderosas e outras totalmente inútiles: unha vez descuberta unha maneira de afrontar os combates pouco máis varían. A maioría das loitas son evitábeis e, pese a esquivalos na medida do posíbel e “perder” a experiencia, os combates foron bastante doados (a falta de completar o xogo totalmente co contido “extra”).

O sistema de facer obxectos e aumentalos non funciona mal de todo pero semella ser moito para un xogo tan lixeiro, quizais axudaría esquecerse de todo o sistema de equipamento. Supoño que é un pecado moi habitual nos xogos deste estilo o de incluír máis mecánicas das necesarias simplemente porque é tradición do xénero.