<<

Slice & Dice. Capítulo 1

No ano 2009 tiña pensado gañar algo de diñeiro facendo aplicacións móbiles para Android pola miña conta. Deixei todo preparado, aprendín os básicos máis básicos pero nunca fixen nada útil e, obviamente, nunca gañei un peso. Pode que fora porque non tiña as ideas, porque non tiña a motivación, porque o Heroes of Newerth entrara na miña vida ou porque os usuarios tampouco deixaban moitos cartos no mercado de Android. Sen dúbida, eu son un deses que non merca case nada aí, xa que dende ese ano que tiven o meu primeiro teléfono intelixente debín mercar unhas tres ou catro cousas, sendo xenerosos porque agora mesmo só lembro o Tasker e o Slice & Dice deste artigo.

Combate

Todo comezou inocentemente co acceso á demo do videoxogo. Sen publicidade nin transaccións máis aló de mercar o xogo completo, parecía unha forma inocua de pasar uns intres. Craso erro. Os doce niveis (no canto dos vinte do xogo completo) semellaban abondo para ter unha experiencia completa inda que as personaxes e dados estivesen limitados a un subconxunto dos totais. Mais logo de superar a dificultade media, a difícil e perder na insensata tiña moitísima curiosidade por como puideron seguir evolucionando ese deseño de aparencia tan sinxela e execución tan precisa. E pasei por caixa. E non me defraudou nin un pouco.

Vitoria

Partida a partida fun entendendo un pouco máis todas as áreas do xogo e o refinadas, sen excepción, que se atopaban. Non é que só o modo principal funcione ben e nos anime a xogar quenda tras quenda e loita tras loita para ver a seguinte mellora e saber se superaremos, esta vez si, ó xefe final. Senón que hai moreas de modos adicionais para cando rematemos o non tan complicado modo normal e unha morea de logros para ir desbloqueando. Cada un deles, ademais, desbloquea algunha personaxe ou obxecto novo que, sen ser estritamente superiores ós básicos, dan moita más variedade ó asunto, algo que é moi preciso neste xogo.

Logro

Eu confesarei que xoguei moito en moi pouco tempo coa escusa de levalo sempre no peto e poder ter interaccións de segundos cun avance palpable. Fun saltando de modo en modo sen prestarlle moita atención en particular a ningún ata que cheguei ó blursed, que non ten fin e vai outorgando bendicións e maldicións permanentes cada certo número de niveis. Levaba xa varias voltas cando, supoño que máis por aburrimento que por outra cousa, xa que ía gañando de sobra todos os combates, decidín escoller unha personaxe moi arriscada con pouca sinerxía e, ó mesmo tempo, engadir un desafío complicado adicional ó seguinte combate. Esa hidra foi demasiado para os meus inútís xemelgos e fiquei con cara de parvo ó ver que perdín no nivel 91. Se polo menos chegase ó número 100 quedaría algo más satisfeito, pero non sei canto tempo me levou e, agora mesmo, non teño maior interese en repetir a fazaña.

Erro

Non obstante, o xogo permanece instalado no móbil e non descarto volver a el hoxe mesmo, inda que descoñezo que modo escollerei ou se tentarei ir na procura dalgún logro novo, se cadra nunha dificultade doada para non terlle que dar moito á cachola e simplemente gozar de como rodan os dados e as cabezas dos inimigos.


Slice & Dice. Capítulo 2

Non sería sorpresa para ninguén que xogase outra morea de horas a este xogo de dados no meu móbil. Fun desbloqueando pouco a pouco todos os modos de xogo e gozando con todas as posibilidades engadidas que outorgaban, dende non poder subir de nivel os heroes iniciais a cambio de máis obxectos, até un grupo o dobre de grande que loitaba contra o dobre de inimigos. Un universo enteiro de posibilidades estatísticas de mans deses dados se atopaba fronte a min, xa que ademais moitos deses novos modos de xogo tamén teñen diferentes niveis de dificultade para darlle máis graza o asunto. Pero aí foi cando empecei a fracasar continuamente e a non pasalo tan ben (seguramente ambas cousas están relacionadas).

Suicidio

Mais, antes de contar todas esas miserias, prefiro continuar con todas esas cousas que fai tan ben o xogo e que resultan realmente inspiradoras, en boa parte pola súa lóxica e sinxeleza. Unha das máis notables é contraria ó que fan moitos outros xogos do estilo, entre os que destaca o Slay the Spire: pódense desfacer todas as accións de combate dunha quenda sen límite, agás as roladas por unha cuestión obvia. Isto non é causalidade, xa que, sen dúbida con ese obxectivo en mente, todos os desenlaces dos dados dos xogadores son totalmente deterministas. Isto permite liberar moita carga mental de simular na mente todos as accións e disparadores e permite explorar todo o estado de decisións sen penalizacións. Moitas veces abuso de iso para analizar que impacto terían os dados actuais e ver cales debería tentar de cambiar a súa cara para eliminar os inimigos ou salvar os compañeiros.

15 danos gratis

Afondando no deseño de crear escenarios ó chou proceduralmente para que o xogador intente facelo o mellor posible, tamén hai que comentar o sistema de dificultades tan ben pensado. Basicamente existen unha morea de maldicións e bendicións cunha puntuación variable dependendo do nivel de cada unha, que en moitos casos tamén escala de maneira algorítmica. Para cada dificultade hai que atopar unha combinación na que a resta de puntos de maldición e os de bendición supere un determinado número. Deste xeito cada partida pode ser moi diferente da anterior xa de partida, o que aumenta moitísimo máis as combinacións totais unha vez que engadimos os personaxes, obxectos, inimigos e eventos ofertados.

Dragón cedo

Con todas esas posibilidades de diversión ó meu alcance, eu decidín, como xa dixen no meu primeiro parágrafo, pasalo mal. Cegueime con certos desafíos moi complicados nos que era moi común que perdese na primeira decena de combates. De feito, diría que, de todos os que intentei, só conseguín superar a dificultade fácil do modo de obxectos, e levoume bastante tempo. Outros foron fracaso tras fracaso, como o de conseguir unha vitoria na dificultade “brutal” ou dúas consecutivas na “inxusta”. Este último foi especialmente sangrante porque no meu primeiro paso conseguira a primeira vitoria no segundo intento e agora non lograba nunca comezar eses éxitos encadeados. Ó final decidín desquitarme un pouco no blursed onde cheguei a 176 vitorias cando no anterior capítulo fiquei moi preto dos 100. E agora non sei que farei. O máis probable é que xogue un pouco máis sen ter nada que contar, porque o xogo quedará aí instalado polo de agora!

Estatísticas