<<

Sonic Chaos

Sempre que o investigo, sorpréndeme o moito solapamento que hai en datas entre as diferentes xeracións de consolas. Para a miña mente infantil, a Mega Drive era unha evolución da Master System e non había razón para publicar xogos para esta última logo da estrea da primeira. Obviamente nunca pensei que, existindo títulos de Sonic en ambas, non tiña sentido ningún a miña teoría. É dicir, cando eu xogaba por vez primeira ao Sonic the Hedgehog na miña consola de oito bits xa había algunhas rapazas movendo o ourizo a toda velocidade no dobre de bits. Hoxe toca volver a eses tempos co Sonic Chaos da Master System, o derradeiro publicado nesa plataforma e coetáneo do louvado Sonic CD.

A novidade que primeiro salta á vista é que o xogo é moi doado! Non existen moitas situacións complicadas nos niveis habituais (curiosamente Turquoise Hill é bastante semellante a Green Hill) e, inda por riba, foime moi sinxelo acumular varias decenas de vidas na miña primeira partida para superar o xefe final sen problemas. Isto foi grazas á outra variación sobre os clásicos: ao sumar cen aneis nun nivel, superámolo automaticamente e pasamos a outra pantalla especial onde voaremos para acumular moreas e moreas de aneis. Con esas condicións, acadei esta fase unhas catro veces nos dezaoito actos que compoñen a aventura, logo das cales o Doutor Robotnik escapou nunha cinemática semellante á do prólogo. De aí nuns intres aparecía no medio da pantalla un texto xigante que poñía “volve a intentalo”.

O único Sonic clásico que superei sen trampas nos últimos tempos foi o 2 de dezaseis bits, e aí si que había créditos inda que non apañase as esmeraldas. E iso era precisamente o que tería que facer neste Chaos se quixera obter un final axeitado. Ou algo así, porque ao facelo os créditos apareceron pero non houbo un verdadeiro final satisfactorio. Dito o cal, non me arrepinto de terlle adicado o tempo preciso para tal logro. Levoume un par de tentos completos, e outros poucos parciais, conseguín aprenderme ben as cinco fases especiais que aparecían ao xuntar un cento de aneis. Porque non, non eran niveis de bonificación para obter vidas a esgalla, xa que agochan unha esmeralda do caos cada unha.

Outra facilidade que nos agasalla o xogo é que os monitores con vidas adicionais escondidos nos actos reaparecen logo de morrer, polo que unha táctica válida, que empreguei bastante, é apañar a vida adicional e logo forzar un suicidio se perdía aneis polo camiño e complicaba a recolección da centena. O maior risco desta maneira era avanzar moito e chegar ao segmento final que non permite volver atrás. Porén, centrei as miñas exploracións nos comezos dos niveis, trocando o clásico espírito de Sonic de ir a todo filispín por outro máis calmo e exhaustivo. Entre iso e ter que adiviñar como obter a esmeralda en cada un dos cinco niveis especiais antes de que rematase o tempo, a experiencia parecía máis un crebacabezas de plataformas ca un xogo de acción habitual. Nin sequera os xefes finais de cada zona eran complicados, xa que podemos chegar a eles con aneis e varios son destruíbeis rebotando sobre eles sen risco nin habilidade, mais sempre cunha freada no número de imaxes por segundo, ao igual ca boa parte do resto da aventura.

Foi un entretemento non moi esixente que agradecín ben logo de ter os videoxogos case sen tocar no último mes e pico, xa que andei involucrado nalgunhas partidas de rol e non moi interesado nas experiencias virtuais con pantalla. Teño o Persona 3 parado dende hai tempo, con ánimo de continualo algún día, inda que xa non lembre que o equipo de voleibol adestra luns, mércores e venres. Esa tamén é unha vantaxe de xogos clásicos coma os Sonics, que requiren menos esforzo mental para volver a eles. Se cadra até escollerei outro antes de tocar de novo ese Shin Megami Tensei.