Street Fighter: The Storytelling Game. Creación de personaxe

Canto atopei o xogo de rol oficial de Street Fighter xa levaba uns anos morto e nunca conseguín xogar unha partida. O novo milenio inda estaba comezando, pero White Wolf só publicara contido en 1994 e 1995, e ningún dos libros foi traducido oficialmente a ningún idioma. De calquera maneira, conseguín botarlle un ollo grazas á maxia de internet e fiquei atraído pola posibilidade de crear os meus propios personaxes e facelos loitar ao xeito dun dos meus videoxogos preferidos. Tamén é certo que durante ese tempo enredara co M.U.G.E.N, pero o de incluír un personaxe propio se me facía grande. Inda así, tampouco fun quen de completar unha ficha de personaxe neste xogo de rol, algo que non era nin tan complicado. Agora teño as maneiras e as intencións, así que agora empezo a ver se teño… ganas.

Victoria Ibarbourou é unha rapaza galega de pais uruguaios. Adestrou nunha escola de capoeira local, aprendendo todo o que lle puido ensinar a súa mestra. Ao combinar ese coñecemento coas súas grandes calidades físicas deu lugar a unha campioa do país con poucos rivais que lle poidan arrostrar. É común vela xunto a Roi, unha londra moi limpa que, ás veces, actúa con máis intelixencia que Victoria. Agora, tanto ela coma Roi teñen pensado viaxar ao Brasil, país de orixe da súa arte marcial preferida, onde se rumorea que hai un home-besta que mestura toda a súa animalada cós fundamentos da capoeira, converténdose nunha terrible forza da natureza. A verdade é que non ten nin idea de como atopalo nin que fará unha vez chegada, xa que simplemente posúe o nome dun loitador local e os cartos mínimos necesarios para a viaxe e unha semana de subsistencia. Pero iso non será o que lle poña freo.

O sistema de xogo, e por tanto a ficha de personaxe, seguen as convencións do Mundo de Tebras, que coñecín hai pouco grazas a Mago: a Ascensión. O primeiro que hai que facer é distribuír os atributos, repartindo 7/5/3 puntos adicionais nas categorías de físico, social e mental. Este é un xogo de loita, e ademais encaixa coa descrición de Victoria, polo que os 7 puntos irán para a parte física: maximizando a destreza con 4 puntos e potenciando a forza con outros 3; o vigor fica no nivel inicial porque non está moi acostumada a que batan nela. Na sección social non destaca, cun punto adicional en aparencia e outros dous en carisma. As aptitudes mentais resúmense nunha percepción moi boa e o xusto de raciocinio para acertar de cando en vez nos intres importantes.

Nas habilidades, leva o máximo inicial en prontitude, agocharse e sobrevivir, que son as aptitudes que sempre lle permitiron aforrarse leas fóra da arena. Para os antecedentes escollín un punto en sensei e outro en contacto para que encaixase coas súas relacións na Galiza e no Brasil, respectivamente; os detalles de ambas cousas quedaron no ar para ser desenvoltos na partida. O antecedente importante é o compañeiro animal, con tres puntos, que simboliza a Roi e o vínculo especial que mantén coa nosa protagonista de hoxe: isto debería permitir obter axuda da londra en combate en situacións alleas a combates oficiais, inda que non escollín manobras especias axeitadas para tal fin. Nas técnicas van os tres puntos máximos en patadas e atletismo para deixar claro a súa especialidade de combate, e un total de catro (empregando 10 dos 15 puntos de bonificación) en bloqueo, que me gustaría interpretar coma a súa capacidade para evadir os golpes.

Por último, as manobras especiais que poderá empregar nos combates. Con backflip kick poderá golpear ao rival e ampliar a distancia entre ambos, unha distancia que logo poderá acurtar con rolling attack. Drunken monkey roll equivale a eses movementos de esquiva típicos da capoeira (polo menos para alguén que a coñece de lonxe, coma eu) e pode que compense a falta da manobra de salto, haberá que velo en acción porque do sistema en si inda non controlo moito. Os 5 puntos de bonificación que restaban dan para mercar unha combinación de bloqueo á patada-pinchacarneiro e un punto adicional de forza de vontade para poder trocar de idea no medio da loita.

E iso foi todo! A folla de enriba está rota en moitos navegadores e escrito parece moita máis lea do que realmente foi crear a personaxe. Mais unha vez entendido todo o proceso, que non é complicado, o que máis tempo leva é a escolla das manobras especiais; polo menos só tirando do libro básico, xa que hai material adicional a esgalla e unha comunidade moi viva, especialmente no Brasil. Agora faltaríame probar o sistema de loitas, que coido que pode funcionar bastante ben con dous contendentes, inda que se cadra pode que xa fora superado tecnicamente por xogos de taboleiro coma Exceed, Yomi ou BattleCON, pero como tampouco tiven opción de xogar ningún deses pois fico como estaba. De calquera maneira, este ten o interese engadido de ter a licenza de Street Fighter e ser un xogo de rol onde os personaxes evolucionan.