<<

Super Mario Land

Xa contara por este lar que o Super Mario World fora o meu primeiro xogo de Mario. Custoume 10.000 pesetas nun rastro, pero viña coa Super Nintendo para xogalo e o Mortal Kombat 2. Pero, logo de pensalo un pouco, decateime de que foi o único xogo co fontaneiro protagonista que tiven en propiedade. Ben é certo que xoguei a varios máis en casas de amigos, familia, emprestados, alugados ou emulados, pero claramente non se mantivo a saga grazas aos meus cartos. Por poñer un exemplo, este Super Mario Land xogárao uns trece minutos na Game Boy dun colega do colexio e non me volvín a lembrar del até fai ben pouco.

Por que volvo agora a eses trece minutos? Evidentemente non é nostalxia. Máis ben foi unha mestura da necesidade dun xogo máis curo, despois de tanto xogo de rol xaponés, e curiosiade de como foron convertidos outros xogos de Nintendo á súa portátil logo de ter probado o excelente Link’s Awakening. Non xoguei a este Mario máis de dúas partidas, pero non está a altura do Zelda, quizais por non atoparse Shigeru Miyamoto involucrado de ningunha maneira. Si que conserva as ideas do primeiro Super Mario Bros. adaptadas á pequena pantalla, pero dun xeito algo libre e non de todo acertado.

O primeiro que me chamou a atención foron os controis. Os chimpos teñen unhas físicas algo raras, e cústame un pouco aterrar de forma precisa, polo que moitas veces deixo premido o botón direccional da dereita e que Mario chegue até onde teña que chegar. O outro botón de acción serve para correr, pero ao mantelo pulsado o protagonista móvese a todo filispín e non hai maneira de controlalo con coidado. Seguramente sexa de lonxe o Mario bidimensional no que menos empreguei esta funcionalidade, só para algúns tramiños concretos ou para algún que outro brinco coa intención de maximizar a distancia percorrida. Pero, en xeral, nas zonas de precisión, súo para que o protagonista vaia por onde eu quero que vaia. Outro detalle que non me gustou foi que, ao aterrar nun inimigo, Mario non consegue case nada de altura ao rebotar, ao contrario que noutros xogos da saga. Das tartarugas que estoupan ao pisalas xa falarei outro día.

Ademais dos koopas e goombas hai moitos outros inimigos para esmagar, moitos novos para a saga e bastante que nunca vira en sucesivas iteracións. A princesa a rescatar neste caso é Daisy, que hoxe en día xa é máis coñecida, pero esta foi a súa primeira aparición. Mario viaxará por catro mundos diferentes e non dubidará en coller o submarino ou unha nave voadora para rescatala. Ao final sairán felizmente pilotando un foguete logo de derrubar ao perigoso extraterrestre que fai as veces de xefe final. Supoño que a historia ficará máis clara no manual e/ou no material de mercadotecnia, porque no xogo non hai nada explícito.

Na primeira partida cheguei até o mundo 3-2, onde perdín todas as vidas. No segundo tento rematei todos os niveis e inda sobráronme quince vidas. Claramente o xogo é bastante xeneroso coas vidas adicionais, xa sexa coas que se atopan durante os niveis ou nun minixogo de recompensa que hai ao rematar cada un se superamos un pequeno desafío de plataformas. Inda así, ao completar o xogo desbloquéase un modo máis difícil para darlle unha nova volta, pero xa non teño ganas. Supoño que o xogo en xeral sería un entretemento válido no seu día, pero hoxe xa non vale tanto.