<<

Super Mario World 2: Yoshi's Island

O meu primeiro Mario foi o Super Mario World. Cando xa o tiven máis ca completado merquei o All-Stars, con catro vellos xogos do fontaneiro. De todos eses o meu favorito era o Super Mario Bros. 3, principalmente polo variado dos niveis e, ante todo, por todos eses disfraces e obxectos cos que se podía equipar o protagonista. Comparados coa novidade da capa do World, eran opcións divertidas pero que, por sorte, non se podían considerar tan necesarias coma esa pluma que trivializa boa parte dos desafíos. A evolución continúa neste Yoshi’s Island no que eses tipos de melloras xa non existen, deixando no seu lugar algúns ataques especiais limitados logo de comer algunha variedade de sandía, o cal non ten tanta graza nin impacto.

Paraíso

Non obstante, esa elección de deseño encaixa ben coa nova estética, que emprega con éxito os debuxos feitos a man e crean unha atmosfera máis tranquila que outros xogos da saga. A meirande parte de elementos tamén axuda a crear calma: non hai tempo límite, a mecánica de salto da bastante manobrabilidade no aire, o castigo por ser golpeado é moitas veces temporal e a ausencia total de elementos indicativos superpostos na pantalla, algo que me lembrou o Alex Kidd in Miracle World. Tamén hai agochados múltiples elementos polos niveis para fomentar a exploración, polo menos se queremos obter o máximo número de puntos, xa que aquí non hai niveis ocultos que atopar dese xeito, como si había na precuela. Con todo iso, eu decidín ir en contra das ideas de Yasuhisa Yamamura (coñecido polo seu traballo no The Legend of Zelda: Link’s Awakening, entre outros) e bulir o máis rápido posible cara a salida en cada un dos niveis.

Esquí

Con esa falta de aprecio polas bondades do xogo puiden experimentar os desafíos nunha media ducia de horas. A miúdo a velocidade confirmábase como unha mala compañeira cando algún dos yoshis caía finado por un buraco ou nuns pinchos, pero poucas veces perdín unha vida (unha das bagaxes que non se atreveron a eliminar) doutro xeito menos instantáneo. Noutros intres era o propio deseño dos niveis o que me obrigaba a baixar o ritmo, xa fora por esixencias obrigadas da velocidade de movemento da propia pantalla ou por incluir certos crebacabezas de plataformas e exploración, especialmente nos castelos, uns niveis que tamén resultan emocionantes porque hai que atopar a maneira de vencer ós xefes, inda que esa solución sexa sempre a través da violencia dun xeito ou doutro.

Xefe

Con todo, semella máis unha precuela do futuro (e inda máis rápido e doado) Yoshi’s Story da Nintendo 64 ca un xogo da liña de Mario. É divertido pensar en todas as cousas nas que innovou e que agora son parte habitual dos novos deseños, como a potente cuada que encaixa mellor no dinosaurio que no humanoide. Falando do cal, sorprendeume o final no que dáse a entender que Mario e Luigi “naceron” no Reino Cogomelo, sempre pensei que eran de Italia, pasaron polos Estados Unidos de América e remataron nese mundo imaxinado anos máis tarde. Igual todo era un soño, coma o de Link, ou se cadra apunta a tempos máis simples no que iso da continuidade non lle importaba moito ós xogadores, que estabamos ben contentos de poder xogar á Super Nintendo logo de ver na televisión un señor gordo con bigote falso bailando unha canción totalmente inconexa sobre o Super Mario. Quen sabe?