<<

Teenage Mutant Hero Turtles IV: Turtles in Time

De cativo tiña unhas cintas de vídeo das Tartarugas Ninja que moito me prestaban. Seica sabía os diálogos de memoria, pero hoxe en día non lembro nada deses capítulos, agás un recordo avelaíño do meu episodio favorito. Era un no que se adentraban na base dos malos e avanzaban por diversos desafíos secuenciais. Na miña mente de xogón incipiente, asimilaba iso a un videoxogo; se cadra por iso era o meu preferido. Non sei canto tempo pasaría dende que obtiven eses VHS ata que perdín os meus primeiros cinco pesos na pantalla do incendio do xogo de recreativas, pero igual foron máis de tres décadas dende ese momento ata que superei este Turtles in Time da Super Nintendo.

Xiros

E digo superar porque non é a primeira vez que o xogo; inda que si, probablemente, a primeira vez que lle adico máis de vinte minutos seguidos. Cando rematei o Hyperstone Heist, quixen aproveitar a inercia para solventar tamén este, pero non me saíu ben. As diferenzas son moi notables en case todos os aspectos, pero a máis curiosa é no manexo da tartaruga. Xa me pasara no Golden Axe II o de sentir que pequenos cambios na xogabilidade facíanme cambalear máis do que deberían, pero aquí son máis esaxerados e xustamente observables dende fóra. As protagonistas móvense e atacan significativamente máis lentas no xogo da Super Nintendo ca no da Mega Drive, algo que me facía perder o ritmo a cotío e resultaba en moitos golpes encaixados. Porén, logo de perder vidas en segmentos que semellaban doados, decidía deixalo para outro día. E así un par de veces, ata que pasaron varios meses. Coas sensacións do outro máis lonxe no tempo, e con ganas de, polo menos chegar ata o final, dínlle un novo tento. As miñas opinións non mudaron, mais esta vez o meu estado mental foi axeitado para vencer a Shredder sen continuar.

Difícil

E o primeiro que sempre penso, en comparación co Hyperstone, é que, no papel, o Turtles in Time resulta un xogo moito máis completo, variado e apetecible. Non só ten máis niveis, inimigos e xefes, senón que tamén inclúe novidades coma esa primeira pelexa contra Shredder na que hai que lle lanzar os seus propios soldados, Krang en segundo plano atacando dende o seu robot xigante ou dinosaurios neutrais para esquivar. Amais, as pelexas contra os xefes tamén son máis complicadas, o cal é algo a agradecer. Resulta curioso ver como as batallas contra o crocodilo e contra o Shredder final son tan similares entre ambos xogos e, con todo, aquí hai que prestar máis atención por un par de detalles non incluídos no outro. É igualmente unha loita final demasiado doada, pero polo menos temos que darlle algo de axilidade.

Lanzamento

Semella, por tanto, ter a receita perfecta para ser o xogo das tartarugas definitivo da súa xeración, pero non son capaz de deixar de lamentar que o manexo non sexa máis semellante ao Hyperstone. Entendo que hai máis posibilidades tácticas aquí, pero o ritmo enfurecido que levaba alí non é posible de igualar. Coas opcións por defecto tárdase un pouco en comezar a correr, o cal invalida a táctica de só facer patadas en carreira, dándolle máis importancia a outras técnicas coma eses ataques aéreos que tan pouco empregara na outra edición. Coido que é cuestión de costume e, neste aspecto, non existe unha versión definitiva. Pero, se quero recuperar nuns anos as sensacións ninjas, seguramente volva ao da Mega Drive.