<<

Teenage Mutant Hero Turtles: The Hyperstone Heist

Debín xogar unha boa morea de horas a este videoxogo das tartarugas ninja (heroes segundo o título en Europa, curiosamente) na miña Mega Drive. Case sempre só, diría eu, pero lembro ben a vez que o levei xunto o meu veciño do outro patio e xogamos na súa habitación. Era un rapaz un pouco máis novo ca min e coincidíamos bastante tanto no centro neurálxico do barrio coma en outros lugares máis particulares, como cando daba os concertos máis curtos do mundo nas clases de guitarra. Tamén lle conseguín de volta un xoguete que lle roubaran os meus amigos (que diría que era unha tartaruga ninja, pero igual xa estou mesturando), inda que tivera que romper un xuramento tan importante que estiven asustado un par de días. Non obstante, penso que poucas veces coincidimos cos mandos nas mans, xa que ademais dese día só recordo unha partida ó Spider-Man vs. The Kingpin, na que eu estaba especialmente inspirado nun xogo que non me prestaba nada e conseguín chegar máis lonxe que normalmente, inda que non estiven nada preto do final. O día das tartarugas ninja xa foi outra cousa, xa que é un xogo bastante máis doado que permite xogar simultaneamente. A graza é pasar un bo rato estoupando soldados inimigos mentres, quizais, ambos xogadores compiten por ter a maior puntuación.

Inmaturo

En base a esas acordanzas, decidín darlle unha volta ao xogo, co obxectivo de superalo sen gastar ningunha continuación. A elección de personaxe deixeilla a ese Xogón cativo que consumía os VHS das tartarugas ata ter aprendidos os diálogos de memoria, e non tivo ningunha dúbida en que Michelangelo era o seu favorito, seguramente porque era o máis aloucado e infantil do cuarteto. O primeiro nivel foi sen moitas incidencias, inda que a parte esa que salen monstros da pizza das cloacas non a tiña memorizada, algo que si que pasaba de cativo, así que a poucos deses atinei. Algo similar pasou no comezo do segundo nivel, cando esa parte de surfear, que sempre considerara un paseo, estivo a piques de facerme perder unha vida mentres os soldados inimigos pasaban de longo sen bicar os nunchakus. No terceiro xa estaba acostumado ao sistema e o cuarto non é máis ca un refrito dos niveis anteriores, incluindo os xefes. Sería finalmente na quinta e última pantalla cando Krang, ese polbo extraterrestre que fai as veces de penúltimo xefe do xogo, levoume a única vida perdida da partida. A vitoria contra Shredder resultou algo agridoce por non facer esa partida sen mortes.

Queimado

E aí comezou a obsesión por acadar ese novo obxectivo. Unha obsesión que me levaría media ducia de partidas adicionais, onde todas agás unha remataron cunha vida perdida antes de Krang, coa miña vaidade ferida e con ganas de abandonar o desafío. A cambio, gañaba en familiaridade cos niveis e co manexo da tartaruga. Non sei se foi casualidade ou non, pero esa vez que superei a Krang sen perder unha vida antes foi precisamente na única partida que desactivei o ataque automático cara atrás: é unha opción que vén activada por defecto e que semella bastante útil para evitar golpes polas costas, pero que máis dunha vez notei que me collía por sorpresa e recibía dano na cara. Inda así, non foi doado. Ese quinto e último nivel era a miña némese non só pola gran cantidade de soldados (que saen de catro en catro como moito) senón por esas bólas xigantes que non sabía evitar, os raios conxelantes que eran demasiado rápidos para os meus reflexos e os múltiples erros que cometía constantemente, incluindo o de facer o ataque especial que resta puntos de vida cando quería facer a patada na carreira. Mais unha vez que cheguei xunto a Krang, e inda que non practicara esa loita, xa case puiden respirar aliviado. Tiña controlados todos os seus golpes agás o que fai chover explosións, pero a vida restante era abondo para aturarlos. Unha vez superado, o obrigatorio nivel de ascensor (máis aburrido ca no Streets of Rage) só faltaba a loita final contra ese Shredder supervitaminado, que é posiblemente o malo final máis doado da historia deste xénero.

Conxelado

Polo tanto, este xogo entra nesa categoría de limpabarrios que xogaba na miña Mega Drive e que agora son quen de superar sen perder vida. Unha categoría que diría que só estaba composta polo Mighty Morphin Power Rangers: The Movie pero que intentarei expandir nun futuro. Ou, se cadra, vou para terreos máis descoñecidos con ese Turtles in Time da Super Nintendo que se parece tanto a este Hyperstone Heist.