<<

Xadrez. As miñas aperturas

Tiña esta entrada escrita dende hai algúns anos. Pretendía ser un bosquexo para terrae, pero nunca lle atopei un fío condutor para contar algo realmente interesante e nin sequera ten un final claro. Inda así, coido que é perfecta para esta páxina, que non pretende ser máis ca un diario lúdico persoal.


Cando xogaba ao xadrez na escola, aprendemos a apertura italiana con certa profundidade, incluíndo moitas das liñas alternativas máis comúns. Tamén houbo algúns membros do equipo con afinidade pola española e un que gozou da súa posición coma último taboleiro en competicións por equipos para levar á dama a pasear nos primeiros compases e probar algún compañeiro rápido. Unha estratexia que neses niveis de xogo era estrañamente efectiva e que, no peor dos casos, lle garantía unha partida rápida e a liberdade de xogar ao fútbol o máis cedo posíbel.

Igual de tanto xogar e afrontarme á apertura italiana, como melloraba, comecei a investigar outras liñas de movementos iniciais que puideran levar a outro tipo de posicións máis abertas. Dende o principio descartei dedicar os meus estudos ás que comezaban co peón do rei, porque permitían ás negras sacar todo o seu arsenal de teorías para responder con defensas coma a siciliana, a francesa ou a Caro-Kann. Non me gustaba demasiado ningunha para o lado branco, a pesar de que a última mencionada sempre terá un lugar no meu corazón pola súa estrutura de peóns e por ter o nome máis satisfactorio de pronunciar de toda a enciclopedia de xadrez.

A apertura inglesa tiña o seu encanto, pero non parecía moi forte e xa tiñamos un entusiasta da mesma no equipo, e non quería pisalo. Por tanto decidín quedarme entón coas ramas que comezan adiantando o peón da raíña un par de casas. A beleza, e ao mesmo tempo a fealdade, de ese tipo de aperturas é que os movementos das negras case non importaban para desenvolver o plan de acadar unha posición complicada e tensa na que hai que loitar por colocar as pezas nas mellores posicións até o inevitábel momento no que todo se desfará e comezará a haber fortes baixas para os dous bandos. Non moi diferente dunha Guerra Fría que pode desencadear bombardeos nucleares masivos.

Para garantir que este plan se leve a cabo, tentaba por todos os medios asegurar que calquera intento de abandonar estas estreitas posicións fora castigado dándome algunha vantaxe que, por pequena que fose, podería arrastrar até o final do xogo e así acadar a vitoria final. Inda hoxe, moito menos hábil na arte do xadrez e xogando contra adversarios moito menos esixentes, sempre vexo como un forte inexpugnábel o de lograr unha vitoria despois de perder un peón (inda que na última partida que xoguei colgueime un cabalo e tardei dúas xogadas en decatarme; cousas da falta de práctica).

Cando era a miña quenda de xogar coas pezas negras o plan era máis ou menos semellante, polo menos ao comezo. No nivel no que competía nese momento, xogábase bastante o mesmo gambito de dama que dominaba coas brancas, polo que tiña unha boa porcentaxe das partidas cubertas. Ademais, dadas as características das posicións resultantes desa apertura, chegou un punto que a vantaxe innata das brancas case se disipaba. Non obstante, inda tería que cubrir o caso habitual onde o meu opoñente branco abría co peón do rei avanzándoo dúas casas.

Pasei bastante tempo buscando respostas que me compraceran e probando as liñas candidatas cos meus compañeiros de equipo máis próximos. Ao final acabaría optando pola defensa rusa, inda que requiría certa colaboración porque se basea en replicar os dous primeiros movementos das brancas. Se o gambito da dama parecíase á Guerra Fría, podemos imaxinar a defensa rusa como aqueles pilotos de avións da Primeira Guerra Mundial que saudaban aos seus supostos inimigos cando se cruzaban en pleno voo porque sabían, como os cabalos da posición, que non poderían derrubar aos seus adversarios (e tamén porque seguramente vían máis coma colegas aos pilotos do outro bando que aos seus superiores). Curiosamente, e de ningún xeito relacionado co mundo do xadrez, un piloto ruso sería o primeiro en derrubar un avión inimigo, estrelando o seu propio vehículo contra el na batalla de Galicia en 1914.

Ao poñela en práctica, decateime de que moita xente tiña medo do que esta defensa lles puidese depararlles e, a cotío, remataba resultando nunha “catro cabalos”, do tipo que non vía dende os meus tempos mozos. Aí tamén tiña algúns trucos se o outro optaba por continuar cunha variante do italiana porque un aparente sacrificio de cabalo podía acabar nunha posición moi tola, aberta e igualada. Nese caso, aproveitaba, xa de paso, para xogar un pouco coa psicoloxía do meu adversario. Coa defensa rusa, e ás veces sacando á dama a pasear moi cedo por esixencias do guión, semellaba que eu tiña un comportamento pouco convencional e que só quería xogar ao fútbol o antes posíbel. Pero se seguía respondendo “ao toque” a todas esas xogadas que tanto tempo lles levaron pensar, podería parecer un rival máis débil do que realmente era. Obviamente, en canto remataban as liñas que memorizara, deixaba de lado esa fachada e continuaba co xogo, que normalmente era igualado, pero xa levaba polo menos uns minutos de marxe no reloxo.


Xadrez. Unha semana postal

Hai algúns días comecei unha partida de xadrez sen límite de tempo cun coñecido que tamén xogou en tempos máis mozos. A partida, polo de agora, inda sigue viva, pero non ten unha pinta moi boa para min. Como só teño un par de movementos que pensar cada semana, decidín xogar outras partida ao estilo “postal” na plataforma de Lichess. Non quería moita tensión, polo que escollín algunhas partidas amigábeis sen puntuación, inda que non foi a mellor das decisións porque gañei todas sen moito desafío. Pero non podo negar que estiven igualmente nervioso tras moitos movementos e que lle adiquei un bo tempo de pensamento a cada xogada de todas as partidas. Velaquí un pequeno resumo delas:

A defensa rusa era unha das miñas favoritas, como xa escribín por aquí. Rara é a vez que o peón é aceptado, pero máis raro é gañar un cabalo limpo na décima xogada da partida. A partir de aí o meu plan foi simplificar o máximo posíbel para non ter moitas leas, e as brancas colaboraron deixándose un bispo polo camiño. A partir de aí xa puxen un pouco o automático e o troco do meu bispo por un par de peóns pode non ser o máis eficiente, pero xa pouco importaba nese intre.

Tiven que repasar un pouco a apertura italiana, porque non me lembraba ben de como funcionaba o de protexer os peóns do medio cando o alfil negro dá o típico xaque. Non obstante, ese estudo resultou inútil cando o rival decidiu sacrificar un cabalo primeiro e a dama despois. Non volvín saber do rival até que rematou o tempo, polo que foi unha vitoria ben rápida.

Esta deume moito que pensar. Acabei xogando unha sorte de gambito de dama coas negras e estou moi desentendido do mundo do xadrez como para ter un duelo tan teórico en base a ganancias mínimas. Tiña previsto un ataque no flanco do rei e por iso non me enrocaba, por moito que o Stockfish non pare de suxerilo. Tamén perxura que a miña xogada estrela de mover o alfil a b4 no movemento 12 dálle unha vantaxe as brancas, pero o rival fixo a peor resposta posíbel e acabou perdendo unha torre que lle custou a partida. Que lle cazase a dama unhas xogadas máis adiante xa foi a última puntada no ataúde.

Non hai moito que aprender aquí. Unha defensa moi dubidosa e un deses paseos da dama negra polo taboleiro que nunca rematan ben.

Esta foi unha novidade non planificada, xa que me apuntei a unha partida da variante “rei do outeiro” sen pretendelo, onde unha condición de vitoria alternativa consiste en mover a peza máis importante a unha das catro casas centrais do taboleiro. Boteille un ollo á estratexia xeral sobre o modo e o que máis resoou foi a máxima de que era coma unha partida normal, pero que había que ter coidado con non perder de esguello por esa nova regra. Decidín xogar a defensa francesa para bloquear o centro e, efectivamente, resultou coma unha partida normal. O meu rival intentou acercar o rei ao centro moi cedo pero, ao igual ca nunha partida clásico, iso só podía causarlle problemas. Aproveitei a vantaxe de movementos para obter unha posición forte e de aí sacar a vitoria, en parte grazas a outras xogadas dubidosas do meu rival.