<<

Zelda II: The Adventure of Link

Por mor deste caderno físico no que escribo, que ten un número impar de páxinas, esta entrada terá a metade da extensión habitual. O cal encaixa coa miña experiencia con este segundo Zelda, xa que abandonei na metade do tempo esta aventura de Link. A dificultade é moi elevada e, tras cada tres vidas perdidas, volvemos ao punto inicial tendo que percorrer parte de Hyrule para retornar ao alxube no que perecemos. Por sorte, gárdanse os trocos que fixeramos no mundo, os obxectos adquiridos e os niveis gañados. Por tanto, sempre é posíbel avanzar un pouco en cada incursión, inda que non sempre sexa doado.

A dificultade non se limita ás partes de acción. As pistas de como progresar na narrativa ou nas buscas secundarias son crípticas, e moitas veces hai que adiviñar directamente cal será o seguinte paso a tomar. Esa foi a razón pola que, logo de sobrevivir á “Montaña da Morte”, acabei morrendo dúas veces nun cemiterio sen atopar o martelo que seica xacía moi preto de alí, na zona na que transcorreu o primeiro Legend of Zelda. Xa resolvera os dous primeiros palacios antes diso, mais imaxinando todo o que ficaba por diante, decidín adiantar o futuro abandono e deixalo aquí polo de agora. Non descarto retomalo máis adiante, seguramente tirando dunha guía para centrarme nesa parte de acción.

Dáme un pouco de mágoa, pero hai moitos xogos e pouco tempo, polo que considero que seguir batendo a testa contra este desafío non paga a pena. Esta segunda entrega empre foi considerada coma a ovella negra da saga, pero iso foi parte do que me atraía precisamente. A narrativa coa Zelda durminte (que non é a mesma ca a Zelda do xogo anterior) resultoume curiosa, inda que tivese que sacar toda esa información do manual e de internet, porque dentro do xogo as frases redúcense a cousas coma “IF ALL ELSE FAILS USE FIRE” ou “I AM ERROR”. Polo de agora non teño plans de continuar coa saga, pero deixarei o Link to the Past ben pretiño.