Z.H.P. Unlosing Ranger VS Darkdeath Evilman. Capítulos 1-3
Por moitas horas que lle adicase no ordenador a xogos como o NetHack ou ao anteriormente coñecido coma ToME, nunca probei moito as incursións dos roguelikes nas consolas. Agora que o penso, a única excepción na miña vida foi tamén a miña introdución ao xénero: o Azure Dreams na Game Boy. Coido que nunca interioricei de todo ben as súas mecánicas, que mesturaban algunhas básicas do Hack cuncha colección de monstros ao estilo do Pokémon, xa que lembro estar perdido con tantos niveis que había para percorrer e como os repetía unha e outra vez sen saber moi ben por que. Pero, dende entón, non xoguei a nada semellante nunha consola, inda que tivese algún Mystery Dungeon na miña lista de futuríbeis. Non obstante, optei por este Z.H.P. Unlosing Ranger VS Darkdeath Evilman da PSP polo simple feito de atopalo continuamente nos listados de xoias ocultas de consola. Iso, e que é de Nippon Ichi.
Parte da publicidade do xogo afirmaba que era o único xogo de rol do mundo que comezaba e remataba coa mesma batalla. O truco é que, no medio da súa loita contra o malvado Darkdeatch, o protagonista é hostiaportado varias veces cara outro planeta onde adestrarase para volver máis forte no seguinte episodio; non é casualidade que recorde tanto a Dragon Ball Z. Este foi o padrón nestes primeiros tres capítulos, e semella que se manterá nos que me quedan por xogar. O adestramento consiste en superar unha serie de alxubes. En cada un comezaremos de novo no primeiro nivel de experiencia, pero manteremos os obxectos de incursións pasadas, ademais doutros sistemas que nos permitirán obter melloras permanentes. O máis simpático dos mesmos e aquel que compensa cada morte incrementando as estatísticas iniciais de maneira proporcional ao número de niveis totais acumulados.
Mais iso non quere dicir que morrer nos alxubes sexa unha boa estratexia; é moito máis eficiente rematalos con éxito, pero serve coma un pequeno contrapeso ao final fatal. Sen querer, lin por aí que unha posíbel estratexia consiste en gardar na base unha boa arma ou equipamento até que esteamos seguros de poder chegar até o final do alxube sen caer, inda que nin se me ocorrera tal nin empreguei nunca o banco de obxectos. O meu plan.e tentar o alxube máis avanzado é, no caso de non superalo, viaxar ao anterior para coller equipamento antes de tentalo outra vez. Nos últimos niveis agóchanse os xefes de cada episodio, nuns escenarios deseñados a mano e que inclúen algunhas mecánicas particulares. O resto dos niveis son autoxerados, cos seus inimigos, obxectos e áreas mesturadas ao chou.
Por moito que os niveis non sexan precisamente masivos, existe a posibilidade de camiñar en círculos para obter experiencia dos poucos inimigos que van reaparecendo. Pero para loitar contra esa estratexia dexenerada, e outras igualmente aburridas, este Z.H.P. emprega un reloxo en forma de fame que tamén serve como recurso para as habilidades máis poderosas. Os obxectos equipábeis tamén teñen o seu propio contador, de maneira que se esgotan tras cada ataque dado ou recibido, dependo da peza en cuestión. Non duran moito, polo que, por moito que se poidan arranxar, trocaremos e experimentaremos con moitos diferentes ao longo da aventura, tendo tamén que conservar os máis poderosos, coma as pistolas co seu grande alcance. Un efecto secundario divertido é que, sendo os obxectos tan variados, resultan nunhas visuais do protagonista que tenden ao ridículo.
Centreime nesta entrada nos trazos máis obxectivos do xogo, pero nas sucesivas terei que compaxinar un pouco mellor a parte subxectiva e de autobiografía con, se cadra, explicacións dos sistemas máis interesantes que atope. Polo de agora non empreguei moitas das edificacións da base, e coido que virán algunhas máis. Pero iso terá que agardar un tempo até que xogue máis!
- Tempo de xogo: 5 horas.
- Niveis totais: 97.
- Maior dano feito: 268.
- Maior dano recibido: 100.
- Inimigos destruídos: 533.
- K.O. propios: 3.
- Alxubes invadidos: 20.
Z.H.P. Unlosing Ranger VS Darkdeath Evilman. Capítulos 4-7
Cando rematei de escribir a anterior entrada sobre este xogo xa sabía que habería novos sistemas introducidos nos sucesivos episodios. E abofé que si! Ao pouco de comezar con esta nova serie de capítulos xa tiña control dalgunhas edificacións novas, un sistema de construción de áreas máxicas que non volvín a empregar e novos alxubes opcionais. A verdade é que non controlo moito da meirande parte das cousas que se atopa dispoñíbeis, pero vou amañando coas básicas namentres sexa abondo. Un pequeno problema loxístico que teño é que a miña vella PSP ten a panca analóxica estragada. Non contaba con que un xogo destas características tivese necesidade dela, pero xa dende o comezo vin como se ofrecía coma atallo para accións contextuais, nada que non se puidese facer navegando polos menús. Non foi até fai pouco cando me decatei de que non podía ver as características avanzadas dos obxectos, e por iso non entendía moitas particularidades dos mesmos.
Debido a iso, barallei dúas opcións: deixar o xogo até que arranxe a panca ou tirar totalmente de guías externas para comprender os obxectos e, xa de paso, tamén o resto de sistemas e estratexias. Ao final non optei por ningunha delas e continuei igualmente sen esa información. Malo será. Inda descubrín ao final desta sesión que hai outro menú onde aparecen os estados que afectan ao personaxe principal, polo que podería axudarme un pouco a identificar esas cousas. Non descarto tirar de guías nun futuro para descifrar os sistemas máis opacos e enfocalos ben para enfrontarme a todo ese contido adicional, para o que seguramente fará boa falla todas as axudas posíbeis. Outra alternativa sería adicarlle horas até que entenda ben todo, pero tamén teño curiosidade por saber a forma máis efectiva de incrementar todas esas estatísticas básicas.
No comezo desta segunda serie de partidas centreime máis que nada nun par de alxubes adicionais alleos ás tramas principais. Non era tanto por obter máis poder coma por non involucrarme na historia. Cada vez que entramos nun alxube ligado a un capítulo teremos unha introdución aos personaxes nos que se centrará o mesmo. Cada certo número de niveis descendidos no alxube haberá algún avance na trama e se exporá mellor a alegoría. Normalmente serán temas de temores adultos bastante serios e cos que podemos simpatizar facilmente, inda que sempre son amosados dende un punto de vista humorístico. Non é que non encaixen co resto da ambientación, pero ás veces prefiro non ter que lle prestar atención a tantos diálogos e simplemente explorar algún alxube sen máis pretensións que intentar sobrevivir o máximo posíbel.
Finalmente puxen os meus esforzos en avanzar nos capítulos e non foi tan complicado coma agardaba, pero iso non quere dicir que non suase un pouco. Tiven que aproveitar ben todas as mecánicas e, inda así, na pelexa final contra un submarino, sobrevivín na derradeira quenda logo de moitos minutos de tensión nos que rematei co meu gran alixo de medicinas. Foime mellor no sétimo e último capítulo desta serie, pero principalmente porque abusei sen vergoña ningunha da resurrección permanente de dous zombis, que outorgaban puntos de experiencia cada vez que os mataba. Estiven aí gañando unha morea de niveis con pouco esforzo e menos risco, aproveitando que posuía comidas e curacións abondo. Cando cheguei ao xefe-crebacabezas dese episodio nin el era capaz de facerme deligras cos seus ataques máis poderosos.
E aí foi onde decidín poñer un freo temporal. Logo dunha ducia de horas supoño que aproveitarei a inercia e tentarei finalizalo coas mesmas estratexias e sen profundar moito máis nas mecánicas de modificación de corpo, que son as que máis poden influír nas estatísticas se se empregan ben, inda que eu recheo esas casas ao chou cada vez que volvo dun alxube. Se teño éxito desta maneira, mirarei, logo de rematar a historia principal, todas as guías, foros e semellantes para entendelo ben. É moi cedo para saber se afrontarei parte do contido adicional con eses futuros novos coñecementos, polo que non prometo nada.
- Tempo de xogo: 14 horas.
- Niveis totais: 358.
- Maior dano feito: 903.
- Maior dano recibido: 304.
- Inimigos destruídos: 1743.
- K.O. propios: 11.
- Alxubes invadidos: 40.
Z.H.P. Unlosing Ranger VS Darkdeath Evilman. Capítulos 8-X
Este xogo clasifícase coma roguelike inda que teña unha relación curiosa coas mortes do protagonista, e eu diría que toma moitas máis cousas dese xénero ca moitos outros que comparten etiqueta. Os alxubes son xerados ao chou, seguindo o espírito dos clásicos con salas grandes unidas por corredores. As variacións principais inclúen ocos ou edificacións nas habitacións, elevacións de terreo e algún pequeno truco particular de cada alxube. Estes trucos danlle personalidade a cada escenario simplemente cunha característica ou regra adicional, coma salas que desaparecen despois dun tempo ou canóns que transportan a un punto ao chou. Combinando todas esas cousas hai moitas máis opcións tácticas que simplemente con esas habitacións rectangulares tan habituais. Tanto os deseños novos coma os máis clásicos poden tomar boa nota!
O que é certo é que os alxubes non encaixan en absoluto coa historia que se conta en cada capítulo, e nin sequera intentan explicalo ou xustificalo. Ten toda a pinta de que ambas cousas foron deseñadas totalmente por separado, pero tería máis interese se ambas encaixasen, polo menos nun sentido amplo. Por exemplo, podería haber unha mecánica na que os monstros desaparezan de súpeto no episodio que se desvela que o protagonista e a súa irmá foron secuestrado cando eran pequenos. Porque si, na parte máis narrativa non se garda ningún medo posíbel. Por se o do secuestro non fose abondo, neses momentos tamén aprendemos que, inda que os nenos foron salvados, os pais desbotaron as súas propias culpas no lombo do primoxénito, deixándoo de considerar parte da súa familia.
Todo iso pasou no mundo “real”, pero a parte activa sucede nunha Terra “bizzara” que ten equivalentes de todos os habitantes da outra dimensión. A misión de cada capítulo é axudar a un personaxe real que se viu dalgunha maneira decepcionado polos aparentes fracasos do heroe protagonista. No mundo bizarro as verdadeiras emocións saen á luz e, por unha ou por outra razón, haberá unha loita final para darlle un último empurrón anímico. Isto non é unha excepción no décimo capítulo, que serve de fin lóxico á aventura. O carallo neste caso é que o encontro contra o xefe final non ten truco: estará agardando nunha casa particular e nin sequera teremos ángulo para atacalo a distancia dende moi lonxe. Os estudantes máis aplicados aproveitarán as leccións aprendidas durante toda a campaña. O resto, coma min, camiñará dereito contra o inimigo de nivel setenta e agardará que a deusa da sorte sexa máis benévola con un ca a deusa do sentido común. Pero non estiven afortunado.
Volvín a un alxube opcional para gañar algúns niveis adicionais, coller algo de equipamento adicional e poñer a miña mente en orde para intentalo de novo. De volta no último escenario da historia, abusei dos zombis para gañar bastantes niveis no último alxube, pero non foi abondo e o xefe final deu boa conta de min outra vez. Para a que sería a incursión definitiva boteille un ollo aos foros do xogo, pero non me contaron nada que non soubera. Aproveitei para trazar un plan, mercar modificacións para mellorar as armaduras e gardar un equipamento axeitado para o cara-a-cara final. Outra vez aproveitei os zombis, esta vez cun espello de por medio, para gañar experiencia até que aburrín de premer o botón constantemente. Cando cheguei a carón do xefe perdín unha quenda activando o modo de súperheroe, pero conseguín gañar a batalla con menos do cinco por cento de vida restante.
Nese momento comezou un longo final con algúns puntos de interacción para concluír a historia oficial, todo dobrado ao igual ca o resto de liña de diálogo que case nunca ouvín. Sen avisar, o xogo comeza de novo mantendo a forza do protagonista, polo que esta vez poderemos gozar dun final alternativo no que o perigoso inimigo é vencido no primeiro encontro co noso heroe. Agora non teño máis interese en seguir coas aventuras por estes lares, xa que postos a indagar nos roguelikes consoleiros prefiro probar algún Shiren, Mystery Dungeon ou ese Azure Dreams que me introduciu no xénero sen eu sospeitalo. Polo de agora non teño plans inmediatos para nada semellante, inda que si que me volven as ganas de programar un pouco, se cadra procurarei algún de código libre para colaborar inda que só sexa un pouco.
- Tempo de xogo: 20 horas.
- Niveis totais: 562.
- Maior dano feito: 6941.
- Maior dano recibido: 1379.
- Inimigos destruídos: 3457.
- K.O. propios: 13.
- Alxubes invadidos: 46.