<<

Shining Force: capítulo 1

Coido que Shining the Holy Ark foi o primeiro xogo de rol por quendas que xoguei na miña vida; recordo estrealo cun amigo de nome semellante a un dos protagonistas, cada quenda de combate eu manexaba ó protagonista (mandándolle atacar), preguntáballe ó meu amigo que quería que fixese o seu case-homónimo (atacar, o 95% das veces) e entre os dous escollíamos a acción da curandeira do grupo (case seguro que atacar se todo ía ben). É probábel que a sutileza do combate táctico pasase por riba de nós sen decatarnos. Inda así, e pese a outros problemas persoais que tiña co xogo, gustábame o suficiente para sentirme defraudado cando encontrei o Shining Wisdom para a mesma consola e resultou ser máis un xogo de aventuras que un de rol. Pero diso fará uns vinte anos e aí rematou a miña experiencia cos Shining.

Shining Force é o segundo xogo da saga e a precuela histórica do primeiro, Shining in the Darkness. Esta vez non se trata de un xogo de exploración de alxubes en primeira persoa, senón que as loitas teñen lugar nun amplo mapa onde cada personaxe ocupa unha das casas ortogonais; un xénero que despois acadaría moita sona con xogos coma Final Fantasy Tactics e con boa parte do catálogo das consolas portátiles de Nintendo.

Invasión de Runefaust.

En idades moi esquecidas, a Luz loitou contra a Escuridade para o control do mundo. O Dragón Escuro perdeu conta os Antigos e foi enviado a outra dimensión, pero o Señor da Escuridade prometeu tornar en 1000 anos… Adiviñades cando comeza este xogo? Dez séculos despois, no mundo de Rune, xusto cando o reino malvado de Runefaust está a arrasar coas súas hordas tódolos bastións do Ben, tomámo-lo control do personaxe principal. Chamémoslle Max inda que o nome pode ser cambiado.

O espadachín Max esperta tras un duro adestramento co seu mentor, ó que lle verémo-lo traseiro cando sae galopando: é o dun centauro! Hoxe en día non é unha raza moi representada nos xogos de rol, pero pronto atoparemos que non é unha vista rara en Guardiana, a cidade onde comeza a acción. No castelo tamén vemos moitos outros centauros referidos como “cabaleiros”; supoño que é bastante cómodo que o corpo de cabalería non estea repartido entre dúas especies. Alí é onde Max recibe a misión de investigar o Portal dos Antigos porque hai algunha actividade rara por aí e pode que estean tentando revivir ó Dragón Escuro de fai 1000 anos. Nese momento, aparecen uns camaradas que alicerzan a Shining Force: o guerreiro anano Luke, o cabaleiro centauro Ken, o arqueiro elfo Hans, o crego mediano Lowe, e un poco de compaña humana coa feiticeira Tao.

Lowe chegou tarde á foto de grupo.

A primeira loita do xogo é contra un grupo de trasgos, algúns ananos escuros e un cabaleiro rúnico. Tódolos membros da forza brillante comezan no sur e teñen que ir manobrando para vencer ós inimigos. Pola súa banda, o exército rival está rexido por unha intelixencia artificial que, polo menos neste momento, non parece moi avanzada: algún agardan mentres os seus compañeiros son esnaquizados nas liñas dianteiras. Non obstante, apañeime para avanzar demasiado co protagonista até que os ananos partírono en dous… Polo menos serviume para deprender tres mecánicas interesantes:

  1. Cada quenda global, repártese máis ou menos ó chou a orde en que os personaxes aliados e inimigos actúan. Debido a isto, é posíbel que un personaxe golpee dúas veces seguidas sen oportunidade do rival para afastarse ou devolvela.
  2. Algúns ataques teñen unha posibilidade de ser críticos, facendo un extra de dano, ou dobres, facendo dous ataques consecutivos. Inda non sei se pode darse o caso de que sexan dobres e críticos na mesma quenda.
  3. Cando Max morre, a loita remata, consérvanse os puntos de experiencia gañados pero pérdese a metade do ouro gardado. Polo tanto, esta lonxe de ser terríbel e até paga a pena.

Con ese coñecemento xa adquirido, e algúns dos meus personaxes subidos de nivel, intenteino de novo e foi bastante máis sinxelo. Tras obter, agora si, a vitoria, un tremor de terra complicou a ruta de volta a Guardiana, polo que toca outra vez abrirse camiño a base de hostias. Esta segunda batalla non tivo nada de especial e até conseguín repartir bastante a experiencia entre tódolos membros do grupo na medida do posíbel. Antes de entrar na cidade, parei un momento nunha ermida ó lado do mar onde o monxe medio-xigante Gong apúntase ó grupo para loitar contra Runefaust.

E Max non dixo nin ola.

Xa na cidade, atopámola destruída polas forzas do mal. Pese a iso, tódalas tendas están abertas para que poidamos gastar o ouro e, espero, financiar parte da reedificación. Non merco nada pero logro facer que outro anano guerreiro, de nome Gort entre tamén nas miñas forzas. Xa no castelo, podemos ve-la desfeita que fixo un tal Kane que liscou tras ferir de morte ó rei e deixar sen vida ó centauro mentor do protagonista. A filla deste último, Mae, aproveita para unirse ó grupo e poder vinga-la morte do seu pai. Xa temos dous cabaleiros centauros na Shining Force.

Na capela, ademais de poder garda-la partida para continuala noutro intre, tamén pódense “alzar” ós membros caídos durante os combates, por unha suma de ouro dependente do nivel do personaxe. Como era de esperar, hai unha disonancia lúdico-narrativa porque non podemos “alzar” ós mortos como o rei ou o mentor. Tras espoliar todo o que quedaba no castelo, saímos da cidade para atoparnos cunha nova batalla.

O terceiro escenario tiña un mapa moi aberto e os inimigos bastante espallados en pequenos grupos. Desta vez aprendín que os morcegos poden facer que os meus personaxes caian nun sono e non poidan actuar na súa quenda. Tiven algún sustiño e algunha baixa non planeada dalgún personaxe secundario pero nada que me fixera ter que repetila dende o comezo.

O minimapa é inda máis inútil do que parece.

Unha vez que o camiño está libre podemos chegar até Alterone, outra cidade ó norte de Guardiana que tamén ten o seu propio castelo, onde baleirei tódolos cofres que atopei antes de falar co rei. Resultou que o monarca estaba aliado con Kane e non se lle ocorreu mellor cousa que mandar ó grupo principal á cadea para impedir que desbaratasen os plans do malo. Alí, unha crega elfa que se presenta como Khris abre clandestinamente a porta e únese á forza brillante para tentar salvar ó seu pobo. Tras escapar, comeza unha batalla entre os edificios de Alterone. Por segunda vez na historia, o malvado Kane foxe porque non ten tempo ou ganas de enfrontarse contra os protagonistas; de seguro que uns capítulos máis adiante vaise arrepentir desas dúas ocasións.

A loita transcorreu sen sobresaltos pese a ter dous novos tipos de inimigos: un par de arqueiros e un poderoso mago escuro (o de poderoso tíveno que inventar porque non lle din oportunidade ningunha de emprega-la súa maxia). Ó rematar, o rei pide perdón nunha nova entrevista e sinala un pasadizo secreto polo que o fato pode continua-la súa busca no segundo capítulo.

  • Horas transcorridas: 2.5.
  • Batallas gañadas: 4.
  • Batallas perdidas: 1.
  • Membros na Shining Force: 10.
  • Mulleres na Shining Force: 3 (30%).
  • Equipo titular: