Shining Force, capítulo 6
Devanceiro do Dragón Sagrado.
Desta vez comezamos na cidade de Rudo, poboada na súa maioría por nenos moi amigos dun dragón chamado Bleu. Explorando un pouco conseguimos que Lyle, un centauro cabaleiro de asalto que dispara a distancia co lanzafoguetes que leva enriba! Isto soa demasiado bo polo que, sentíndoo pouco, Balbaroy, quedas excluído do grupo. Despois actualicei ás armas novas que había na tenda e puxen camiño a Dragonia para axudar a Bleu a impedir que Darksol colla o manual para poder revivir ó Dragón Escuro de fai 1000 anos. Nada máis pór un pé fora da cidade… sorpresa, a primeira batalla do capítulo!
A maior parte do novo escenario está cuberto de bosques e de montañas, facendo que moitas unidades a pé o teñan difícil para leva-lo ritmo das unidades voadoras ou das súas compañeiras terrestres que non se ven tan entorpecidas polos accidentes xeográficos. Entre estas últimas sobresae Guntz: o outrora lento “tanque” obtivo un anel no último capítulo que incrementou de 4 a 6 a súa estatística de movemento. Isto, xuntado a que non parece verse moi afectado polos bosques e montañas, fai que sexa un dos primeiros en ter contacto co inimigo.
A loita ve aumentada a súa graza cando, de súpeto, aparecen uns magos escuros e uns golems no medio das miñas tropas. Os primeiros conseguen facer bastante dano a Max que tiven que curar rápido, os segundos foron moi duros e conseguiron facernos certo dano até que o dúo de feiticeiras derreteunos. Por último, mesturado con outras unidades, había un “dullahan” (na mitoloxía céltica, un cabaleiro descabezado), que tamén era moi resistente ós ataques físicos e levouse por diante a algunha das miñas unidades antes de caer derrotado.
O dullahan é o de arriba á esquerda, coma Stalin.
Denantes de chegar a Dragonia, fixen unha parada técnica en Rudo para promocionar a Diane no nivel 15 a “mestra de arcos” e a Amon no nivel 12 a “guerreiro dos ceos”. Non o comentara até o de agora, pero cando unha unidade sofre unha promoción, o seu debuxo tanto no mapa como nas escenas de ataque troca, podedes ver os cambios a medida que os actualizo ó final de cada capítulo. Por exemplo Max deixou de ser un mozo pimpín para converterse nun estilizado guerreiro. Pola súa banda, trocarlles as armas tamén fai que as imaxes dos ataques troquen para incluílas. Son uns detalles que se agradecen moito no plano visual, inda que nalgúns casos se vexan un pouco cutres.
En Dragonia achamos ó famoso Bleu, un dragón branco moi medorento que non quere saber nada de loitar até que a súa amiga se atopa en perigo. Nese momento saca a súa xaneta, frite ó inimigo e apúntase ó grupo que levo: andaba a buscar un substituto para Gort e velaquí está. No medio de Dragonia, que por certo non é moito máis que unha colección de edificios case abandonados, está Kane agardando por Max. Ó falar con el coméntanos que vaiamos a nos preparar ó noso cuartel. Ó principio pensei que era moi xeneroso, pero no tempo que tardei en baixar e subir unhas escaleiras el despregou as súas tropas; era un truco!
O que penso que non é un truco, senón unha falla de coordinación ou mala tradución (eu estou a xogar en inglés e a versión orixinal é en xaponés) , é que Kane durante a batalla troca de nome e chámase Cain. Cabe salientar que a primeira impresión de Bleu como guerreiro foi moi mala: fai uns momentos empregou o seu alento de fogo para torrar a un inimigo fora da batalla, pero agora que o comando eu só pega coa cola facendo un dano irrisorio ós rivais. Pero non foi esa a causa de que tivese que repeti-la loita, senón o feito de que puxen a Max preto de Kane e este quitoulle a vida enteira dun só golpe! No segundo tento deixei que o xefe fose matando a outros personaxes e mantiven ó protagonista lonxe para evitar te-lo mesmo resultado.
Se lle botara un ollo ás estatísticas antes, outro galo cantaría.
A derrota de Kane/Cain escacha a súa máscara e vemos a un home arrepentido por todo o que fixo baixo o control máxico de Darksol. Coa súa axuda abrimos unha porta que só se abrirá “para dous heroes”; de seguro que a Mae e ó resto da Shining Force lles senta moi ben que ningún deles fosen válidos para tal fin. Abaixo atopamos a Darksol (como diaños entrou?) que xa ten a chave e o manual para espertar ó Dragón Escuro. Kane bótanos do lugar e lánzase contra o seu antigo xefe. Ó asomarnos de novo non hai rastro de ningún dos dous. Sen nada máis que facer por alí, volvemos a Rudo para descubrir que agora o seguinte McGuffin é un espada de luz que está nun castelo ó sur das montañas. Pero antes, nova batalla!
Trátase do mesmo mapa no que xa loitamos na primeira batalla deste capítulo, pero esta vez o percorrido é moito máis largo e máis penoso. Queixeime entón e vólvome a queixar outra vez do lento que é avanzar coas tropas normais por un terreo que é todo bosque e montaña. Non sei se a idea é que poña ós personaxes mais rápidos para este tipo de loitas pero tampouco creo que resultase moi ben porque terían uns niveles máis baixos e sería máis difícil por ese motivo. Despois de todo, non hai un límite de quendas para completar o nivel e o único que melloraría sería o fastío. Non sei cantos minutos despois conseguín vencer a tódolos inimigos na que foi, sen lugar a dúbida, a batalla máis longa no tempo do que levo xogado.
Polas montañas grises só se pode pasar voando e as marróns son moi lentas ó camiñar.
Como nestas alturas xa son un can vello, volvo a Rudo para revivir e promocionar ós meus personaxes antes de asalta-lo castelo. O primeiro foi o tatú Guntz, que pasou de ser un cabaleiro-propulsado-por-vapor de nivel 18 a ser un barón-propulsado-por-vapor de nivel 1. A Khris non lle faltaba case nada para chegar ó nivel 11 pero decidín promocionala para que puidese comezar ca súa nova clase de vicaria.
E efectivamente, ó entrar no castelo comeza unha batalla contra Mishaela (a muller do circo no segundo capítulo) e máis dunha ducia dos seus esbirros. Ela comeza bastante preto dos meus personaxes, pero cada vez que pode vaise afastando xunto ós seus dous gardacostas namentres o resto dos inimigos póñense de por medio para empece-los meus avances. Pouco a pouco voume facendo camiño até o trono de Mishaela, déixoa soa e, xusto nese momento, lanza un poderoso feitizo de raio que abarca un total de 13 casas (até o de agora, a área máis grande era de 5 casas) ferindo a boa parte do meu grupo e matando a algún outro. Cos que me quedan vivos non penso que poda triunfar na loita polo que decido lambe-las miñas feridas e fuxir da batalla co único feitizo de Max.
Antes de volver ó castelo, vou por xunto do cura para que mude a Bleu, que xusto chegou ó nivel 10 por algo mellor. Convértese nun gran dragón pero, como verei máis adiante, segue sendo unha desilusión. Polo menos a curto prazo non é un guerreiro moi viable: inda que o único nivel que subiu aumentou bastante as súas estatísticas, actualmente son moi baixas (e inda máis despois de promocionalo) e non semella que a súa praza no grupo estea garantida.
De volta no castelo, repito a loita pouco a pouco e, cando só queda Mishaela, espallo as miñas unidades para minimizar o impacto da súa poderosa maxia. Desgraciadamente, as quendas organizáronse de maneira que primeiro actuou Max, despois Mishaela sacoulle máis da metade da vida e, antes de que volvese a se-la quenda de Max para afastarse, Mishaela volveulle a lanzar a mesma maxia rematando temporalmente coa súa vida e facéndome perde-la batalla.
Pois saín varias veces, máis ou menos morto, pero saín.
No terceiro intento repetín todo máis ou menos igual pero xoguei de maneira máis conservadora co protagonista. Así, pouco a pouco xa que cada quenda rexenera bastantes puntos de vida, consigo vencela e obte-la espada da luz. Aí tiven certa sorte porque ó remata-la batalla un dos meus personaxes ficou xusto diante do cofre que tiña a espada, facendo que non a puidese coller. Polo tanto, saqueei antes o resto dos tesouros e logo saín e volvín a entrar no mapa para colle-la espada. Tan pronto estivo nas mans de Max, o capítulo rematou tras catro horas de xogo (o máis largo até o de agora). Se non fora polo erro do xogo que me impediu colle-la arma no primeiro intento, ficaría sen moitos dos outros obxectos do mapa que poderían ser útiles de cara ó seguinte capítulo.
- Horas transcorridas: 14.
- Batallas gañadas: 21.
- Batallas perdidas: 5.
- Batallas fuxidas: 1.
- Membros na Shining Force: 24.
- Mulleres na Shining Force: 6 (25%).
- Equipo titular: