<<

Suikoden, capítulo 3

Ola! No momento de escribir isto inda non hai ningún comentario en toda a páxina, pero están máis que abertos tanto para este artigo coma para calquera outro pasado ou futuro. Non fica claro co formulario actual, pero tódolos campos (nome, email, web) son opcionais e non podo nin saber a IP que empreguedes. Sentídeos libres de escribir todo o que queirades co voso nome preferido!


Ó final resultou que o bucle que comentara no capítulo anterior non se repetiu! Se ben é certo que as novas zonas íanse desbloqueando ós poucos, xa non eran unhas rexións novas con varias cidades dentro, senón máis ben unha vila co seu alxube a xogo. Neste derradeiro tramo non recrutei a tantos personaxes como no anterior, pero si que atopei algúns que engaden un metaxogo de colección de obxectos.

Espallados polo mundo, e mesturados cos cofres de tesouros normais, hai certos obxectos que non teñen unha utilidade práctica no xogo pero que se poden regalar ós personaxes relevantes unha vez que os temos presentes no noso castelo. Por exemplo, hai un pintor ó que lle podemos levar pinturas para facer un mural con algúns dos protagonistas, unha música que nos permite cambiar os efectos sonoros dos menús ou un bibliotecario que garda os libros que atopamos para podelos ler e aprender máis, tanto do xogo coma do mundo no que se desenvolve. Que non se podan ler os libros até que temos ó bibliotecario nas nosas filas é outra disonancia lúdico-narrativa.

Tiven que buscar o mural rematado en internet porque a mín faltáronme algunhas cores.

O peor destes obxectos coleccionábeis é que toman un espazo moi valioso no inventario porque, pese a que non tiña un interese especial por conseguilos todos, dábame pena tiralos, xa que supuña que non habería maneira de podelos recuperar. Certo é que podo ter seis personaxes no grupo, cadanseu cun número de ocos limitado para levar obxectos, e é posíbel trocar libremente os obxectos dun a outro. Pero tamén é verdade que soen ter uns catro ocos cuberto polo seu equipamento, mais algúns obxectos curativos (moi pero que moi importantes neste xogo para o meu estilo), os cristais que permiten aprende-las habilidades rúnicas (non os quería tirar e hai que ir a un certo mercador co personaxe en cuestión para ensinarllo) e algún que outro obxecto variado. En resumo, tampouco queda moito espazo libre. Por sorte, tamén hai un membro no castelo para garda-los obxectos sen ter que llos asignar a ningún membro en particular, pero non lle din moito uso.

Non sei o que sucede co equipo dos personaxes que morren definitivamente, pero é de supor que se perde sen remedio. Neste capítulo algún outro membro importante tamén finou, algún sacrificándose por necesidades da historia, pero tamén perdín a un par de secundarios na derradeira batalla a gran escala, nomeada dentro do propio xogo como “a derradeira batalla”. Nos momentos previos á mesma puiden ver como se preparaban os personaxes do castelo, ante todo despois de que un deles traizoase a todos ó manterse fiel ó imperio dentro das nosas filas. Aí perdeuse unha boa opción de ter un minixogo para tentar adiviñar quen era o pérfido, pero preferiron solucionalo como un xiro argumental para engadir máis drama nun instante determinado.

Repetiron tanto o da derradeira batalla que se houbese outra sentiríame estafado.

Mais volvamos á “derradeira batalla”. A estas alturas xa tiña dominada a estratexia para gañar neste tipo de loitas, pero inda así vencín por moi pouco: 20000 unidades imperiais víronse aniquiladas por 15000 e pico membros do exército de liberación; ó rematar só quedaron vivos 15 destes últimos, e a vitoria moi en dúbida até o final. Por sorte superei esta loita ó igual que tódalas outras, xa sexan a pequena ou a gran escala, de maneira que nunca tiven que carga-la partida gardada por este motivo. Unha partida perfecta!

O que case torna ese dato foi a loita final contra o emperador. Entre que as tres mulleres que escollín para completa-lo grupo quizais non eran as máis fortes, que non merquei tantos obxectos curativos como podería, que non levaba as mellores armaduras que me podería permitir (a estas alturas xa tiña maximizadas as moedas até o limite, polo que foi máis preguiza que outra cousa), que ademais gastei moitos feitizos de área antes de chegar até o emperador… pois non me atopei nas mellores circunstancias para gaña-la pelexa.

O encontro comezou cando o emperador transformouse nun dragón de tres cabezas (vexo un padrón, quizais sexa algo común no folclore xaponés). Tarde en darme conta, pero cada unha das testas tiña unha habilidade diferente e só activábase unha por quenda: a primeira resucitaba ás outras dúas se era aplicábel, a segunda facía dano a tódolos meus personaxes e coido que a terceira só facía un ataque normal. Eu comecei guindándolle tódolos feitizos que afectaran ás tres cabezas ó mesmo tempo que me quedaban, mentres que tentaba manter a todos vivos cos obxectos curativos. Logo cambiei o plan para atacar con todo á terceira cabeza, amosegando un pouco a segunda cando a outra caía. Claramente era un mal plan, polo que repetiuse moitas veces mentres a primeira encargábase de alzar ás súas compañeiras cando o necesitaba.

Case pasoume factura atacar á dereita en lugar da esquerda.

Nalgún momento atopeime contra dúas cabezas e sen subministracións de curación. Tíñalle abatanado un pouco tamén á primeira cachola polo que apostei por atacar con todo á cabeza que alzaba ás outras dúas e saíu ben por pouco! Obtiven unha escena na que o emperador suicídase levando por diante a Lady Winter, a verdeira vilá da historia e a que eu pensaba que sería a xefa final do xogo. Inda levei un sustiño cando, ó remata-la loita, volvín a gaña-lo control do grupo e tiven que escapar do castelo: tiña medo de que os combates ó chou rematasen cos sobreviventes do grupo. Non axudou que un par deles saíron do fato para cubrirnos as costas. Ó final foron poucas batallas e sinxelas, polo que conseguín chegar até o final real.

Antes dos créditos, após case 18 horas de xogo, apareceu un listado das 108 estrelas con cadanseu personaxe asociado e o que fixeron tralos eventos da historia, ou onde morreron durante o transcurso da mesma. Contei que me fallaron 17, pero eu só tiña notas sobre os seguintes:

  1. Un elfo, apostado na aldea dos kobolds, que non quere saber nada de humanos nin de xente ruda,.
  2. Un vello que identifica obxectos raros en Rikon ó que lle tiña que levar algo que non coñecese, algo de “Holly” (nin idea de a que se refire).
  3. Tamén en Rikon, unha rapaza que perdeu á súa gata chamada Mina.
  4. En Kalekka un home que me recomenda recrutar máis soldados.
  5. Un home, na aldea dos guerreiros, que quere facer vidreiras en fiestras. Coido que este personaxe permitiría cambia-las cores dos menús, xa que atopei algúns obxectos coleccionábeis que tiñan que ver con isto.
  6. Outro con pintas de afiador de armas que falaba do tamén afiador Mose. Eu fun a facerlle unha visita con Mose pero non cambiou o discurso.
  7. Un guerreiro no “Seek Valley” que desexaba que “este” castelo fose máis grande. Non me ficou claro se falaba da súa casa ou de Insubmis.

O final do emperador. O final do imperio.

Con isto rematamos a crónica do Suikoden. Desta vez tentei darlle un toque máis persoal empregando a primeira persoa para as accións do protagonista, en contraposición á terceira no Shining Force cando falaba de Max. Ten algo máis de graza pero é máis forzado en algúns momentos; supoño que o tratarei caso por caso polo de agora.

  • Horas transcorridas: 17.5.