<<

Dead Cells. Capítulo 1

Entre unhas cousas e outras case levaba dous meses sen sentarma a xogar con calma no ordenador. A opción lóxica sería continuar coa recolección de amorodos no Celeste, pero non me apetecía moito. Botándolle un ollo a esa marabilla que é o “modo familia” de Steam atopei o Dead Cells, do que escoitara boas críticas inda que non tiña moi claro como era, máis aló de que semellaba un Dark Souls bidimensional (ese termo souls-like que xa empeza a ter menos senso que roguelike). Cando comecei a xogar, e finei un par de veces, entendín que se trataba dese estilo de xogo que mestura equipamento ao chou con morte permanente con habilidades desbloqueábeis entre mortes, unha combinación que me dá unha preguiza instantánea por moito que o Slay the Spire sexa dos meus videoxogos preferidos.

Lonxe están os meus tempos de NetHack, e lonxe quero que permanezan. Hoxe en día non teño nin ganas nin paciencia para explorar e/ou percorrer os mesmos niveis iniciais intentando achar unha mellora para que os niveis inferiores resulten máis doados. Eu son máis de apurar todo o posíbel e, por sorte, este Dead Cells ten un mecanismo para recompensar esas présas se chegamos a certos puntos rapidamente; non sei se compensa a falta de exploración pero semella abondo para un xogador experto, algo que me queda tan lonxe agora mesmo coma o NetHack. Conseguín chegar tres veces á loita contra o primeiro xefe, pero só fun capaz de derrotalo na segunda, unha partida que se estendeu algúns niveis máis pero que rematou noutra morte estúpida igual ca o resto.

Os inimigos teñen padróns de ataque ben claros, avisando con tempo antes de agredirnos con algún movemento único para cada tipo de adversario. A meirande parte deles non son moi perigosos cando os atopamos en soidade, pero é bastante común que estean ben amoreados e teñamos entón que prestar atención a moitas cousas movéndose ao mesmo tempo. Por sorte, as células protagonistas imbúen ao corpo posuído cunha capacidade extraordinaria para rodar polo chan e esquivar os golpes, obtendo unha moi útil inmunidade entre medias. Outra manobra defensiva consiste en empregar un escudo para detelos, pero ocupa a valiosa posición dunha arma secundaria e a min nin me daba xeito nin me compensaba. Diría que hai algunha mecánica para facer paradas co escudo ao estilo Street Fighter III pero non experimentei o suficiente para atopala.

Ademais de ter un estilo de combate con reminiscencias ao Dark Souls, tamén emprega esa inspiración para amosarnos o contexto da ambientación na que sucede a acción. Non obstante, non hai longas exposicións para contarnos a historia do mundo, senón que adquiriremos ese coñecemento analizando os ambientes, interactuando brevemente con algúns puntos quentes (inda que moitas veces abusa un pouco do texto neste caso) ou lendo os pequenos fragmentos que aparecen nas pantallas de carga. Tamén existen algúns personaxes nos asentamentos seguros que intercambiarán algunhas liñas co protagonista, mais a súa tarefa principal consiste en ofrecer servizos para facilitarnos a incursión actual ou as futuras, dependo do tipo de divisa que empreguemos.

O xogo non é malo, e seguramente é máis que digno de todas as críticas positivas que obtivo, pero penso que, polo de agora, estou satisfeito con esas case dúas horas consecutivas que lle adiquei nunha tarde de desenfreo lúdico. É certo que, mentres escribía este artigo, víñanme ganas de xogar outra partidiña con máis calma para intentar chegar máis lonxe, pero non sei se a próxima vez que colla o mando seguirei coas células mortas, co segundo ascenso á montaña Celeste ou por algún novo camiño. Sexa coma sexa, contareino por aquí!