<<

Final Fantasy V. Capítulo 3

Entre unhas cousas e outras pasaron catro meses dende que escribín a segunda entrada deste xogo. Entre medias pedín unha hora de progreso por un erro administrando as partidas gardadas, o que me levou a un estado de preguiza máximo e a trocar de ares durante un tempo. Mais, cando volveron as ganas de retornar a este mundo de fantasía, non puiden deixalo de lado outra vez. Non aproveitei os meus escritos dos anteriores dous capítulo para poñerme ao día coa historia e as mecánicas, polo que o recomezo non foi de todo sinxelo. Non lembraba que o feitizo de fuxida pertence á esfera de maxia temporal, non á branca coma nalgunhas edicións anteriores, polo que non a empreguei durante un bo anaco deste grupo de sesións. Tampouco tiña moi fresco canto avanzara no mundo de Galuf e que tocaba facer nesta nova volta, pero fun amañando pouco a pouco.

A entrada anterior remataba pouco despois de que o grupo chegara a ese mundo de Galuf. Tamén é a orixe do malvado Exdeath e onde volve para asentarse. Polo seu castelo pasaremos varias veces, e tamén servirá coma cumio deste fragmento. Logo de procurar aliados, sofrer algúns reveses e, como non, viaxa en navío submarino, conseguimos asaltar a fortaleza e poñer ao noso inimigo entre a espada e os cristais da parede. Pero a nosa vitoria sobre el non é satisfactoria, xa que conseguiu lanzar parte do seu plan, escachar os cristais e facer algún tipo de reinicio do universo. Inda non sei ren de como funcionou, pero o grupo atópase de novo no mundo de Butz. Quizais isto poida significar a volta de Galuf, xa que se sacrificou heroicamente para salvar ao grupo de, precisamente, Exdeath. No seu lugar entrou Cara, a súa neta, que herdou exactamente as mesmas estatísticas que tiña o seu avó.

Isto significa que, diría que por vez primeira na saga, as mulleres son maioría no grupo de personaxes xogábeis. Tamén significa que teño unha feiticeira branca no equipo, mestra nesa profesión e aprendiz de farmacéutica, algo que sempre tento evitar na medida do posíbel para non xogar cos clásicos roles de xénero. Pola súa banda, os demais membros tamén acadaron mestría nun traballo e están agora aprendendo un segundo. Lenna, a cabaleira mística, agora volveu á cabalería básica. Faris, a ninja, deixou de poder lanzar shurikens xa que agora é unha berserker que non pode parar de atacar. Por último, Butz rematou a súa especialidade coma mago temporal para continuar os seus anteriores estudos de maxia negra. Optei nos catro casos por adestrar nunhas segundas profesións moi similares ás primarias. Non teño nin idea se é o máis eficaz, mais polo de momento a dificultade é axustada e o equipo semella ben distribuído.

Con eses personaxes derrotei a unha morea de inimigos variados en bastantes ambientes diferentes. Desta vez non abusaron dos alxubes en forma de covas naturais e até reempregaron a localización do xa mencionado castelo de Exdeath para dous momentos diferentes, inda que cada vez percorreremos unhas zonas distintas e, no segundo paseo, o castelo adopta un ar máis demoníaco. Nese percorrido tamén atoparemos casas de lume que fan dano ao pisalas (contrarrestábel co feitizo de flotar), un pequeno xogo de precisión para situar unhas escaleiras no lugar preciso (o primeiro deste estilo na saga) e outro tamén pequeno crebacabezas dun chan con buratos invisíbeis e unha baldosa secreta que activa unha pasaxe. Agardo que existan máis novidades deste estilo nas moitas horas que me restan.

Xa que, segundo HLTB, inda non vou máis ca pola metade da aventura! Porén, é cedo para sabelo, pero ten papeletas para converterse no meu Final Fantasy preferido dentro deste quinteto inicial, polo menos na parte mecánica, xa que a historia e os protagonistas da anterior entrega atópanse bastante por riba desta. Supoño que a seguinte aventura final, a sexta, pode varrer a ambas nas cadansúas especialidades. Nos meus anteriores intentos non cheguei nunca ao mundo arruinado do Final Fantasy VI, pero antes de volver alí inda teño por estes lares outro universo para salvar. Tan pronto coma solte o bolígrafo volverei con Lenna e compaña para ver que sorpresas me agardan!