<<

O señor dos aneis LCG. A disolución da comunidade

Rematara o anterior capítulo do meu paseo pola saga d’O señor dos Aneis LCG nunha viaxe na escuridade que non resultara con éxito por mor do poderoso Balrog. Pero xa que sempre cabe a posibilidade de volver a intentar a partida, uns tres meses despois collín exactamente a mesma baralla que tiña preparada e acadei a vitoria nese novo tento! Xa sabía que agardar polo Balrog non era boa idea, polo que bulín todo o posíbel nas fases anteriores, estando moi preto de escapar antes de que aparecese. Mais unha mala elección fixo que na penúltima quenda fixese acto de presenza, acabando coa vida dun espirro menor e tamén coa do pobre Fredegar “Gordo” Bolger, que tivo un papel moito máis importante na miña crónica persoal que nos libros, polo que sempre será recordado no arquivo de heroes caídos en batalla.

Tocaba entón avanzar até a última aventura deste primeiro terzo do libro: a disolución da comunidade. Non me quedou outra que facer cambios na baralla, porque non tiña outro hobbit da esfera de espírito que puidese meter no lugar do Gordo. Fuxín do contrato do vínculo de amizade, volvendo ao estilo clásico de empregar tres heroes xunto ao Frodo convidado. Fixen algúns axustes mínimos á baralla anterior, eliminando as cartas de espírito e incrementando a conta de moitas outras para compensar. Nas dúas primeiras partidas non me foi ben de todo, como vén sendo habitual. Os problemas foron debidos á acumulación de inimigos na primeira etapa que atacan todos ao mesmo tempo ao comezar a segunda. Para a terceira partida, xa con máis coñecemento do que viña por diante, axustei algo máis as miñas cartas de xogador, resultando esta baralla:

Hero (4)
Frodo Baggins (The Black Riders)
Merry (The Black Riders)
Pippin (The Black Riders)
Sam Gamgee (The Black Riders)

Ally (21)
2x Barliman Butterbur (The Black Riders)
2x Bill the Pony (The Black Riders)
3x Dúnedain Hunter (The Lost Realm)
3x Elrond (The Road Darkens)
2x Faramir (Core Set)
3x Gandalf (Core Set)
1x Henamarth Riversong (Core Set)
3x Honour Guard (The Wastes of Eriador)
2x Miner of the Iron Hills (Core Set)

Attachment (9)
2x Dagger of Westernesse (The Black Riders)
2x Fast Hitch (The Dead Marshes)
2x Hobbit Cloak (The Black Riders)
3x The Long Defeat (The Battle of Carn Dûm)

Event (20)
3x Drinking Song (Mount Gundabad)
2x Feint (Core Set)
3x Frodo’s Intuition (The Black Riders)
2x Halfling Determination (The Black Riders)
2x Quick Strike (Core Set)
3x Shadow of the Past (Return to Mirkwood)
2x Sneak Attack (Core Set)
3x The Shirefolk (Mount Gundabad)

A vitoria veu polo camiño da combinación entre o Henamarth e as sombras do pasado, controlando moitísimo as primeiras quendas para asegurarme que non aparecía ningún perigo infranqueábel e repetindo cartas sen risco. Desta maneira cheguei á segunda etapa con tan só unha localización en xogo e un taboleiro que axudaría un pouco nas futuras leas. A combinación de Meriadoc “máquina-de-matar” Brandigamo armado coa Glamdring e Samsagaz “afouto” Gamllí protexido coa Dardo e cunha capa hobbit era moi boa. Trampeei algo máis a baralla de encontros xogando un cazador dúnedain que mesturou as cartas, para facer que a elección de Frodo non tivese por que estar abaixo de todo. O plan saíu a pedir de boca e só faltaba apurar nas dúas últimas quendas para superar a derradeira etapa canto antes e obter a vitoria cun total de 127 puntos. A nota negativa foi de Pippin, que traizoou á comunidade volvéndose malo! Mantíveno vivo até o final, aguantando os seus ataques pero sen forzas para contraatacar, unha mágoa que non houbo maneira de convencelo e agora formará parte dos heroes caídos xunto a Gordo.

Polo de agora non teño máis aventuras que xogar desta saga, nin teño previsto adquirilas dentro de pouco, polo que devolvín todas as cartas ás cadansúas caixas sen anotar o estado actual da campaña. Claramente este último escenario estaba deseñado para ser xogado con máis dun xogador polo que, chegado o día, quizais queira darlle unha nova pasada con dúas barallas. Estas partidas déronme ganas de xogar máis escenarios dos que teño por aí, probando outras combinacións de cartas, pero agora mesmo teño o Aeon’s End sen abrir, polo que supoño que dedicarei os meus esforzos a entendelo e, coñecéndome, queimalo. Xa lle tiña ganas dende hai ben tempo, polo que agardo que se atopa á altura das miñas altas expectativas. Xa vos contarei!