Hades. Capítulo 2
Dende a última entrada, aprendín bastante deste xogo de Supergiant Games, pero se cadra máis por ler diferentes guías e recursos que por telo experimentado de primeira man. Logo de aniquilar a Hades esas primeiras veces, decidín que eu xa era merecedor de integrarme na comunidade en liña, inda que só fose coma lector. O seguinte paso era derrotar a Hades até un total de dez veces para facer que Perséfone volva aos infernos. Para iso, continuei co arco e subindo progresivamente a dificultade, chegando a encadear seis vitorias consecutivas antes de atoparme nunha habitación chea de trampas, inimigos con escudo e pouca axilidade mental-dixital. Deume mágoa poñer a cero ese contador, pero case mellor, porque obtiven un novo tipo de liberdade ao non estar tan centrado en xogar sobre seguro para acumular máis e máis vitorias seguidas.
Ao contrario ca noutros videoxogos coma Slay the Spire ou Dead Cells, o modo que incrementa a dificultade deixa que sexa o xogador o que escolla os modificadores que se aplicarán na seguinte partida. Como ademais a progresión do protagonista e da historia non frean, desta vez non tiven problema ningún en seguir neste modo que non me atraía nos outros dous roguelites. Eses modificadores non só axustan números para facer a partida máis complicada con pouco esforzo dos desenvolvedores, senón que tamén que inclúen algunhas funcionalidades que non se atopaban na primeira volta, coma modificacións aos espirros con armaduras ou até novos movementos para os xefes de cada zona! Normalmente moitos xogadores piden a outros deseños que os inimigos sexan máis intelixentes ou teñan novos movementos nas dificultades máis elevadas, pero, por cuestións loxísticas obvias, non é nada común de ver implementado, polo que foi unha boa alegría.
Porque, coma xa dixen na anterior entrada, o xogo está moi ben producido. Ademais do ben pensado que está ese modo de calor progresivo, tamén quero destacar todas esas pequenas medidas antifrustración que melloran a experiencia. Por exemplo: hai un tempo dende que pisamos a lava até que fai dano, non é posíbel avanzar até cobrar a recompensa dunha sala, non podemos visitar a Caos se non chega a vida restante, avísase claramente cando unha bendición substituirá a outra, é obvio cando perdemos vida, etc. Abofé que todo iso non é o que fai grande a este xogo, mais deosta esa atención ao detalle que permea moitas outras áreas. Unha das máis rechamantes é a que engloba todas as conversacións e relacións sociais.
Cada personaxe secundario ten a súa personalidade, que manifestan a través da gran cantidade de liñas de diálogo diferentes que intercambian co protagonista, e incluso entre eles. Non será rápido circular por todas elas, xa que os deuses só interactúan durante os tentos de fuxida e os personaxes da base non falarán dúas veces consecutivas. A idea é afondar nesas relacións conversando acotío e agasallando uns bens limitados aos nosos favoritos para tamén gañar o seu favor. Tendo en conta que eses agasallos obtéñense na parte de acción, a unión entre narrativa e esa parte técese máis entrelazada dunha maneira agradábel. Pola outra banda, tamén existe un menú cunha morea de texto ampliando a ambientación, mais iso xa é moito para min e non sigo as pequenas actualizacións. Tampouco axuda que haxa que visitar outras cincuenta veces o Elisio para que apareza unha frase adicional.
Supoño que, en sucesivas partidas, centrareime en aprender armas máis aló do arco, cumprir as profecías que faltan e seguir gozando das diversas mecánicas. Inda hai moreas de horas potencias por diante, con moitas variacións nas armas e un sistema de compañeiros que non experimentei polo de agora. Polo tanto, non teño medo de rematar completamente todo ese contido, e estarei contento simplemente progresando pouco a pouco con novos intentos de fuxida, agora xa en nómina, sabendo tamén que todo paso é cara adiante. Obviamente terá que competir con outras ofertas lúdicas que poda ter na mesma plataforma, mais a parte de saber exactamente o que agardar de cada partida tamén é un bo punto ao seu favor.
E outra banda pola que podería seguir avanzando é máis tanxencial: literatura. Teño pendente de ler versións non resumidas das obras clásicas gregas, dende a Ilíada de Homero até a Antígona de Sófocles [esta xa a lin!], amais doutras interpretacións máis modernas coma A canción de Aquiles de Madeline Miller. Agora que este Hades achegoume máis a conceptos como a relación do susodito Aquiles con Patroclo, coido que sería un momento máis que axeitado para comezar esas lecturas que levan tanto tempo adiadas. Pero xa me coñezo, e a miña lista de xogos aos que quero xogar só é superada pola de libros que quero ler. Coido que o mellor que podo facer é deixar esta entrada neste punto e seguir lendo o ensaio de educación anarquista que teño ao meu carón [que a estas alturas xa vai boa que o rematei, tamén].