Phantasy Star. Capítulo 1

Algo que tiña claro cando decidín facer públicas estas entradas de diario era que non ían ser enciclopédicas, que para iso xa existen fontes e recompilalas unha vez máis non me parecía un emprego axeitado do meu tempo. Non obstante, de cando en vez fago excepcións para poñer algo máis de contexto, especialmente se non me vou lembrar dentro duns anos cando lea o escrito. Porque esa era outra cousa sobre a que tampouco tiven dúbidas: como bo diario, o público obxectivo limítase a min mesmo. No caso deste Phantasy Star, quero que o meu ego futuro recorde que foi programado por Yuji Naka (Sonic, Nights, etc.) e cun equipo relativamente feminino, entre as que destaca a, por aquel entón, deseñadora gráfica Rieko Kodama (Alex Kidd, Sonic, etc.). Outro dato encilopédico importante é que foi publicado un ano máis tarde que o Dragon Quest e dous días antes que o Final Fantasy.

Comezando a parte con máis substancia, podo dicir que nótase ben a influencia do primeiro e a falta da mesma do segundo. Atopámonos ben cedo, xa nos primeiros minutos de xogo, loitando contra inimigos que golpean moi duro. Se temos sorte, vencermos a pelexa, apañaremos uns poucos puntos de experiencia e cartos, e poderemos volver á vila para curarnos (de balde, por sorte) e repetir o paseo. Alis, a protagonista, é moi feble neses compases iniciais, e teremos que pasar certo tempo adestrando desta maneira antes de poder mercar unha arma mellor e axilizar un pouco o proceso. E coma ese obstáculo hai moitos máis cada vez que tentamos afastarnos un pouco máis do fogar inicial, pero chega un momento no que todo colle un ritmo moito máis rápido e xa non me atopei tan pendente de apañar mesetas abondo para a seguinte mellora, senón que vía claro que aforrando un pouco máis podería saltarme dous niveis de melloras e aforrar uns pesos. Inda volveuse máis doado cando atopei a Myau, o segundo membro do grupo, e pouco despois a Odin, o terceiro.

Por moito que estea a xogar nun emulador, nunca emprego a funcionalidade de gardados adicionais máis que para poder pechar un xogo e volver outro día sen perder progreso. Neste caso case nin faría falla porque permiten gardar en calquera momento agás en combate, o que non encaixa moi ben con devolver o xogador á pantalla de título se todos os membros do equipo perden a vida, no canto dunha experiencia máis próxima ó Dragon Quest ou o Ultima IV onde o protagonista volve ó punto inicial perdendo certas vantaxes (a relación entre estes dous xogos nunca se me ocorrera até que lin este artigo de Arcade Idea). O de gardar en calquera intre xa me dera problemas filosóficos no Class of Heroes 2, e aquí decidín limitarme e só aproveitar esa funcionalidade nas cidades. Pero cando estaba perdido no alxube de Noah, logo de moito tempo, decidín que non pagaba a pena perder todo ese progreso e fun facendo pequenas copias de seguridade de cando en vez. Conseguín sobrevivir polos pelos e gardar fóra do alxube. Logo, tomei un paso cara adiante, apareceu un combate ó chou do que non puiden fuxir e xogo rematado. Carguei a partida gardada e anotei na lista de desafíos voluntarios que, polo de agora, nunca recuperei unha partida dentro dun alxube. Algo é algo.

Mais atopar eses tres compañeiros de Alis non me resultou directo. Inda que ía tomando notas de todo o que dicían os habitantes das vilas ás que tiña acceso, non conseguín derivar que para salvar a Odin había que liscar cara outro planeta, intercambiar un obxecto que non sabía para que servía por un animal falangueiro que tiña a menciña precisa para transformar a Odin de pedra en carne. Os seguintes pasos foron máis directos polas pistas obtidas, inda que non por iso máis lóxicos. Por poñer un exemplo, para falar cun determinado alto cargo hai que levarlle un agasallo, e os seus veciños pronto dirán que lle presta ben o doce. Por outra banda sabemos que hai un vendedor de tortas nun alxube moi perigoso que non é visitado nunca por ningún cliente. O propio pasteleiro é consciente do absurdo do lugar, pero coas 1000 moedas que levou de seguro que lle saíu a boa conta. Isto contrasta un pouco con ese comezo tan duro no que o irmán de Alis morre nunha insurrección fracasada. Tampouco é que o xogo zumegue orixinalidade por todos os seus poros, xa que a ambientación e moitos dos inimigos lembran demasiado a Star Wars, pero semella que, polo de agora, non deu atopado a súa propia voz.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.