<<

Trainyard

Para que me agraden os xogos de crebacabezas puros deben camiñar sobre o segmento que separa a trivialidade e a dificultade máis absoluta. Non quero pasarme dúas horas nun mesmo problema, coma no Catrap, nin tampouco desconectar o cerebro para facer os movementos, como en boa parte do Monument Valley. Este Trainyard ten a típica curva crecente de dificultade, algo semellante ó que xa vin noutros coma o Divide By Sheep, de maneira que as primeiras cidades poderemos superalas sen darlle moito a cachola, para irnos así acostumando ás mecánicas máis básicas. Unha vez que empezan a ser necesarias as bifurcacións ou combinar trens xa vai sendo hora de pararse un pouco máis, pero o progreso sempre foi continuado no meu caso e nunca estiven moi atascado, agás no penúltimo crebacabezas do modo principal.

Xuntanza

Mais para chegar ata aí hai que pasar antes por unha morea de escenarios máis sinxelos. Comezan cun obxectivo sinxelo de levar un tren a unha estación determinada, e pronto aparecen máis trens identificados con diferentes cores para que saibamos en que terminal teñen que rematar. Pero o xogo non tarda en deixar atrás a lóxica realista para internarnos no seu propio universo onde os trens pódense fusionar se coinciden na mesma casa. E non só iso, senón que a cor resultante será a que sairía se mesturásemos ambas. Aí tiven un pouco de medo polas miñas capacidades, xa que se penso moito podo adiviñar que o verde máis o amarelo dan azul, pero non me é algo inmediato nin extensible ó resto de cores. Por sorte, as cores derivadas que se empregan nos problemas son poucas e fáciles de lembrar, como o laranxa ou o violeta.

Mesturas

Obviamente non acaban aí as desviacións respecto da vida real. A máis imaxinativa consiste nunha edificación na que entra un tren e saen dous resultantes de separar as súas cores primarias, ou simplemente duplicalo se xa é dunha cor primaria. E esa é precisamente a estrela do penúltimo crebacabezas que tanto traballiño deu. Cunha morea de duplicadores había que idear un camiño que pasase por todos eles, e logo empregase o tren sobrante para comezar de novo outras tres veces, tendo que rematar obrigatoriamente en sincronía con outro. A idea tívena máis ou menos clara dende o comezo, pero a tecnoloxía para facer as repeticións nin tanto e o espazo necesario pareceume pouco unha vez medio entendín o mecanismo. Ó final quedoume unha solución bastante complicada pero que cumpría os requisitos, o cal é abondo neste xogo para dalo por superado. Nada de ter que minimizar a solución ou apurar a colocación das vías.

Penúltimo

No aspecto da interface tamén cumpre ben. Inda que ás veces foime algo complicado facer algunha curva en particular, o xogo permite rectificar en todo momento, incluíndo inmediatamente despois dun fracaso, polo que podemos iterar pasiño a pasiño, suave, suaveciño. Imos construíndo, pouquiño a pouquiño. Cando o tren chega coa miña destreza, obteño a vitoria con delicadeza. E logo de ver os créditos e os parabéns do autor, ábrense unha serie de desafíos opcionais que, agora mesmo, non teño intención de continuar. Penso que son unha boa oportunidade para cruzar esa liña que mencionaba ó comezo e non teño interese en baterme con eles. Se cadra para unha segunda volta.