Torchlight 2. Capítulo 2
Non tiña pensado continuar con este segundo Torchlight, pero atopeime con ganas de pausar o Majora’s Mask, non progresando no Samurai Shodown IV e sen moita idea de que outra cousa xogar. E, en tempos avoltos, sempre apetece algo cómodo sen pretensións. Polo que escollín de novo a Branca, a enxeñeira, para probar o comezo da segunda volta pola historia. Aos poucos, entre sesións no Majora’s e fracasos no Shodown, fun subindo niveis, superando mapas e avanzando na trama. Chegou un punto que xa estaba tan pretiño do final que decidín adicarlle un par de horas para derrotar de novo o inimigo final, pechar o capítulo e volver ao caderno virtual para contar estas experiencias.
No canto das habilidades, seguín empregando exactamente as mesmas que no tramo anterior: varias invocacións, un par de movementos rápidos e unha de control de masas. Ou, polo menos, esa era a teoría. Na práctica deixei de darlle uso ao chimpo totalmente e cada vez menos a ese área que apampaba aos inimigos. E, por moito que de cando en vez acumulaba puntos de habilidade, non aprendín ningunha nova ata despois de vencer de novo a ese dragón xigante que fai ás veces de Diablo final. Sen dúbida tería sido unha mellor idea telo feito antes, xa que o escudo ese que emprega as cargas (para as que non tiña ningunha utilidade anteriormente) chega actualmente a multiplicar por cinco os puntos de vida efectivos de Branca que, tendo en conta o moito que morreu en determinados intres, podería terme aforrado moitas resurreccións, inda que non sexa moi custosas. Tamén aumentaría o seu poder de ataque, xa que me vin obrigado a repartir puntos de estatística entre forza e vitalidade para compensar esa alta mortalidade.
O único obxectivo que tiña un pouco en mente con esta serie de partidas era atopar un deses obxectos lendarios vermellos que, segundo Steam, teñen un de cada dez xogadores. Non contaba con que fose directo, pero si con ter polo menos un despois de tanto inimigo morto e cofres abertos (e mortos, malditos mímicos). Non houbo sorte, e semella que as posibilidades son de unha por cada 2400 campións asasinados, así que quizais non estiven nin preto de ter un. Lémbrame do Diablo 2, onde sempre quixen ter unha pedra de Jordán pero, por moito que miraba os números e mataba os inimigos máis probables, nunca vin caer un deses míticos aneis. E claro, logo, no xogo en liña todos levaban un par equipados e catro ducias no alixo, así que inda máis ganas tiña eu de atopar un legalmente.
Pero, volvendo a este universo, aquí tamén tiven algo de lea coas equipacións e os requisitos. O meu plan de actuación consistía en comparar os números das novas adquisicións únicas, equipalas no caso positivo e vender inmediatamente a peza sobra. Mais algunha vez fiquei con algún oco libre ou nada óptimo por non me decatar de que tiña un requisito baseado no foco que eu xa non cumpría ao quitar outro obxecto. De feito, inda agora teño unhas botas que só outorgan unha bonificación a ese valor para poder equipar algunhas outras pezas, mentres outro par bastante mellor agarda no inventario xunto con outro anel que tamén require ter bastante foco ou un nivel superior ao de Branca actualmente; a idea deses requisitos está ben, pero eu non me preocupei moito de prestarlles atención. O resto das pezas foron rotando máis ou menos axeitadamente, agás no caso da arma principal, coa que estiven case toda esta segunda volta ata que, xusto como recompensa por vencer o xogo unha segunda vez, déronme unha substancialmente mellor. E tiven que probala, claro. Aí foi outra horiña adicional nun xogo que xa daba como rematado, e quizais non sexa a derradeira.