<<

Dragon Quest III. Capítulo 3

É doado facer de menos a esta terceira entrega dos Dragon Quest, pero non podo pasar por alto que foi publicado dous meses despois do primeiro Final Fantasy, polo que moitas das cousas que xa teño máis que vistas no xénero pode que se orixinasen neste xogo. Por exemplo, o xiro de que hai un segundo mundo semella que foi novidade mundial e, inda que eu non o souben ata despois de superada a aventura, colleu a moitos por sorpresa tanto que ese mundo escuro fora o mesmo que o dos dous primeiros Dragon Quest como que a heroína é a Erdrick das lendas desta triloxía (deixando de lado o gran papel que fixeron as outras tres personaxes, o cal está bastante feo).

Erdrick

Pero, para chegar a obter ese título, tiven que percorrer esa cara interior do mundo, atopando obxectos aquí e aló, tanto para poder mellorar o meu cuarteto protagonista como para poder construír unha ponte cara o castelo do malo malísimo dunha maneira un tanto forzada que mirei nunha guía sen darlle nin un tento de solucionalo pola miña conta. Pouco antes trocara a clase de Ximena, a miña clériga, para que tamén fose unha sabia coma Rosa; homoxenizou o grupo, especialmente na estética, e non sei se a mellora compensou a gran baixada de nivel, pero se era algo que quería facer, o mellor era facelo canto antes, así que non o pensei moito, máis que nada porque tampouco tiña as ferramentas axeitadas para facelo, xa que é totalmente opaco dentro do xogo.

Kazing

Non sei se sería por ese troco de clase, porque non atopei a mellor arma do xogo, porque non equipei as mellores armaduras (xa que me fiei dos números máis grandes sen atender aos efectos ocultos) ou, se cadra, porque as miñas tácticas non foron as axeitadas, pero fracasei na loita final contra Zoma dúas veces. E iso que sabía, das guías, que a esfera de luz debilitábao, porque do contrario sería case imposible. Ao final apliquei a máxima do xénero e repetín combates ao chou ata que os números creceron e Rosa aprendeu o feitizo de resurrección total, porque o anterior tiña unha posibilidade de fracaso moi alta que provocaba unha avalancha de efectos negativos. Non me foi complicado chegar aos xefes finais unha nova vez con todos os puntos de vida e maxia, grazas ao eses obxectos curativos sen límite que só se poden empregar durante o combate. E, desta vez si, acadei a vitoria definitiva sen precisar resurrección ningunha. Outro mundo a salvo grazas ao Xog… Xulia! Agora coñecida como Erdrick!

Esfera

Foron nove meses dende aquel comezo do que lembro tan pouco, pero estou contento de ter chegado a término. Foron, máis ben, varios esprintes no lugar dunha maratón, pero é que ás veces fartaba das particularidades do xogo e outras tantas quería avanzar na trama e ata gozaba desconectando o cerebro na súa multitude de loitas con pouca estratexia. Xa iba boa que nos lle adicaba tempo a algo deste xénero que, sen dúbida, depende moito do humor co que se tome. É, ao mesmo tempo, doado de lembrar positivamente a experiencia global coma de non atopar a razón pola que resulta tan gratificante, especialmente unha vez completado. Manterei iso na mente durante a miña seguinte incursión nos xogos de rol xaponeses clásicos, a ver se podo articulalo axeitadamente.