<<

Astronarch. Capítulo 2

Chega a noite. Como cada vez, ollo o Majora’s Mask. A máscara da portada fítame de volta. “Hoxe si”, penso; pode incluso que saia algún son da miña boca. Arranco o emulador. Cargo partida. Vexo o punto do Templo de Pedra onde fiquei. Exploro durante cinco minutos. Abondo para non avanzar nada máis que o contador de horas interno. Gardo partida. Pecho o emulador. Lanzo o Astronarch. Este outro xogo non pide moito de min. Ofrece algúns desafíos opcionais, sen presións nin présas. Podo xogar, avanzar en aumentar algúns números, acadar algúns logros. Non pasa nada se teño que parar, se boto unha ollada á televisión ou se continúo unha conversación comezada dúas horas antes. Xogar, ás veces, significa apagar o cerebro e non se preocupar de moito máis. Remata a vela, xa é hora de ir para cama. Mañá, abofé que si, tócalle ao Zelda.

Fracaso

Obviamente non. O día seguinte, e o seguinte, e o seguinte, viron subir o contador de horas e o de corrupción. Primeiro fixen o de gañar unha partida con todos os personaxes (21, todos varóns). Así fun aprendendo as diferentes forzas e sinerxías, abondo para decatarme de que ten que haber unha composición ideal e que parte do meu obxectivo con este xogo era non pensar nin experimentar moito. Fun directo ás guías de Steam onde recomendaban un mago de xeo para facer dano, un druída para curar, un juggernaut para aguantar os golpes, un paladín como híbrido tanque-sanador e un asasino como quinto do grupo porque sempre aporta e non esixe nada. Había algúns comentarios dicindo que o paladín sobraba ou que no Discord había moitas opcións mellores con explicacións das mecánicas. Eu decidín confiar na guía ao mesmo tempo que me laiaba pola discordificación das comunidades videoxoguiles.

Escudo

Facer unha saída falsa no xogo de Link, poñer en marcha esa composición no Astronarch, equipala cos obxectos axeitados e conseguir un par de vitorias en niveis crecentes de corrupción converteuse na miña nova rutina nocturna. Cando tocaba, probaba os desafíos opcionais das profecías, pero aí tamén mantívose o de, practicamente, unha vitoria de media por partida. De feito, no modo corrupción, só tiven un reinicio rápido no nivel máis elevado, por ser ambicioso contra o primeiro elite, e outro contra o xefe do terceiro acto por non querer empregar apócemas ata que foi demasiado tarde, subestimando o incremento de dificultade dese último chanzo. Na terceira volta, acadei o último logro coa estratexia habitual e, agora si, penso que teño forzas para aprender todos os segredos da máscara de Majora. Inda que, cando atopo un oco pequeno, estea a xogar ao Mega Man 3. Polo menos ese require máis concentración.