<<

GoldenEye 007. Memorias dun neno xogón

Nunca tiven unha Nintendo 64 de meu, pero tiña dúas bastante preto nas que botei unha morea de horas. Debaixo da miña casa estaba a do meu curmán, que aproveitou un dos seus primeiros soldos para mercar esa consola. E, no mesmo barrio, estaba a do meu mellor amigo, onde moitos fines de semana remataron cunha cantidade de horas diante da pantalla tal que, neste século, sería considerado algo digno de revisión polos servicios sociais. Ambos propietarios tiñan un conxunto de xogos comúns bastante grande, entre os que destaco o Mario 64 e o GoldenEye 007, supoño que coma en boa parte do resto de fogares con dita maquiniña.

Seguramente foi a miña primeira toma de contacto co xénero de disparos en primeira persoa. É un estilo de xogos co que nunca simpaticei moito, como se pode deprender da miña listaxe de xogos do diario, xa que a única entrada relacionada nestes case seis anos é a do Metroid Prime, que tampouco encaixa cos cánones do xénero. Os motivos que sempre me afastaron baséanse principalmente na primeira persoa, xa que necesariamente quita do campo de visión inimigos que poden aparecer ou disparar por sorpresa, algo que os mexericas coma min non levamos nada ben. Tampouco axuda que moitos dos máis recomendados, coma a saga do Half-Life, inclúan sustos a esgalla; eu creo que aí nunca pasei do laboratorio inicial ou, como moito, ata algún conducto de ventilación das aforas. Polo menos no GoldenEye non aparecían alieníxenas nese icónico nivel que comeza nos baños.

Pasarían varios anos ata que me paseei por facility eu só, pasándome nos días seguintes o xogo na dificultade máis doada. Na casa do meu amigo ás veces tomabamos quendas nalgúns dos nosos niveis preferidos, con mención especial ao primeiro con tanque, pero case sempre disparabamos o un ao outro no modo multixogador. Ou, se tiñamos moita sorte, apuntábase alguén máis dese fogar e podíamos ser ata catro ao mesmo tempo, todos mirando para unha mesma pantalla e fantaseando como sería ese mundo fantástico no que non se podía saber onde estaban as outras personaxes simplemente mirando ao seu recuncho na televisión. Gustaríanos máis un modo cooperativo, como si que tiña o Duke Nukem 64 ou, en menor medida, o Lylat Wars, pero eran uns tempos nos que había que conformarse co que tiñamos, que non era pouco.

Obviamente, xa me sabía a historia de memoria cando finalmente vin a película. “From the cradle, to the grave”.