<<

New Super Mario Bros.

A miña curmá tivo moi cedo unha Game Boy Color (ou o que eu pensaba que era moi cedo, habería que analizar cando estreei eu a Game Gear, ou se só pensaba iso porque ela era unha nena), algo que non aproveitei tanto coma as consolas do seu pai, pero que foi abondo para que completase o Super Mario Bros. Deluxe con todos os desafíos opcionais. De seguro que foi a vez que máis afondei no espírito dese primeiro Super Mario Bros. que, quizais porque eu viña do Super Mario World, sempre me pareceu que era como xogar permanentemente nun mundo de xeo. Despois desta iteración máis moderna da DS que xoguei estes días, a miña opinión non cambiou moito. De seguro que boa parte do seu éxito débese a toda a conxunción dos controis, pero inda non me entrou nada ben e prefiro algo máis cuadriculado, coma os niveis do I Wanna Maker.

Corda

De comezo tiña moita curiosidade por ver como evolucionou a saga, na súa visión bidimensional, dende o Yoshi’s Island. Parece mentira, pero pasaron 5 anos dende o orixinal ata o World, outros 5 ata o Yoshi’s Island e 11 máis ata este New Super Mario Bros. Moito tempo, intercalado por dúas viaxes tridimensionais e moreas de xogos variados nos que fontaneiro corría en karts, loitaba, xogaba ao fútbol, ao tenis, etc. Mais nada diso de simplemente correr cara a dereita ata chegar ao fin dun nivel novo en máis dunha década.

Peach

Cando xoguei ao Super Mario Bros. 3 quedei abraiado pola cantidade de traxes e habilidades especiais, xa que no World tiñamos que apañar coa seta, flor, estrela e capa; sendo esta última a gran novidade e a que fai que moitos niveis sexan triviais de superar. Esta nova versión xa amosa na cuberta que Mario pode crecer máis ca nunca ata se converter nun xigante! É algo moi espectacular, inda que limitado no tempo, que xa se nos amosa no primeiro nivel. Resulta verdadeiramente gratificante ser ese destrutor de mundos que non se frea ante nada, agás cando choca contra un muro do terreo, claro. Ou cando cae por un burato. Ou cando non ten espazo para progresar moito. Pero, con todo, esa primeira toma de contacto co potenciador é ilusionante. É unha mágoa entón que non teñamos moitas ocasións de repetir esa experiencia e que os outros dous novos metamorfoseadores resulten en mortes rápidas nas miñas mans (o de facerse anano porque trocan un pouco as físicas e Mario morre dun único impacto, e o da cuncha azul porque sempre remato activándoa sen querer e caendo no foxo máis próximo).

Xigante

Supoño que a maior diferenza entre este e o Super Mario Bros. Deluxe atópase fóra do cartucho. Xa non son aquel rapaz con tempo cada día despois de comer para atopar todos os segredos, polo que intento extraer o maior contido no menor tempo. Aquí atopei no segundo mundo un canón que me mandou cara o quinto. Nese punto intentei por todos os medios chegar ata o outro canón que saía no mapa, mais foi sen éxito. Mención especial a unha tubaxe bloqueada que só sabería chegar coa cuncha azul, pero sendo ese obxecto tan complicado de conseguir, e eu tan zoupón con ela, quedei coas ganas de ver que había no outro lado [agora sei que non era o canón]. Seguramente pasei máis tempo buscando ese segredo que o que tardei en avanzar pola vía clásico, o que supoño que, con todo o que contei, é unha das maiores gabanzas que podo facer aos que colleron o relevo de Miyamoto.

Bowser Jr.

Tamén dicir que agardaba un xogo moi fácil e tivo os seus momentos de dificultade. Trabeime en certos puntos e tiven que tirar do sistema de continuacións, algo que a estas alturas diría que sobraba tanto como o contador de puntuación global. Algunha vez gastei os puntos estrela especiais simplemente para que aparecese o diálogo de gardar partida e así non perder progreso se caía outra vez pola mesma fervenza. As pelexas contra Bowser, Bowser Jr. e os seus amigos eran doadas en comparación, pero tiñan moita tensión porque o punto de gardado non se atopaba nas súas portas, senón na metade do nivel de plataformas, algo que non quería repetir. Gustoume a loita definitiva, contra pai e fillo ao mesmo tempo, no que tiven que recorrer a dar conta do pequeno nun recuncho e logo agardar a que o grande saltase para pasarlle por debaixo. Deixoume bo sabor, inda que non abondo para volver outra vez e xogar todos eses niveis que deixei atrás, que deben ser máis da metade, ou apañar as moedas xigantes. Se cadra na segunda parte, como as irmáns Cruz.