<<

Illusion of Time. Capítulo 2

Esta segunda parte empezou na illa de Mu, un lugar que activou as miñas neuronas: estiven aquí antes? Non sei se o confundo con algún escenario semellante do Soul Blazer ou chegara máis lonxe nos meus tempos mozos do que lembraba Esa sensación estendeuse tamén ao seguinte escenario: a cova dunha especie de anxos onde hai que xogar a atopar as diferencias. Sen dúbida estiven aí antes, sentado no sofá-cama da casa da miña avoa, onde sempre estaban as consolas, agás algunha mañá de verán que nos tomabamos a liberdade de xogar ao Super Street Fighter II na televisión grande do comedor. Xa non son capaz de saber se daquela visitei as illas flotantes (non me soaba raro de todo) ou as murallas chinesas (podería ser). Do resto case seguro que non sabía nada, agora xa confundo o pasado inmediato co pasado lonxano, pero diría que esta semana pasei por primeira vez polo escenario de setas no que rematei perdido. Tamén supoño que permanecería na miña mente as escenas cos nenos africanos negros esfameados e ese sacrificio de Hamlet, que foi un personaxe que non apareceu case nada ata ese momento pero que igualmente dá peniña.

Queimado

Precisamente, tendo en conta que o grupo de amigos que percorren o mundo é máis o menos estable, bótanse en falla máis iteracións entre eles, para que todos os drásticos trocos poidan ter algo máis de impacto. Tal e como foi, nin me pareceu ben nin mal que Lilly e Lance decidiran abandonar as aventuras para vivir xuntos como parella. Do mesmo xeito, non consideraba a Neil amigo abondo como para me interesar polas súas decisións. O da importancia de Kara xa mo cheiraba un pouco e, como atopei resonancias coa Naomi do Terranigma, non me importou que todo se desvelase tan de súpeto (de súpeto, pero non rapidamente, porque o xogo ten a teima de poñer os textos para que aparezan moi a modiño, ata o nivel de que hai que facer un esforzo xigante no final do xogo para manter a atención co lento que vai o texto (curiosamente isto contrasta coas moitas partes nas que saltei liñas sen querer por premer algún botón ao mesmo tempo que saían)). Supoño que tamén hai unha disonancia entre as semanas que pasan Will e compañía viaxando xuntos polo mundo e o rápido que sucede para min. E ao contrario: podo pasar a meirande parte do tempo atascado nun alxube, esquecendo a historia, mentres o resto simplemente preparan a cea. Con todo, tampouco é que que o esforzo pagase a pena, tiña moita curiosidade por ver que tipo de historia contarían neste Illusion of Time pero centrouse máis en evolucionar a súa propia mitoloxía que en intentar centrarse en algo do mundo real. Fico, máis que nada, coas relacións que tiñan os rapaces cos seus proxenitores.

Futuro

Diría que tampouco destaca no plano máis mecánico. Ter que repetir as loitas dos xefes non se fixo tan terrible como podería imaxinar, e a pelexa finalísima nin sequera entendín que tiña que facer. Supereina no segundo tento, con bastante medo a un novo fracaso porque tería que agardar de novo a que pasasen todas as cinemáticas e textos a ritmo de tartaruga. Iso si, unha (coido que certa) nova ilusión temporal viume á cabeza mentres tentaba prestarlle atención ás cinemáticas finais. Nela, o mesmo xogón adolescente loitaba contra Gaia Escura lanzando paxaros de lume, grazas a unha partida gardada no seu cartucho de segunda man. Quizais non sería mala idea de novo, en xogos deste tipo, saltarme todo o previo para saciar as ganas de saber como remata. É algo que non teño problema en facer con moitas películas pero que nin se me pasa pola cabeza no caso de libros e videoxogos.

Fin