<<

Soul Blazer

Unha cousa que me sorprende das boas secuelas, dos videoxogos neste caso, é o ben que moitas delas conservan parte da esencia cando trocan algún compoñente significativo. O exemplo clásico é o brinco de dúas dimensións a tres, e como sagas coma Zelda, Metroid e Mario apañaron para actualizarse conservando os convenios, estética e estilo. Certo é que as tres son propiedades importantes de Nintendo, pero hai outros exemplos interesantes, neste mesmo diario, coma o comezo dos Seiken Densetsu. No caso que traio hoxe a esencia é máis difusa, xa que este Soul Blazer fai as veces de secuela espiritual do ActRaiser pero troca os elementos de construción de vilas e as escenas de acción e plataformas por unha mestura de aventuras e rol non moi afastadas dos Zeldas ou Seiken Desetsus. O que conserva ben é a temática de intervención divina, o crecemento de civilización sobre os demos e outros detalles que nos farán lembrar as súas orixes.

A verdade é que non tiña pensado xogalo do tirón, xa que o escollín sen pensalo moito coa idea de avanzar un pouco e deixalo pausado algunhas semanas mentres alternaba con outro máis esixente. Mais o formulaico do bucle lúdico, que permite avanzar e desbloquear algo novo nuns poucos minutos de xogo, rematou conquistándome e fixo que fora promovido a xogo principal. Dito bucle consiste en chegar a un novo lugar desocupado, achar o comezo do alxube, eliminar grupos de monstros e falar coas novas almas liberadas para obter novos obxectos ou desbloquear máis lares onde facer o mesmo. Cada mundo culmina cun xefe que aumenta bastante a dificultade respecto ao resto de zonas, inda que cada morte será algo temporal que simplemente baleirará nosa colección de xemas para a maxia e nos traspoñerá a un lugar seguro a carón do Deus/Mestre.

Ese Mestre supoño que será o mesmo ca o do ActRaiser, pero aquí limítase a dar consellos, lanzar uns raios nun momento puntual e quitarlle as memorias ao protagonista no epílogo para que poida vivir coma un humano no lugar de coma un ser divino inmortal con capacidade para destruír monstros a esgalla. Non sei eu se saíu gañando. Mais para chegares até aí pasou por contornas moi diferentes, en boa parte perseguindo a un doutor Leo que, sen querelo, foi parte importante da extinción que puxo punto de inicio á aventura, grazas aos seus inventos que foron empregados para o mal. A narrativa xunta desta maneira unha visión antitecnolóxica con outra panteísta e uns toques a prol da civilización. Agás esa parte de ver como algo bo un crecemento continuo, diría que resultou moito máis interesante do que eu agardaba nun principio.

A parte de acción amosa costuras por todos os lados. Os escenarios están deseñados con cadradiños e os inimigos, polo xeral, seguen eses movementos ortogonais e mecanizados. Moitas veces a mellor maneira de dar conta deles é situarse no lugar exacto e agardar a que os inimigos se acheguen á espada, en liña e ben ordenadiños. Un xerador de monstros poucas veces será un perigo para o protagonista, pero moitas veces eu xa loitaba sen coidado ningún, sabendo das varias opcións para recuperar os puntos de vida e que perdelos todos ten como compensación unha viaxe gratuíta ao comezo do mundo, onde poderemos falar con todos os habitantes resucitados e avanzar un pouco máis por esa banda. Tampouco son os crebacabezas máis complicados da historia, inda que ás veces resulta un pouco frustrante porque sabemos como solucionar unha lea pero non os pasos exactos para facela; uns fracasos do deseño que, salvando o xénero, poderían ser exemplos da xenial Aproximación ao crebacabezas de Miguel R. Fervenza. A outra cousa tamén desesperante é o lento que aparecen os diálogos na pantalla, especialmente cando son repetidos.

Coido que o Terranigma foi o videoxogo que máis me emocionou na vida. Sendo da mesma saga, atopei neste Soul Blazer moitas cousas que serán conservadas e melloradas na aventura de Ark: crecemento das vilas, extinción da humanidade, a cara maligna da tecnoloxía, falar con plantas e animas… diría que todo o que propuxo este Soul Blazer foi mellorado no Terranigma. Entre medias tamén existiu o Illusion of Time, do que non gustaba moito no seu tempo pero se cadra podería darlle un novo tento tendo en conta que gocei da súa precuela e da súa secuela espirituais. Do Grandstream Saga non teño nin idea, xa que non sabía que existía até que investiguei a obra de Quintet.