Poker and Sorcery
Se fixeran hoxe os Puzzle Quest de seguro que trocarían a estrutura de xogo de rol longo por unha de roguelike ao estilo do Slay the Spire. Ese termo derivado do Rogue nunca me prestou, en parte por unha mestura de purismo, longa duración de cada partida e por esa teima de incorporar melloras persistentes que resultan imprescindibles para acadar a vitoria (non se salva nin o Hades). Mais entre Monster Train, Luck be a Landlord e este Poker and Sorcery, semella que os spirelike inda teñen un oco destacado nos meus intereses actuais.
Aquí non hai máis metaxogo que desbloquear o modo difícil logo de vencer no normal. Levoume dous intentos conseguir iso, principalmente porque non lle adiquei o esforzo mental preciso na primeira pasada. A idea é que, en cada quenda, temos que facer unha man de póker con dúas cartas da man e tres da zona central do taboleiro. Isto implica que podemos calcular a xogada co maior impacto positivo cun pouco de atención, ao mesmo tempo que minimizamos as opcións para o rival coa información que temos; é algo bastante abarcable pero que precisa unha pequena análise sen as distraccións que tiven na miña primeira volta. Na segunda xa fun máis centrado e acadei unha vitoria doada.
Foi hora entón de probar o modo complicado coa mesma personaxe arqueira, a única que é de balde e que ten unha habilidade para tornar unha carta en comodín. Orientei a partida cara ao efecto de ataque que semella máis poderoso: o atordamento que causa a perda da quenda rival. Dese xeito, coa axuda da maxia dos comodíns, puiden enlazar varios ataques consecutivos nas pelexas importantes e así obter unha nova partida gañadora no nivel máis elevado.
O xogo oferta outras tres personaxes baixo pago, pero entendo que non variará a esencia do sistema e será máis do mesmo. Unha vez entendido que todas as xogadas nacen das nove cartas centrais, as opcións vense bastante limitadas, como un simple problema de optimización directo no que non paga moito a pena pensar máis aló dos naipes visibles en cada intre. Porén, queda aquí a miña experiencia con este deseño mentres xa penso no seguinte spirelike da miña vida.