Die Hard Arcade. Memorias dun neno xogón
Non atopo unha confirmación, pero diría que gastei unhas 12000 pesetas en mercar un Die Hard Arcade para a Sega Saturn nun Centro Mail. Iso, ao cambio e axustando pola inflación, é moito carto. Porén, penso que foi ben amortizado dende o primeiro día, no que ata sumei minutos no Deep Scan que leva integrado como forma de conseguir continuacións adicionais. O meu modus operandi consistía sempre en asegurarme unha cantidade absurda de créditos antes de cada partida, a miúdo preparando unha boa chea deles antes da visita dalgún amigo para que nada frease a nosa diversión. Hoxe en día diría que esa idea, que non vin en ningures dende entón, non respecta o tempo do xogador, pero seguramente tamén tentaría solucionar o secuestro coas opcións por defecto. E a hostias, claro, que diso vai o xogo.
Ao final é un Streets of Rage tridimensional e, na miña memoria, bastante refinado; non foi unha gran sorpresa cando atopei hoxe que o creador, Makoto Uchida, era o mesmo có do Altered Beast e Golden Axe. Os golpes séntense poderosos, algunhas armas son satisfactoriamente esaxeradas e premia bastante a mestría dos niveis para facer un xogo bonito, por exemplo, arrestando aos malos elegantemente sen recibir dano de volta. Tamén foi a miña iniciación aos “eventos rápidos” eses de premer o botón axeitado que aparece na pantalla durante uns poucos intres, inda que lembro fracasar a propósito algunhas veces para estender máis o tempo de xogo. Semella que unha partida completa anda polos vinte minutos, así que é algo que se agradece. O xefe final coido que era a miña parte menos favorita, porque tiña unha morea de vida e perdía moitas desas continuacións gañadas no xogo dos submarinos.
Como non podería ser doutro xeito, foi este xogo o que me achegou ás películas de Die Hard e non ao revés, igual que o GoldenEye 007. Iso tendo en conta que a relación entre xogo e película case non pasa dunha pequena inspiración (o Die Hard Trilogy é máis fiel neste aspecto pero a min nunca me convenceu), máis aló de percorrer un edificio cheo de terroristas, ir perdendo anacos de roupa e loitar contra robots-araña xigantes. Curiosamente, nin as películas, nin moito menos este xogo, son cousas que andan normalmente pola miña cabeza, pero un agasallo en forma de desodorizante en spray activou esas neuronas e trouxo pensamentos intrusos polos que me alegro de non ter un chisqueiro preto.