<<

Rocket Rats

Para dicir que ía evitar os xogos derivados do Vampire Survivors, a verdade é que inda xogo unha boa cantidade deles. Este Rocket Rats é moito máis agradecido cá maioría, xa que non é nada complicado, non agocha segredos nin necesita guía para nada. Semella ser máis da rama do Brotato neses aspectos, por moito que estrague algo da pureza cun sistema de desbloqueo de habilidades que outorgan poder directo sen contraprestacións.

Inimigos

Non sei se tiven sorte ou é unha experiencia habitual, pero logo de fracasar dúas veces antes do nivel vinte, e mercar unhas melloras mínimas co queixo obtido, conseguín xa vencer as trinta ondas de inimigos que son precisas para gañar. Así xa puiden evolucionar ao máximo a rata orixinal e as sucesivas vitorias serviron para que coñecese mellor as diferentes armas e as diferentes opcións que podemos escoller durante cada partida. Tamén para apañar máis queixo para desbloquear as melloras do resto de ratas e gañar con cada unha delas.

Balas

A esas alturas decidín ir por todos os logros, que se resumen en mercar todas as metamelloras e elixir todas as opcións de equipo durante as partidas. Dese xeito coñecín mellor que nunca as posibilidades de combinacións para superar o xogo, que puxen a proba gañando unha partida sen as melloras específicas das ratas (inda que si permite outro nivel de persistentes; non creo que sexa moi factible unha vitoria sen elas).

Lóstregos

Non é mal síntoma que, despois de ter o 100% oficial do xogo superado, atopase dous novos desafíos voluntarios para acadar. O primeiro trataba de completar as 69 ondas finais, para as que nunca estiven preparado. Logo dalgúns fracasos, pensei unha combinación baseada en moitos disparos masivos que empurraran forte cara atrás aos inimigos. Non saíu de primeiras pero non tardei moito en obter esa vitoria máxima coa rata soldado. O segundo desafío persoal pasaba por ver se sería capaz de gañar as trinta ondas de inimigos sen mover a personaxe e escollendo sempre a primeira arma ofertada; é dicir, converter o xogo nun pasivo sen eleccións. Non foi divertido, pero insistín máis de media ducia de veces, chegando ata a onda 27 varias veces, pero semellaba complicado facer o empurrón final a non ser que a sorte estivese da miña parte. Obviamente sería cuestión de tempo que esa automatización dera unhas combinacións axeitadas, pero xa foi abondo o tempo que pasei mirando para unha rata disparando a estrelas, lúas e planetas sen facer nada activo. Quedei satisfeito coa experiencia global e non penso perseguir máis ese fito absurdo.

Vitoria 99