<<

Sonic Mania

Este Sonic Mania é a quintaesencia dos Sonics bidimensionais. Logo de destilar cinco veces a amalgama de edicións anteriores, conformaron esta manía con mellores gráficos, máis zonas, niveis máis longos, máis xefes que nunca, fases de bonificación de dous tipos diferentes, varios mecanismos únicos para cada área, e unha enchenta doutros detalles combinando clasicismo con ideas novas. Supoño que será un ideal para os seareiros da saga, entre os que non me inclúo. Para min foi demasiado, sentín que eran coma unhas homenaxes feitas por fans, nas que cada deseñadora intentaba destacar por riba do resto no anaco do xogo que lles foi asignado. Todo o contido é de calidade, sen dúbida, pero semella máis virtuoso que máxico.

Título

Como en todas as aparicións do ourizo, as primeiras zonas son as máis divertidas. Non teño problema coa reciclaxe continúa do Outeiro Verde, mentres o manteñan doado, con posibilidades de ir rapidísimo, de apañar dous centos de aneis e de atopar a fase de bonificación correspondente. E así foi aquí, facendo todo iso, gozando do xogo e conseguindo a única esmeralda de toda a miña partida nun minixogo que recorda ao Sonic R, inda que se me dá bastante peor. Por tanto, non acadei o final bo, nin ganas tiven de procuralo; do mesmo xeito tamén evitei entrar nas outras fases de bonificación, feitas ao estilo tridimensional das do Sonic 3, porque non son especialmente divertidas e só parecían outorgar unhas medallas para desbloquear funcionalidades misteriosas que seguramente non necesitaba. Por tanto, fixen só o básico para superar o xogo e non me molestei en ir máis aló, como si fixera no Sonic Generations.

Probar outra vez

Coido que ese outro xogo xeracional é peor que este, especialmente o final. Pero coa variedade dos dous estilos de ourizos azuis, e unha historia que tentaba contar algo, foi bastante máis apetecible. Lembro bastantes erros, partes aburridas e unha das peores loitas finais da historia dos videoxogos, pero polo menos resultaba algo diferente. É probable que teña que ver co meu estado mental en ambos casos, pero ata a gran variedade de xefes finais do Mania fixéronseme meros trámites contra os que bater, sufrir danos e recuperar os aneis caídos. En moitos deles nin sequera acadei unha comprensión do que se supoña que tiña que facer, nin cal era a zona que causaba danos; algunhas eran tan longas que ata dubido se estaba a facer o correcto e progresando ou se só se aburriron de loitar e decidiron estoupar para dar por concluído o nivel, e iso funcionou ata no desengano do último xefe do final malo. Diría que o público obxectivo do xogo é aquel que xa coñece ben o xogo.

Feixóns

Con todo, agradecín o ben deseñados que estaban a maior parte dos niveis. Con varios camiños diferentes que, normalmente, podíanse percorrer a gran velocidade sentindo o vento nas caras dos protagonistas. O plan habitual de tentar ir polo camiño máis alto funcionaba ben, pero neste caso chegar ao punto máis baixo non era tanto un sinónimo de morte como de ter que ir máis a modo. Rara vez estiven bloqueado sen saber por onde seguir (inda que diría que máis a miúdo que nos clásicos) e, agás a bóla de gravidade do último capítulo, entendín rápido como funcionaban todos os novos mecanismos que atopaba nun nivel si e noutro tamén. Pode que sexa o mellor xogo de Sonic que xoguei na miña vida, pero de seguro que non o que máis gocei.

Xogo rematado