Novus Orbis
Novus Orbis é un construtor de barallas moi ao estilo do Slay the Spire pero con dúas novidades principais: un sistema de combos nas que as cartas teñen bonificacións se son xogadas nun posto específico, e o sistema das quendas dos inimigos que se activan despois de que xoguemos certo número de cartas. Só xoguei unha partida, pouco máis dunha hora, pero xa teño opinións sobre case todo o deseño e, por desgracia, non son moi positivas.
O sistema de activación dos inimigos soa ben e ten moitas implicacións tácticas, pero non me convence de todo. Se estamos no medio da nosa quenda, xogamos as cartas precisas e se activan, pois está ben. Se temos ben medida a nosa quenda e a rematamos xusto antes de que ataquen os inimigos (rematar o turno conta como xogar dúas cartas), pois seguramente sexa unha opción óptima grazas á nosa perfecta planificación. Pero se rematamos a quenda e non activamos aos inimigos, o máis probable é que poidamos xogar unha ou dúas cartas máis antes de ser castigados por medir mal. Isto pode ser algo frustrante, pero non deixa de ser medio culpa nosa. A cuestión é que o efecto de “rematar a quenda” é moi artificial neste caso, porque perdemos toda a armadura acumulada, e as bonificacións adquiridas ata final da quenda, pero seguimos xogando con cinco novas cartas como se non pasara nada. Sen dúbida dá máis posibilidades tácticas, pero no abstracto soa moi raro iso de rematar a quenda pero seguir xogando, e logo veñen os ataques inimigos pero inda estamos na nosa quenda. Non me parece nada elegante.
O sistema de combos esixe atención á orde na que se xogan as cartas, e tamén a ter na cabeza como troca cada unha cando é activada no seu momento preciso. Para min é demasiada carga mental, así que na miña única partida fixen o xustiño para potenciar certas cartas pero tampouco me preocupei moito de aliñalas ben. A miña sensación foi de que é unha novidade por ser novidade, e que non paga a pena o esforzo de deseñar todas as cartas con iso en mente. Quizais sexa falta de experiencia, pero penso que é máis unha cuestión do desenvolvedor agregando máis e máis cousas que un refinamento preciso. Porque na miña partida tamén atopei reliquias moi poderosas, como a que me daba 100 de bloqueo na primeira quenda, un lume onde queimar cartas sobrantes restándome vida e deixándome unha baralla case mínima, eventos que non explican o que fan (algo tamén presente no Spire nalgúns casos) de maneira que acabei cunha maldición por darlle un ataque a un gato (visto así ten senso, pero eu que sabía), dúas cartas que precisaban auga para mellorarse, pero que cando atopei unha fonte e metín unha delas non pasou nada, un ataque moi poderoso que tamén me subía a vida máxima case gratis… e un cofre con moreas de puntos de vida contra o que decidín loitar no terceiro acto e perdín por mor desas cartas mortas. Deume a impresión de que se o enfocara un pouco coma o Indies’ Lies, facendo unha baralla con poucas cartas o máis eficiente posible, tería unha vitoria clara. Pero non puiden evitar coller cartas misteriosas que foron maldicións por descoñecer o funcionamento dos seus eventos.
Con todo, volvería xogar encantado. Non será o spirelike definitivo, pero atopar combinacións de cartas máis poderosas do que deberían ser sempre é algo entretido. O problema é que, na Steam Deck, non funciona de todo ben o control mediante o mando. Ademais dalgúns raros puntuais ou movementos pouco ergonómicos, cos que podo convivir, os textos explicativos das habilidades desaparecen tras medio segundo, co cal é moita lea tentar comprender o que pasa. O xogo inda está a recibir actualizacións acotío, así que agardarei uns meses a ver se corrixen iso para dar unha nova volta.


