<<

Indies' Lies

Pódese aprender moito do Slay the Spire, e sempre fun da opinión de que pequenos trocos nesa fórmula son capaces de dar lugar a experiencias completamente diferentes e igualmente válidas. Pero todo iso condicionado a que os cambios teñan o seu sentido e sexan feitos con cabeciña. Cando comecei o Indies’ Lies non o considerei en absoluto un clon do Slay the Spire, porque as diferenzas son aparentemente grandes e penso que a fórmula é suficientemente xenérica como para no considerar calquera xogo do xénero como unha copia do representante máis destacado. Mais, a medida que xogaba, notaba que a meirande partes das novidades non tiñan forza abondo para destacar significativamente mentres que os calcos do Slay the Spire facíanse máis e máis evidentes. Porque claro, a fusión do roguelike con construción de barallas é un esqueleto válido, pero cando loitas contra inimigos que teñen exactamente as mesmas mecánicas (e menos carisma) cós da Spire xa resulta máis complicado o de argumentar a favor.

Apuleus

O troco máis significativo, moi de lonxe, foi a posibilidade de facer que as cartas novas da baralla podan reemplazar a outras existentes, no lugar de engadirse incondicionalmente. Deste xeito, podemos pasar cada partida cun mazo básico composto unicamente polas dez cartas máis axeitadas que atopemos. Como bo seareiro da facción de robots do Star Realms (inda que moitas veces son moi ambicioso e sáeme mal), aproveitei ao máximo esa funcionalidade para formar barallas que funcionasen eficientemente. Das oito partidas que debín xogar, en dificultades crecentes, rematei con cartas moi semellantes nas sete que atopei a vitoria, só perdendo na que se me deu por improvisar. O plan de poñer moreas de cartas de balde, combinadas con outras de roubar máis cartas, e mesturado todo coa habilidade dos magos que premia xogar moitas cartas… pois é tan obvio como eficaz. Nin sequera tiven problemas coa imitación do Time Eater.

Alto sacerdote

Existen moitas outras mecánicas que tamén afastan o deseño do Spire, pero ningunha tan condicionante como a do parágrafo anterior. Hai axudantes coas súas propias cartas, un sistema de runas para modificar as cartas e facer cousas máis tolas coa nosa baralla reducida, talentos máis previsibles no lugar de reliquias ou un sistema de ascensión baseado na elección por parte do xogador dos modificadores que incrementan a dificultade (coma no Hades). Curiosamente neste último punto inclúen unha contraprestación no de reemplazar as cartas do mazo, no que supoño que será un dos modificadores menos rentables de aplicar. Algunhas ideas funcionan ben e outras son máis esquecibles, polo que dá un pouco de mágoa que se poida xogar en modo automático.

Odio

No comezo pensei en mercar algunha das expansións, máis por quitar a publicidade que por contido adicional, pero fun apañando con AdAway, por moito que isto provocase que houbera algúns obxectos ou rebaixas aos que non podía optar. Logo dun par de partidas xa me decatei que os problemas non eran de falta de contido, polo que me centrei en ascender a dificultade ata desbloquear un botón que, curiosamente, outorga unha vantaxe significativa, facendo que, polo menos o seguinte incremento, sexa inda máis doado có anterior. Non teño interese en buscar o límite xogando sempre ao mesmo nin de saír a experimentar con desafíos autoimpostos, así que dinlle as grazas ao xogo polas súas ensinanzas e desinstaleino para ¿sempre?.