Wanted Shadows
Rara é a vez que me arrepinto de mercar xogos baratos a granel; seguramente terei que comezar a andar con máis ollo coas publicacións destes últimos anos para non me tragar bazofia sen alma feita con intelixencia artificial. Semella que, ultimamente, son capaz de atopar entretemento en case calquera proposta videoxoguil, sendo o Undercroft Warriors un exemplo claro, despois de todo moitas veces xogo para superar desafíos, e loitar contra malas mecánicas ou abusar de buratos de deseño non deixa de ser un xeito de obter vitorias nesas propostas. Paralelamente, tamén estiven a gozar da miña lectura anual dun libro da saga Crepúsculo. Só levo dous, son ambos moi malos en case todos os aspectos, pero pode que fora das lecturas que máis me engancharon ultimamente. Tamén é certo que teñen (tiñan?) o seu peso cultural, cousa que non pasa en xogos como este Wanted Shadows.
A primeira vez que o arranquei, xoguei durante tres minutos, vin que iso non era para min e o desinstalei sen contemplacións. Varios meses más tarde, volvería a el, quizais porque me daban mágoa eses dous logros solitarios que apareceron simplemente por lanzar o xogo, e non deixaría a consola durante os seguintes noventa minutos. O xogo non cambiaría, pero abofé que o meu estado mental si. Ten graza que intente escapar de meter máis horas no Brotato para rematar en algo similar, pero peor. É o poder da novidade dixital, sobre a que teño sentimentos opostos cando se trata de acumular cousas físicas, porqué aí son moitísimo máis moderado do que se pode entrever na listaxe de xogos deste inmenso diario.
O caso é que atopei outro xogo derivado do Vampire Survivors pero máis sinxelo e peor feito. O primeiro que chama a atención é que hai que premer un botón para disparar, o cal ten certa lóxica porque hai integrada unha barra de cansazo e igual queremos parar de cando en vez. Falso. Non atopei ningún caso no que non sexa máis eficiente, e cómodo, manter o botón apertado constantemente. Logo de matar algúns bechos, subiremos de nivel, onde poderemos obter, por exemplo, melloras para os nosos ataques elementais ou cando facemos un crítico. Que non temos ataques elementais ou posibilidades de crítico? Pois nada, esas opcións non serven para nada. E hai moitas condicionais dese xeito que non compensan escoller sen os prerrequisitos, porque non sería a combinación definitiva inda que apañemos despois o que a provoca. A excepción é o que fai que os críticos poidan rexenerar os puntos de vida, peza fundamental para obter vitorias nos niveis máis elevados. Inda que é unha mellora de rareza alta, pode aparecer tan cedo como na primeira subida de nivel, e tampouco semellar ser tan infrecuente como pode parecer.
Pois así, empregando a personaxe que empeza con posibilidades de crítico, a mellora que engade un disparo máis e algunha arma dun único disparo inicial (a que estoupa é máis destrutiva, pero non deixa ver nada no campo de batalla) conseguín as vitorias precisas para dar o xogo por rematado, sempre que saíse a mellora de curación por crítico que dixen antes, porque é fácil perder a concentración entre tanto inimigo e só se nos permiten uns poucos erros antes de dar a partida por perdida. Case todo isto pasou no segundo día de xogo, que tamén sumou preto de dúas horas. Moito máis que abondo para coñecer ben todas as súas carencias e escribir un pouco sobre el aquí.


