Cthulhu Saves the World
Artigo escrito en marzo de 2018, antes da fundación desta páxina, e publicado agora por mor do segundo aniversario da mesma.
Este xogo está feito ao estilo de moitos videoxogos de rol xaponeses como Final Fantasy, cos seus combates aleatorios, alxubes e loitas por quendas. Supoño que moitos xogos desenvoltos co RPG Maker serán similares tamén, pero os comentarios do director espallados polos mundo fainos crer que fixeron o motor eles mesmos, aínda que tamén con moitas limitacións que se poden apreciar simplemente xogando.
De calquera maneira, os comentarios do director son, de lonxe, o mellor da edición que xoguei. Malia que ás veces destripan lixeiramente o que vai pasar a continuación (por motivos da limitación do motor, claramente), dá unha visión do desenrolamento do xogo moi interesante porque podémosnos facer unha idea de moito polo que pasaron e das trampas a nivel de programación que abondan polo xogo. Isto último interesoume moito, porque o de ter un produto finalizado e saber que non hai que continualo é algo curioso e moi afastado do meu traballo diario.
En canto ás mecánicas, gustáronme moito ao comezo: o de recuperar toda a vida e algúns puntos de maná tras cada encontro é moi boa idea e permite que calquera loita poida ter un verdadeiro risco (aínda que, para isto, o de gardar partida en calquera momento non lle fai ningún favor), e o dos combos tiña boa pinta tamén. O da loucura non teño nin idea de como funciona. A medida que avanzaba no xogo, os combates ao chou eran todos solucionados case da mesma maneira, pero os xefes finais si que eran tácticas e goceinos bastante. Con excepción dos últimos, que foron tan sinxelos que nin me quedou moi claro o que se supoña que facían.
Isto poder ser debido ao apurada que foi a aventura. Semella que fora planeada coma un Final Fantasy de cincuenta horas pero tomando un décimo do tempo. Non tería que ser un problema se non fora porque os niveis dos personaxes crecían a razón de oito niveis por hora de xogo, facendo que o contido quedase atrás moi rápido. Pola súa banda, a narrativa é normaliña, baseándose en bromas e referencias para facer unha presunta comedia que non me convenceu. Os alxubes eran totalmente videoxoguiles sen ningunha lóxica interna, incluíndo todos unhas indicacións para que o xogador non se perdese. Tampouco ten nin un puzzle máis aló do combate.
En resumo, un xogo independente normaliño que, pese a todo, gocei en xeral aínda que, seguramente, acabaría aburríndome de durar un pouco máis. Pero quedeime con ganas de ter sensacións semellantes nalgún outro.