<<

Dragon Quest

Tras rematar os tres primeiros Final Fantasies (I, II e III), decidín botarlle un ollo ao comezo da saga Dragon Quest ou Dragon Warrior, a súa competencia directa durante boa parte da súa existencia. Eu unicamente tiña xogado á oitava edición, case até o final, na Playstation 2; e a esta primeira un pouco durante unha ou dúas tardes, sen chegar moi lonxe. Para esta ocasión investiguei un pouco e resolvín por escoller á versión da Game Boy Color emulada na miña PSP. O motivo principal e que é moito máis cómoda cá clásica versión da NES, inda que só sexa porque non hai que abrir un menú para falar con outros personaxes, algo que se fai pesado dende o primeiro minuto de xogo.

Precisamente o xogo comeza co protagonista falando co rei, logo de que un dragón entrase no seu castelo e levase un poderoso cristal e á princesa. A nosa primeira misión é empregar unha chave para abrir a porta do salón do trono para poder saír a mercar equipamento e seguirlle os pasos ao secuestrador. Pronto teremos o noso primeiro encontro contra un simpático slime ao que esnaquizaremos dun único golpe para obter o noso primeiro punto de experiencia; non está mal para ser o monstro máis icónico de toda a saga. Logo de ter falado con toda a xente do castelo (o castelo do Rei, non o Castelo de Touriñán) e da vila próxima, poñemos rumbo cara o norte e logo cara o oeste, até a seguinte entidade de poboación costeira.

Dende este último lugar movémonos a unha cova onde está o finado heroe Lotto, un antepasado do protagonista. Lotto tivo a ben deixarnos unha pista do que precisaremos para completar a nosa busca. O lugar escollido para poñer a nota foi algo particular: nunha notiña atada a unha poderosa espada (?), no seu epitafio, nunca placa enriba da súa tumba (?). Despois diso proseguiremos o noso camiño, esta vez cara o leste, para rescatar á dama en apuros. Non tardamos en atopar monstros máis forte que nos dan unha boa malleira. Sen saber como, ao igual que no Ultima IV, atoparémosnos diante do rei se os nosos puntos de vida chegan a cero. Botaranos unha boa reprimenda e voarán a metade das moedas de ouro que levemos enriba, pero polo menos conservaranse todos os puntos de experiencia obtidos, e neste xogo son moi necesarios.

Iso foi exactamente o que me sucedeu, polo que decidín pasear con calma para gañar niveis e ouro cos encontros ao chou. Fun paseniño loitando, curándome e durmindo nas posadas para aumentar o meu poder. Nunha destas entrei nunha cova onde atopei moitos cartos e experiencia; nin sequera molestaríame morrer porque pagaría a pena con tanto botín. Pero, de súpeto tras un combate, a pantalla ficou branca e o son repetía continuamente a mesma nota. A PSP e o emulador funcionaban con normalidade, pero non atopei maneira de proseguir coa partida. Facía tempo que non gardara partida, xa que non é obrigatorio polo xeneroso sistema de resurrección. Repetir esta parte levaríame un bo anaco e non estou pola labor, especialmente porque podería volver a pasar o mesmo.

O xogo amosa os seus anos e está lonxe de ser unha experiencia táctica satisfactoria, relegando nas estatísticas e na opción de atacar case todos os combates. Por tanto, darei a partida por rematada e procurarei outro xogo no seu lugar. O CRPG Addict fixo un mellor traballo do que poida facer eu documentando este xogo, polo que emprázovos a visitar o seu artigo sobre o Dragon Warrior, desta mesma semana, se queredes aprender algo máis sobre o mesmo; é unha das poucas veces que o “adicto” entra no terreo das consolas, polo que ten un atractivo engadido.