Final Fantasy V. Capítulo 1

Cada vez que comezo un novo Final Fantasy sinto unha mestura de ilusión e preguiza pola aventura que comeza. Neste caso ese segundo sentimento é amplificado porque é a primeira vez que escollo unha versión case orixinal no lugar dunha revisión posterior. E digo “case” orixinal porque esta edición de comezo dos anos noventa nunca saíu de Xapón, polo que teño entre as mans unha tradución non oficial ao inglés para xogar nun emulador da Super Famicom. Isto significa que non terei á miña disposición algunhas melloras de xogabilidade ás que xa estaba acostumado, como poden ser o autocombate, trocar facilmente de personaxe dentro dos menús [nin idea do que me refería aquí] ou poder aumentar a velocidade de movemento libremente nos múltiples alxubes e cidades.

Esta última funcionalidade aquí está limitada a tipos de lugares específicos e, ademais, atópase restrinxida a ter un ladrón no grupo. Trátase dunha mecánica algo frustrante e que fixo que favorecese esa profesión por riba doutras, cando normalmente non é das miñas preferidas. Por sorte, a principal innovación desta entrega consiste en que poderemos levar unha habilidade dunha profesión xa adestrada a outra, polo que non obriga de todo a atarse ao ladrón para non perder esa habilidade de correr fóra dos combates. Iso si, agora que tamén teño a capacidade de roubar con esa protagonista, intento aproveitala. O único interesante que saquei con ela foi unha daga de mithril que inda non podía atopar nas tendas, pero non pagou a pena por tantas outras quendas perdidas sen efecto ou a costa dunha mísera poción de curación.

Polo de agora hai cartos a esgalla, e iso que non levo moitas pelexas. Puiden mercar todos os feitizos que me ofreceron, incluíndo algúns de profesións que non levo no grupo, as mellores armas, armaduras e máis que suficientes pocións para unha longa tempada no alxube que toque. Pola súa banda, as loitas polo de agora están sendo bastante doadas e non teño moito problema mentres me manteña na senda principal. Si que tiven algúns incidentes na cova de auga ao norte de Worus e tamén nos seus sotos: na primeira cheguei até a xefa no nivel máis elevado que me deu unha pequena tunda; e no segundo apañeime, logo de varios tentos, para levarme todo o tesouro escapando do poderoso monstro que alí se agochaba, normalmente tendo que revivir ao seu primeiro obxectivo de ataque tan pronto como fuxía da batalla. Coido que volverei a ambos lares non dentro de moito para consumar a vinganza.

A narrativa volve a centrarse nos cristais máxicos. Hoxe toca que se vaian rompendo un a un ao mesmo tempo que caen uns meteoros preto deles. Polo de agora só se viron afectados o cristal do ar, provocando que se parasen os ventos, e o de auga, afundindo parte do mundo. Ambos cristais eran explotados mediante máquinas por reinos que desexaban aproveitar a súa enerxía, sen ter en conta que levalos tan ao extremo podería ter consecuencias catastróficas non só para o seu reino senón tamén para todo o planeta. Non sei de que me soa iso. En fin, as tres horas de xogo que levo tamén deron para que apareceran outros tropos clásicos da saga ademais dos cristais: dragóns voadores, serpes mariñas, barcos piratas ou un grupo de heroes de diversas orixes.

Supoño que nos seguintes compases tamén chegaremos tarde para salvar aos outros dous cristais e coñeceremos ao malo que está tras de todo, inda que ao final seguramente resultará que non era máis ca un peón dun ente máis maligno e poderoso. Logo quizais poderemos crear un anaco de esperanza empregando os anaquiños dos antigos cristais ou algúns outros novos, descoñecidos na superficie do mundo. Máis ben vou deixar de esbardallar sobre o que podería ser e vou coller de novo a consola para experimentalo de primeira man. Segundo HowLongToBeat.com o xogo pode pasar das trinta horas, polo que inda queda moitísimo por diante! Imos aló!

Final Fantasy V. Capítulo 2

Claramente nesta entrega de Final Fantasy colléronlle agarimo ao de permitir o acceso a zonas novas a través de vehículos; a ver se non esquezo ningún. Comezamos a aventura camiñando e montando un chocobo, pero pronto teremos certa liberdade de movemento marítimo a través dun mar interior grazas ao noso primeiro barco. Pouco máis tarde adoptaremos un dragón voador de baixa altura que non pode sobrevoar os cumios máis altos. Logo empregaremos un teletransportador a outro continente no que obteremos outro barco, ao que non lle poderemos coller moito afecto porque non tarda moito en afundirse. Por sorte, hai un chocobo voador (o primeiro só sabía correr) que nos axudará a continuar a aventura e atopar a nave voadora tan típica desta saga. Entón só faltará mellorala para chegar máis alto e, finalmente, empregar un meteoro para viaxar a un mundo totalmente novo. Resulta unha media dun novo medio de transporte por hora de xogo! Non está mal para ser un xénero que a miúdo adoece de meter palla para estender artificialmente o tempo de xogo.

Deixei a partida gardada nese segundo mundo, após volver a reunir o cuarteto protagonista. Por fin coñecemos de primeira man ao malo da historia: Exdeath. Na entrada anterior escribín que seguramente habería dous niveis de viláns, manténdose un deles nas tebras até que non lle quede outra opción que interceder. Pero agora que sei que o inimigo principal leva por nome Exdeath, e que xa foi selado no pasado, non o teño tan claro. A cuestión será se todos os sucesos desencadeáronse por algún motivo que inda non coñecemos ou se de verdade os cristais do mundo de Lenna e compaña estouparon todos á vez porque foran levados ao límite por tentar extraer tanto poder deles a través de máquinas. Eu preferiría trocar a narrativa clásica da saga e que esta última fose a verdadeira razón, pero de seguro que hai algo corrompendo aos habitantes do primeiro mundo e manexando os fíos.

Na última parte deste tramo si que notei un incremento da dificultade dos combates, chegando a ter que repetir algúns poucos porque os rivais esnaquizaron ao meu grupo. Agás nunhas poucas ocasións, non troco as clases dous meus protagonistas para enfrontarme a desafíos concretos, xa que vou preferindo o de pensar máis para os compases finais do xogo, inda que falte moito polo de agora. Ao contrario ca na segunda entrega da saga, non hai penalización ningunha por trocar de clase, pero a miña teimosía levoume a enfrontarme contra Gilgamesh co meu mago branco. Nas primeiras quendas conseguín inutilizalo co feitizo de mini, e logo batín contra el unha morea de veces cun pau até que decidiu fuxir. E menos mal, porque xa comezaba a pensar que bloqueara o xogo e ía ter que reiniciar para probar unha nova táctica logo de tanto tempo! Lembroume ao asasino ese que te mata lentamente cunha culler.

As diversas profesións que podemos escoller para os nosos personaxes son bastante variadas e inclúen algunhas coma bailarín ou mediadora que nunca vin nun xogo cronoloxicamente anterior. Vou probando algunhas de pouco en pouco, pero quizais funcione mellor como desafío autoimposto o de escoller composicións ao chou en cada fase ou pasada do xogo. O manual orixinal desta versión está en xaponés e non quero buscar outro tipo de guías ou axudas externas á mesma, polo que tampouco teño moi claro como funcionan os niveis das profesións e se teñen efecto nas potencias das habilidades ou se unicamente desbloquean outras novas. Eu estou asumindo que so porque ten máis senso, pero tampouco me preocupa abondo como para facer algunhas probas empíricas.

E así vai polo de agora. Veremos se aparecen novos xiros interesantes no mundo de Galuf, inda que xa supoño que volveremos á outra dimensión inicial nalgún momento porque hai unha pirámide moi sospeitosa no medio do gran deserto de areas movedizas que nunca tivemos ocasión de visitar. Mais iso, como moi cedo, será na seguinte entrega. Semella que inda hai moito camiño que percorrer; non sei cantos novos medios de transporte haberá nese futuro!

Final Fantasy V. Capítulo 3

Entre unhas cousas e outras pasaron catro meses dende que escribín a segunda entrada deste xogo. Entre medias pedín unha hora de progreso por un erro administrando as partidas gardadas, o que me levou a un estado de preguiza máximo e a trocar de ares durante un tempo. Mais, cando volveron as ganas de retornar a este mundo de fantasía, non puiden deixalo de lado outra vez. Non aproveitei os meus escritos dos anteriores dous capítulo para poñerme ao día coa historia e as mecánicas, polo que o recomezo non foi de todo sinxelo. Non lembraba que o feitizo de fuxida pertence á esfera de maxia temporal, non á branca coma nalgunhas edicións anteriores, polo que non a empreguei durante un bo anaco deste grupo de sesións. Tampouco tiña moi fresco canto avanzara no mundo de Galuf e que tocaba facer nesta nova volta, pero fun amañando pouco a pouco.

A entrada anterior remataba pouco despois de que o grupo chegara a ese mundo de Galuf. Tamén é a orixe do malvado Exdeath e onde volve para asentarse. Polo seu castelo pasaremos varias veces, e tamén servirá coma cumio deste fragmento. Logo de procurar aliados, sofrer algúns reveses e, como non, viaxa en navío submarino, conseguimos asaltar a fortaleza e poñer ao noso inimigo entre a espada e os cristais da parede. Pero a nosa vitoria sobre el non é satisfactoria, xa que conseguiu lanzar parte do seu plan, escachar os cristais e facer algún tipo de reinicio do universo. Inda non sei ren de como funcionou, pero o grupo atópase de novo no mundo de Butz. Quizais isto poida significar a volta de Galuf, xa que se sacrificou heroicamente para salvar ao grupo de, precisamente, Exdeath. No seu lugar entrou Cara, a súa neta, que herdou exactamente as mesmas estatísticas que tiña o seu avó.

Isto significa que, diría que por vez primeira na saga, as mulleres son maioría no grupo de personaxes xogábeis. Tamén significa que teño unha feiticeira branca no equipo, mestra nesa profesión e aprendiz de farmacéutica, algo que sempre tento evitar na medida do posíbel para non xogar cos clásicos roles de xénero. Pola súa banda, os demais membros tamén acadaron mestría nun traballo e están agora aprendendo un segundo. Lenna, a cabaleira mística, agora volveu á cabalería básica. Faris, a ninja, deixou de poder lanzar shurikens xa que agora é unha berserker que non pode parar de atacar. Por último, Butz rematou a súa especialidade coma mago temporal para continuar os seus anteriores estudos de maxia negra. Optei nos catro casos por adestrar nunhas segundas profesións moi similares ás primarias. Non teño nin idea se é o máis eficaz, mais polo de momento a dificultade é axustada e o equipo semella ben distribuído.

Con eses personaxes derrotei a unha morea de inimigos variados en bastantes ambientes diferentes. Desta vez non abusaron dos alxubes en forma de covas naturais e até reempregaron a localización do xa mencionado castelo de Exdeath para dous momentos diferentes, inda que cada vez percorreremos unhas zonas distintas e, no segundo paseo, o castelo adopta un ar máis demoníaco. Nese percorrido tamén atoparemos casas de lume que fan dano ao pisalas (contrarrestábel co feitizo de flotar), un pequeno xogo de precisión para situar unhas escaleiras no lugar preciso (o primeiro deste estilo na saga) e outro tamén pequeno crebacabezas dun chan con buratos invisíbeis e unha baldosa secreta que activa unha pasaxe. Agardo que existan máis novidades deste estilo nas moitas horas que me restan.

Xa que, segundo HLTB, inda non vou máis ca pola metade da aventura! Porén, é cedo para sabelo, pero ten papeletas para converterse no meu Final Fantasy preferido dentro deste quinteto inicial, polo menos na parte mecánica, xa que a historia e os protagonistas da anterior entrega atópanse bastante por riba desta. Supoño que a seguinte aventura final, a sexta, pode varrer a ambas nas cadansúas especialidades. Nos meus anteriores intentos non cheguei nunca ao mundo arruinado do Final Fantasy VI, pero antes de volver alí inda teño por estes lares outro universo para salvar. Tan pronto coma solte o bolígrafo volverei con Lenna e compaña para ver que sorpresas me agardan!

Final Fantasy V. Capítulo 4

Esta é a última entrada sobre este xogo, e o xiro final consistiu en que o mundo ao que cheguei no anterior capítulo consistía nunha superposición dos dous anteriores: o de Butz e o de Galuf. Comezaremos visitando a misteriosa pirámide, que xa me dera que falar no meu primeiro paso por esa zona, e atopando alí a primeira das tabletas que precisaremos para poder obter as armas lendarias. A idea de todo este derradeiro capítulo é facernos fortes para plantarlle cara a Exdeath e desfacer todas as maldades que planea, estendendo o baleiro polo planeta. Poderemos volver a moitos dos lugares das anteriores aventuras neste videoxogo, pero non todos serán interesantes nin reflectirán a nova normalidade. Mais foi nunha das vilas iniciais onde puiden aprender agora, un pouco de casualidade, un detalle ben importante sobre o sistema de profesións.

Resulta que cada oficio con nivel de mestre que teña un personaxe transmite as súas estatísticas base e habilidades innatas aos traballos de mímico e ao inicial. Desta maneira, ademais de poder personalizar un par de habilidades, tamén teremos outras vantaxes pasivas que serán estritamente mellores ca a profesión dominada. Dentro do xogo non fica claro como funciona exactamente e mirar unha guía réstalle graza ao asunto, xa que hai algunhas opcións moito mellores ca outras, pero a idea da mecánica convenceume. Tamén recordoume aos sistemas de renacemento de moitos MUDs, coma o Aardwolf, onde podemos volver ao primeiro nivel logo de acada o máximo nunha clase, obtendo bonificacións polas molestias.

Volvendo ao tema que nos ocupa, neste tramo conseguín unha morea de puntos de oficio, algúns como intercambio pola miña gran colección de elixires, uns trocos que seguramente non foron de todo eficientes porque os obxectos son ben careiros e boteinos un pouco de menos na derradeira loita. Mais, coma xa dixen, o obxectivo desta sección era acumular o máximo poder para frear ao malo, e os oficios son unha desas fontes de poder. Pero tamén obtiven poder dalgunhas invocacións poderosas (Bahamut fixo un bo traballo; o resto, non tanto), de tres das doce armas lendarias (katana, espada e lanza; non me deixaron coller máis) e puntos de experiencia para chegar aos primeiros niveis da cuarta decena. Curiosamente, nesta entrega, as pelexas obrigatorias non outorgan puntos de experiencia, non sei se para permitir autodesafíos de superar o xogo a niveis baixos ou se ten outra razón de ser.

Non parece que os niveis dos protagonistas sexan o máis importante para superar o xogo. Tampouco creo que o de desbloquear as armas poderosas e os diferentes espers sexa obrigatorio, porque o acceso ás zonas finais está aberto dende ben cedo e non atopei ningunha razón narrativa que puidese funcionar coma unha barreira. Por tanto, a loita final, contra a árbore máis maléfica da historia da fantasía, dependo do coñecemento das mecánicas e o bo facer do xogador, non sendo unha das máis esixentes da saga. Non obstante, eu fracasei non meu primeiro tento moi pretiño do final, pero acadei a vitoria de maneira axustada no meu segundo intento logo de afinar as habilidades dos protagonistas e as miñas tácticas, especialmente para maximizar o dano en área da miña samurai, que non fixo outra cosa que lanzar cartos a esgalla contra o inimigo.

O final rematou cunha nota positivo. Logo de vencer a Exdeath, as xentes que foran absorbidas polo baleiro volveron ao mundo. No miña loita Cara rematou petrificada, e na narrativa subsecuente non foi capaz de fuxir da zona entre mundos onde se desenvolveron os feitos. De maneira personalizada por vez primeira nos Final Fantasies, houbo un epílogo onde aparecían os mellores momentos da rapaza en forma de recordos emotivos. Pero, por sorte, logo de varios meses sen ela, logrou atopar forzas e resucitar porque inda non era a súa hora! Esta foi tan só unha das múltiples combinacións que dan lugar aos seus cadanseus epílogos, pero eu me quedo con este en lugar de intentalo de novo con todos sobrevivindo á loita final, xa que desta maneira é máis persoal.