Illusion of Time. Capítulo 1
Penso que reservei o Terranigma para xogar o mesmo día do lanzamento, inda que non sei como fun capaz de facer cousa tal. O mundo dos xogos de rol consoleiros era novo para min, mais entráronme ben tanto este coma o Secret of Mana, inda que tardase varios anos en rematar algún. Pola contra, outros xogos moi semellantes, pero que non tiñan a mecánica de “asasinar repetidamente para gañar niveis de experiencia”, non me prestaban tanto. Tal foi o caso do Shining Wisdom ou deste mesmo Illusion of Time, que saíra antes e fóra desenvolto polo mesmo equipo có Terranigma. Porén, inda que o atopei de saldo nunha tenda de segunda man nos últimos tempos da Super Nintendo, adormeceu moitos anos na miña colección, e penso que a última vez que xoguei chegara máis lonxe que nunca e non pasei dese palacio no ceo enriba das liñas de Nazca. Desta nova volta, superei ese punto nun trío de sesións de xogo. E non foi nada complicado: onde lembraba un alxube moi labiríntico atopei unha secuencia de pasos bastante lóxica, inda que un chisco aburrida.
Do comezo lembraba bastante, mais non así o evento que lanzan toda a aventura: a princesa Kara preséntase na nosa casa e o rei quérea de volta. Levándoa case da man, o protagonista Will e o resto de amigos comezan unha xira mundial de escenarios cambiantes, no que cada transición non se desprende necesariamente da previa. Primeiro imos a unha aldea invisible dunha amiga de Will. Aí solucionamos os segredos dunhas ruínas (cun primeiro xefe demasiado difícil para estar tan cedo) que nos levan a un barco de ouro que quizais exista, quizais non. Continúa con Will e Kara á deriva nun andel nunha escena que dura máis que a película de Titanic. Logo espertan nunha vila moi estraña na que outro amigo perdeu a memoria e hai unha mina de diamantes con man de obra escrava. Por fin chegamos ás liñas de Nazca, guiados por un piloto que, despois de derrubar ao paxaro xigante que fai de xefe, sálvanos co seu prototipo de avión. Non dura moito, e o grupo aterra na illa de Mu, onde viven uns vampiros que converten aos humanos en demos. Ou algo así, é todo tan rápido e tan sorprendente que non é doado prestar atención para entender ben o que sucede.
Sempre fago unha pequena investigación sobre os xogos que quero xogar para tentar adiviñar se pagan a pena, pero ten os seus riscos. Neste caso lin que había un crebacabezas no que tiñamos que agardar durante 15 segundos sen nos mover (xa atopei esa parte, non sei se esperaría tanto se non o soubese) e tamén vin unha captura do final na que semella que os amigos protagonistas son cativos nunha escola. Uf. Será que todo é unha aventura que se están a contar os uns aos outros? Eu quero crer que haberá algo máis que unha suposta partida de rol caótica, quizais dous mundos paralelos, unha ilusión temporal ou algo cunha pegada real. Hai nalgúns momentos nos que o propio Will narra as cousas que están a pasar no xogo como se foran parte do pasado e, ás veces, tamén fala del mesmo en terceira persoa. Ben é certo que estou a xogar á versión en castelán e hai bastantes grallas e cousiñas como que un ataque é chamado “Fraile Oscuro” (seica xa vén do inglés), así que non sei se terei que tomalo moi en serio. Polo de agora, seguirei coa mesma curiosidade que me trouxo ata aquí.
Illusion of Time. Capítulo 2
Esta segunda parte empezou na illa de Mu, un lugar que activou as miñas neuronas: estiven aquí antes? Non sei se o confundo con algún escenario semellante do Soul Blazer ou chegara máis lonxe nos meus tempos mozos do que lembraba Esa sensación estendeuse tamén ao seguinte escenario: a cova dunha especie de anxos onde hai que xogar a atopar as diferencias. Sen dúbida estiven aí antes, sentado no sofá-cama da casa da miña avoa, onde sempre estaban as consolas, agás algunha mañá de verán que nos tomabamos a liberdade de xogar ao Super Street Fighter II na televisión grande do comedor. Xa non son capaz de saber se daquela visitei as illas flotantes (non me soaba raro de todo) ou as murallas chinesas (podería ser). Do resto case seguro que non sabía nada, agora xa confundo o pasado inmediato co pasado lonxano, pero diría que esta semana pasei por primeira vez polo escenario de setas no que rematei perdido. Tamén supoño que permanecería na miña mente as escenas cos nenos africanos negros esfameados e ese sacrificio de Hamlet, que foi un personaxe que non apareceu case nada ata ese momento pero que igualmente dá peniña.
Precisamente, tendo en conta que o grupo de amigos que percorren o mundo é máis o menos estable, bótanse en falla máis iteracións entre eles, para que todos os drásticos trocos poidan ter algo máis de impacto. Tal e como foi, nin me pareceu ben nin mal que Lilly e Lance decidiran abandonar as aventuras para vivir xuntos como parella. Do mesmo xeito, non consideraba a Neil amigo abondo como para me interesar polas súas decisións. O da importancia de Kara xa mo cheiraba un pouco e, como atopei resonancias coa Naomi do Terranigma, non me importou que todo se desvelase tan de súpeto (de súpeto, pero non rapidamente, porque o xogo ten a teima de poñer os textos para que aparezan moi a modiño, ata o nivel de que hai que facer un esforzo xigante no final do xogo para manter a atención co lento que vai o texto (curiosamente isto contrasta coas moitas partes nas que saltei liñas sen querer por premer algún botón ao mesmo tempo que saían)). Supoño que tamén hai unha disonancia entre as semanas que pasan Will e compañía viaxando xuntos polo mundo e o rápido que sucede para min. E ao contrario: podo pasar a meirande parte do tempo atascado nun alxube, esquecendo a historia, mentres o resto simplemente preparan a cea. Con todo, tampouco é que que o esforzo pagase a pena, tiña moita curiosidade por ver que tipo de historia contarían neste Illusion of Time pero centrouse máis en evolucionar a súa propia mitoloxía que en intentar centrarse en algo do mundo real. Fico, máis que nada, coas relacións que tiñan os rapaces cos seus proxenitores.
Diría que tampouco destaca no plano máis mecánico. Ter que repetir as loitas dos xefes non se fixo tan terrible como podería imaxinar, e a pelexa finalísima nin sequera entendín que tiña que facer. Supereina no segundo tento, con bastante medo a un novo fracaso porque tería que agardar de novo a que pasasen todas as cinemáticas e textos a ritmo de tartaruga. Iso si, unha (coido que certa) nova ilusión temporal viume á cabeza mentres tentaba prestarlle atención ás cinemáticas finais. Nela, o mesmo xogón adolescente loitaba contra Gaia Escura lanzando paxaros de lume, grazas a unha partida gardada no seu cartucho de segunda man. Quizais non sería mala idea de novo, en xogos deste tipo, saltarme todo o previo para saciar as ganas de saber como remata. É algo que non teño problema en facer con moitas películas pero que nin se me pasa pola cabeza no caso de libros e videoxogos.