<<

Monster Hunter: World. Capítulo 1

Teño algunhas entradas escritas nun caderno hai máis dun ano que inda non foron dixitalizadas. O motivo principal é que, con menos tempo dispoñible, deixei de escribir a man primeiro para transcribir electronicamente despois; é unha mágoa porque era moito máis romántico do outro xeito, pero a verdade é que aforro tempo e quebradeiros de cabeza ó non estar limitado físcamente polo espazo de cada páxina. O motivo secundario é que algunhas desas entradas precisaban extraer as capturas da PSP e ía boa que non a tocaba. O outro día decidín facer esa tarefiña e, logo de tanto tempo relativo coa Steam Deck, aquela consola de Sony, no seu modelo máis gordo, parece de xoguete: ten unha pantalla moi pequena, todos os botóns están moi xuntos e, en resumo, non parece de verdade. Non sei como apañei para xogar ó Monster Hunter Freedom Unite tantas horas dese xeito.

Portada

O Monster Hunter: World na consola de Valve é outra cousa totalmente diferente: os controis son moito máis cómodos (os comentarios sobre a “garra” requirida para as versións da PSP son totalmente verídicos), a interfaz é máis clara (inda que algúns textos seguen a ser demasiado pequenos sen necesidade) e os gráficos teñen moito máis detalle. Se sacamos esas cousiñas, sinto que estou a xogar a practicamente o mesmo xogo algo actualizado. As armas principais seguen aí con movementos similares, os subsistemas de obxectos e equipacións non cambiaron case nada, a exploración é moi comparable e, en resumo, as sensacións que provoca son as mesmas. Todo iso basándome na decena de horas que levo xogada, que son abondo para decatarme de que non volverei nunca xunto aquela Kandra coa que tanto xoguei, esta versión e case superior en todo.

Personaxes iniciais

Case. Quizais por levar World no título decidiron que o xogo tiña que ser xogable en liña por defecto, con pequenas instancias nas que convivir con outras cazadoras. En princpio isto non me amola porque existe a posibilidade de crear partidas privadas e non invitar a ninguén; perdo algunhas funcionalidades e seguramente sexa máis complicado do que debería pero ben sabía a que viña aquí. O que xa non comparto é que outorguen unha bonificación cada día que entras a xogar e te identificas no servidor: non ten ningún senso dentro da lóxica do mundo e, polo que teño lido, en datas especiais agasallan algúns obxectos que poden estar moi lonxe de ser adquiridos no transcurso natural, algo que vai un pouco en contra do que eu penso que debería ser a filosofía dun Monster Hunter no que a paciencia e os pequenos pasos son obrigatorios para mellorar como xogador. Unha filosofía que xa deixaron totalmente atrás no caso do equipo “defensor” que aparece como agasallo para os personaxes novos. Trátanse dunhas armas e armaduras tan poderosas que están pensadas para pasar polo xogo base o máis rápido posible e quedar listo para xogar os contidos da expansión.

Armadura gardián

Hai que lembrar que mellorar as armas e armaduras é o equivalente a “subir de nivel” noutros xogos e require atopar pezas particulares dos diferentes monstros para facelo. Sen ese mecanismo, e cuns números esaxeradamente altos nas equipacións de defensor, coido que a caza perde case toda a graza. Eu tiven a ben informarme sobre iso cando me ofertaron o equipo porque xa cheiraba raro, e decidín non empregalos para nada e ascender os rangos pouco a pouco coma se foran os tempos do lanzamento orixinal. Tiña pensado contar nesta entrada como foi, mais penso que xa me está a quedar longa de carallo, polo que mellor déixo iso para outro intre. Mais xa avanzo que teño máis ganas de seguir xogando que de poñerme a escribir sobre as aventuras de Xandra, por moito que sexa electronicamente.


Monster Hunter: World. Capítulo 2

Resúltame difícil escribir sobre este Monster Hunter: World sen mencionar de novo o Monster Hunter Freedom Unite no que botei varias ducias de horas, polo que non vou loitar contra ese impulso.

O primeiro que contrasta é que ten un argumento e unha ambientación de verdade, no canto das escusas do outro para liquidar monstros a esgalla. Neste caso hai un Novo Mundo que certos humanos están tentando colonizar, aproveitando para investigar por que uns dragóns antigos van alí cada dez anos causando estragos globais. Un deles destrúe a nave da protagonista e fai as veces de coloso ó que hai que dar caza. Desta maneira as misións clásicas de cazar/capturar/apañar vense intercaladas por outras que avanzan a trama e que poden ter características únicas. Supoño que a liña ideal para avanzar rápido consiste en apurar todas esas misións da historia canto antes para así obter permiso para cazar os inimigos máis complicados, mais eu, raro en min, estou a xogar con calma e non é raro verme aceptar misións de investigación simplemente para variar un pouco ou por non saír do terreo coñecido. Debido a iso, teño moreas de materiais para forxar e subir os primeiros niveis das armas e armaduras, algo que non aproveito para nada e que simplemente servirán para coller voaxa.

Nave e lume

No terreo do equipamento, comecei esta aventura armado coa espada longa que tan ben me resultara no Freedom, pero atopeina lenta, estreita e cuns movementos non moi útiles para acertar ben nos monstros. De seguro que foi a falta de costume, porque os ataques básicos semellan ser idénticos ós do outro xogo da saga que xoguei, pero decidín cambiar de aires e darlle un tento ó clásico espadón xigante, que permite cargar os ataques e ten eses impactos que parecen causar máis dor cós pinchaziños da espada longa. Ou polo menos esa é a impresión gráfica, que despois os números poden dicir outra cousa. Na miña outra experiencia aproveitara uns inimigos que xa me tiña ben aprendidos para probar as diferentes opcións ofensivas, comparando sensacións e o tempo requirido para darlles morte. Aquí é algo que tamén debería probar nalgún intre, aproveitando as pequenas pantallas informativas que amosan os cadanseus movementos básicos, pero polo de agora Xandra está cómoda con ese gume enorme.

Gume enorme

Unha pequena cousa coa que non me levo ben de todo son os gráficos, curiosamente. Logo de xogar nunha resolución pequenísima na PSP o cambio a este xogo moderno na Steam Deck debería ser un positivo neto, pero hai cousas que non me entran ben polos ollos. Ben é certo que baixei algo as configuracións recomendadas para evitar que os ventiladores funcionen a plena potencia, mais coido que as cores e as diferencias entre as zonas iluminadas e as escuras non me resultan cómodas de todo. É difícil de describir pero é como que está nese punto que non é “realista” de todo nin o suficientemente estilizado para seren considerado como parte da visión artística. Se cadra parte do problema tamén é xogalo nunha portátil, porque cousas coma os subtítulos tampouco son ideais no seu tamaño, pero moitas veces teño que fiarme da miña intuición para detectar certas cousas do escenario. Por sorte cando loito contra bechos enormes non teño ningún problema, e esa é boa parte do xogo.

Paisaxe Astera

Logo de rematar de escribir esta entrada e a anterior teño ben de ganas de volver ó xogo. Coma sempre, vou case a cegas sen ler consellos, guías ou comentarios doutros xogadores, pero aproveitei este compás de espera para buscar externamente onde se atopaba un paxariño que teño que capturar para unha misión secundaria. Xa levaba varias incursións buscando algún exemplar sen éxito e sen saber se estaba a facer algo mal. Agora, co coñecemento de que é posible encontralo na zona 5, penso viaxar alí e seguir avanzando con esa exploración da fauna máis pequena, o que semella totalmente prescindible para avanzar na trama. Para iso tocará loitar con máis monstros enormes e inda fica camiño abondo.


Monster Hunter: World. Capítulo 3

Comecei esta nova etapa convencido de avanzar o máximo posible na campaña, tan pronto como capturase un exemplar dun pequeno paxaro coa rede de man, claro. Xusto deixeino antes dun cambio de escenario, cando a protagonista cae nunha fenda onde é rescata por parte da Terceira Frota, que se atopaba alí atrapada. A súa xefa encárganos misións nunhas paraxes extrañas e, entre batida e batida de monstros xigantes, atopamos o que parece ser un asomo da verdade que viñamos buscando sobre os dragóns antigos: semella que viaxan cara o novo mundo para morrer. Ou algo así, a verdade é que tampouco me estou a decatar de todo nin me importa demasiado. En moitas das escenas con voces dobradas o castelán a miña mente vai cara o bo traballo das tradutoras, fixándome en cousas como que as aliadas refírense a Xandra e a súa colega coma “vosotras” ou que os pequenos insectos amigos que emiten luz e guían cara lugares de interese chámanse “lafarillos”. Este nome paréceme moi axeitado e agradezo que non tiren por un nome común para todos os idiomas como xa tiven que padecer no Sonic Generations e os seus rings e emeralds.

Encargada

En todo iso penso eu mentres avanzaba polas diversas misións principais. E esa diversidade é o que tamén me causa certa preguiza. O tema é que se escollo cazar un determinado becho ou apañar herbas sei exactamente o que vai pasar, pero nas que avanzan a historia poden saír con calquera tema. Por iso tiven que forzarme a seguir a liña principal, que ademais tamén parece a decisión máis óptima no canto de mellorar o máis rápido posible, xa que outorga acceso a novas zonas e monstros que darán lugar a mellores armas e armaduras. Non obstante, logo de rematar a sección da Terceira Frota, volvín a facer algunhas opcionais que outorgaban vantaxes coma novos ingredientes na cantina ou materiais no xardín botánico. Cousas que, pola outra banda, apenas estou a aproveitar e fican case afundidas no mar de opcións que teño en cada intre que non estou de caza ou colleita.

Pesca

De feito pensei en que tiña que comezar a darlle uso a todas esas cousas precisamente na última misión deste tramo, que fracasei tres veces seguidas contra o mesmo lobo xigante. Para a cuarta simplemente fabriquei un casco e unhas luvas novas e déronme a resistencia xusta para aguantar un par de ataques sen caer desmaiada, conseguindo unha vitoria polos pelos. Para desafogarme completei algunhas misións opcionais que tiña por aí pendentes, incluíndo unha de darlle captura a un monstro-paxaro que debeu ser o segundo ou terceiro contra o que loitei neste videoxogo. Foi entón cando decateime de que as armaduras que levaba equipadas supoñían unha mellora considerable respecto das iniciais, xa que esta vez os seus truques apenas causaban danos. Penso que é un pouco mágoa que existan tantos monstros diferentes para cazar cos que crear tantas armaduras para que logo case sempre sexa máis importante equipar a de máis nivel que unha axeitada para o caso. Agardo que, cando chegue as partes máis complicadas, ese tipo de eleccións teñan máis impacto e dean unha boa razón para axeitar o equipamento a cada tarefa en particular. Penso que se non houbese tanta diferencia de poder entre unhas e outras a saga gañaría bastante.

Montar

Non teño moi claro que facer cando retome a aventura. Por un lado continuar avanzando na historia e atopando desafíos máis e máis complicados atráeme abondo. Pola outra, teño unha morea de misións dos niveis máis baixos por completar que non teñen ese compoñente de incerteza que me impide planificarme ben na distribución do meu tempo de xogo. O que teño claro é que seguirei xogando en solitario por moito que me sigan a tentar cada vez que abro a sesión para que colabore con outros. Penso que así está funcionando ben e o meu compañeiro felino, Cero, é toda a compaña que preciso polo de agora.


Monster Hunter: World. Capítulo 4

O que máis marcou a serie de sesións que resumo nesta entrada é que fixen o que me petou cando me petou, unha actitude ben sabia para gozar dun xogo, se teño que dicilo eu.

Nos primeiros compases decidín completar algunhas das misións secundarias que había dispoñibles, as que máis me apetecían en cada intre sen importar a súa recompensa ou a súa dificultade. Logo avancei un pouco nas obrigatorias até que tocou cazar dous monstros para os que non estaba moi preparado, polo que boteille un ollo ás misións de eventos que tiña un pouco abandonadas. Curiosamente unha delas consistía en dous monstros encerrados na arena, sendo un deles o que tiña que cazar para avanzar na historia. Sen ter que perseguilo por todo un escenario xigante e deixando que batese contra o outro, non foi especialmente duro de conseguir e, contra todo o meu prognóstico, validoume para avanzar na historia. Tamén precisaba cazar un Diablos, mais para ese non parecía haber atallo posible e non estaba nin un pouco preparado.

Arena dupla

Aproveitei entón para fabricar un par de armas que non probara: un martelo xigante que se emprega a dúas mans e un espeto con insecto. A primeira soábame a que sería semellante ó espadón que tanto manexei, pero na práctica é algo máis complicado e non me convenceron os movementos ofensivos, centrados en golpear na cabeza do rival para apampalo. A segunda non ten nada que ver, xa que outorga unha mobilidade moi elevada permitindo incluso dar chimpos incribles que axudan moito a cabalgar os colosos, ten moitos ataques moi rápidos e inclúe un insecto xigante que hai que mellorar á parte que tamén podemos manexar indirectamente para que ataque. Na práctica atopei que batía moreas de veces nos inimigos pero estes aguantaban afoutos sen importarlles moito, e as misións de proba que fixen diría que duraron moito máis inda que non parase de golpear. Con todo, decidín volver a miña arma de referencia que ten uns movementos sinxelos e lentos que non me fan premer os botóns coma se fose un neno de 7 anos xogando algún Tekken.

Arma espeto

Algunhas desas misións de práctica foron na arena especial: un lugar novo onde parece que van os monstros capturados e onde podemos loitar contra eles empregando armas especiais coma canóns, trampas de rocas ou algo chamado matadragóns que ten pinta de doer moito. A verdade é que, aquí máis que nunca, o xogo ten reminiscencias desas touradas que aborrezo na vida real; só faltaba algo de público para observar aquela masacre sen necesidade. É unha mágoa que algo tan pouco respectuoso sexa parte do xogo, xa que debería de haber marxe abondo para tentar facer un Monster Hunter postcolonial, xa que parece obvio que na saga van dando pequenos pasos para fuxir do concepto de caza por deporte e achegarse máis a unhas necesidades máis naturais nuns ecosistemas complicados.

Fogos

Pero, entre unhas cousas e outras, tiña montañas de materiais listos para ser empregados, polo que aproveitei para mellorar bastante as miñas armaduras e saír na caza do Diablos. Non foi doado pero conseguín unha vitoria por pouco, desbloqueando unha misión especial contra Zorah Magdaros que fai ás veces de división entre o nivel de cazador baixo e o alto. Pouco máis xoguei dende entón, pero desbloqueáronse novas árbores de armaduras e armas que empregan compoñentes máis raros dos monstros de sempre, que agora se poden cazar de novo nunha dificultade máis elevada. Non sei se isto solucionará algúns dos problemas que esbocei na entrada anterior, pero teño bastantes ganas de ver como evoluciona. Vémonos en Astera! Ou non, porque o modo en liña nin o toquei.


Monster Hunter: World. Capítulo 5

A misión especial contra Zorah Magdaros que mencionei na entrada anterior consiste en afastalo de onde pode causar moito dano para que fique tranquilo no océano. É unha destas tarefas máis cinemáticas onde nos atoparemos camiñando polo lombo xigantísimo do monstro máis grande do xogo (polo menos ata o de agora) na busca duns grans que serven como punto vulnerable. Nalgún intre aparece unha Nergigante que hai que afastar e logo toca descabalgar e dispararlle a Zorah con béstas, canóns e co matadragóns. A verdade é que resulta ben aburrido e leva moito tempo, polo que non fiquei moi contento cando vin que de cando en vez aparecen unha misión especial no taboleiro para repetir esta defensa. Fíxena unha vez máis, o cal confirmou que non é divertida, e deixei correr o resto. Penso que só serve para atopar materiais especiais polo que non me paga a pena agora mesmo.

Torrente Eterno

Polo resto non houbo moitas sorpresas. A aparición dunha Rathian rosa serve como anticipo a pequenas variacións nos monstros coñecidos e por fin desbloqueei o que parece a última área do xogo con, polo menos, tres monstros novos que dan un pouco de medo, e a posibilidade de abater á Nergigante, o que serve de transición para o seguinte rango de misións. Eses encontros son contados de mellor maneira no Romance da Nergigante:

Era unha noite de lúa,
era unha noite crara,
eu xogaba no sofá
e mañá traballaba.

Topei unha Nergigante
que moraba ó par da lava.
Ela camiñaba sen feridas
e impoñente ameazaba:

Xandra que vés de Astera,
Xandra que vés armada,
non loites comigo
ou resultarás finada.

A miña espada me axude,
e a armadura me valla,
pero no primeiro encontro,
rematei desmaiada.

Mais outra vez loitara,
e desta eu si gañara.
Era unha noite de lúa,
era unha noite crara.

Nergigante

O seguinte que toca facer é rastrexar e (supoño) darlle caza a tres monstros que andan por aí espallado, que non sei se serán os mesmos que atopei no Leito dos Anciáns. Botándolle un ollo á listaxe de armas e armaduras, parece que podo obter bastante máis poder apañando materiais das Nergigantes, xa que as miñas armaduras andan polos rangos 5-6 e as de esa besta son 8. Coido que comezarei a seguinte sesión repetindo esa caza e mirando como vai iso de facer infusións de materiais para obter algúns novos, xa que foi algo que non lle prestei atención polo de agora. Agardo que toda esta inversión non sexa en balde e remate totalmente desfasada antes de subir ó que semella ser o último rango de misións do xogo principal.


Monster Hunter: World. Capítulo 6

Calquera diría que, logo de ter vencido a Nergigante no segundo tento, non debería ter moito problema en facelo algunhas veces máis para construír algo de equipo novo. Non sei se foi que non estaba nas mellores condicións ou que demos, pero debín perder como cinco loitas seguidas contra esa besta, e gastando algúns consumibles poderosos que non me fixeran falla anteriormente. Nalgún momento decateime de que case todos os fracasos viñan na fase final co ataque que sae voando para lanzarse en picado, polo que decidín prestarlle moita atención a ese caso e situarme para evitalo na medida do posible. Cunha taxa de éxito do 60%, foi abondo para que as pocións de curación que levaba sempre enriba chegasen até que a xigante non aguantase máis, e deste xeito conseguín apañar materias para mellorar a miña arma e forxar tres pezas de armaduras do conxunto Nergigante. Con algunha delonga, pero todo saíu segundo o plan. Máis ou menos.

Esfinxe lume

Inda que coas novas armaduras estaba mellor protexido, non foi o salto substancial que agardaba. De primeiras, a bonificación especial que prometía rexerar os puntos de vida cando atacase continuamente a un inimigo non funcionaba nin un pouco como eu imaxinaría. Tiven que ir a unha referencia externa para aprender que precisaría dar cinco golpes consecutivos en cinco segundos para activar esa habilidade, o cal é bastante inviable coa gran espada e o meu estilo de xogo de cargar moito os golpes para que fagan moito dano; de feito, diría que non conseguín activala nunca. No canto dos números puramente defensivos tampouco obtiven mellora ningunha, xa que están limitados polo nivel de cazadora. Isto foi unha pequena decepción para os meus plans de facer máis resistente a Xandra, pero atopeime coincidindo coa lóxica da idea que permite equipar armaduras de rango inferior aproveitando as súas habilidades durante máis tempo, o cal permite personalizar máis o estilo de xogo e prepararse mellor para cada misión. Todo un acerto de deseño, a verdade.

Estatísticas de Xandra

Supoño que as outras habilidades pasivas que incluían as defensas si que axudaron algo, porque non tiven problemas en rastrexar e logo vencer os tres monstros que compoñían o corpo do oitavo conxunto de misións. Sen trocar nada máis, tamén fun á loita final contra o que sería coñecido coma Xeno’Jiiva e conseguín vencelo nuns compases finais moi axustados onde xa quedara sen pocións e tiña que confiar nas habilidades do meu compañeiro felyne para manterme vivo logo de recibir algún golpe. En realidade supoño que non foi tan apurado, porque non me desmaiei ningunha vez e pode que tivese os tres intentos clásicos para vencer, pero así quedou todo máis épico e conseguir ver os créditos con boa honra.

Xeno'Jiiva

Obviamente iso non significa que o xogo remate aí, senón que serve de porta tanto para o contido máis esixente coma para a expansión Iceborne, algo que se encargan ben de anunciar constantemente, cun botón sempre presente para mercala sen sequera pechar o programa. Eu, agora mesmo, non teño interese en ningunha desas dúas cousas, pero si que pasei un tempo botándolle un ollo os temas novos que se abriron. Entre eles xoguei unha misión levando a Geralt de Rivia nunha misión especial que semellaba inicialmente unha mestura de Monster Hunter c’O señor dos aneis, porque aparecía un ser que claramente era Gollum, pero logo desvelouse que se trataba totalmente dun cruce co Witcher. Inda que obviamente era unha misión con este motor que xa coñecía ben das 40 e pico horas de xogo que levaba, a misión tiña trazas de ser unha do outro videoxogo, con liñas de diálogo, maxias e monstros que de seguro que os entendidos encaixarían ben. A min só me serviu para conseguir algúns materiais dentro de xogo, pero certo é que se me fixo longa en comparación co ritmo frenético ó que estaba acostumado. Foi un punto final un pouco raro, porque non quedei con moitas ganas de seguir estas aventuras e con ningunha de empezar as aventuras do famoso bruxo.

Geralt