Pokémon Mystery Dungeon: Red Rescue Team. Capítulo 1

Non foi por moito tempo, pero fun unha desas persoas que xogou o Pokémon Azul antes de que comezasen a emitir a serie de televisión no país. Porén, non lle tiña un apego especial a Pikachu (principalmente porque non o atopei no Bosque Verde) e os ruxidos que facía cada un deses animais era indistinguible dun efecto electrónico xerado ó chou; o de “bulba-bulbasaur” viría máis tarde. Se cadra esa distancia entre a figura do adestrador e os seus loitadores explotados foi o que fixo que nunca me preguntase como falarían os pokémons se tivesen unha linguaxe común. Neste Equipo de rescate vermello para a Game Boy Advance, temos a posibilidade de somerxernos nunha parte do mundo onde, aparentemente, non hai humanos e os bechos comparten un idioma común. Cada un semella ter algo de personalidade e Bellssprout, por exemplo, trata os compañeiros de vostede e Squirtle non deixa de empregar expresións coma que algo non é “moco de pavo”, que “vai un frío que pela” ou que toca “pechar o chiringuito”. A tradución ó castelán doutros termos mecánicos resulta moitas veces confusa, pero non podo parar de avanzar na historia só para escoitar a tartaruga continuar coas súas frases feitas.

Esa Squirtle compañeira escolleuna a miña dona, logo de facer ela a entrevista inicial que determina o pokémon principal. Con ese sistema que xa coñecía dun intento previo de partida, e tamén do Ultima IV, resultou que o seu pokémon espiritual é Pikachu! A verdade é que o test de personalidade foi bastante acertado, polo menos nun nivel superficial-horoscópico, e resultou en que eu levaría un protagonista que seguramente non me sairía a min, xa que as ben estrañas preguntas terían respostas diferentes. E así foi coma Pikalaza e Squirtle (non me apetecía poñerlle alcuños a todos) formaron un equipo de rescate dedicado a salvar pokémons atrapados nos diferentes alxubes do mundo. Seica existe unha alteración no mundo polo que os rivais tamén serán outros pokémons salvaxes ós que poderemos dar unha boa tumba para acadar os nosos obxectivos. Coma en todos os xogos da saga, quizais sexa mellor non pensar moito nos detalles.

É a primeira vez que xogo algo da saga Mystery Dungeon, pero coa experiencia do Z.H.P. relativamente próxima non tiven moito problema en afacerme ás mecánicas básicas. Neste caso tradúcense dunha maneira bastante directa os ataques clásicos de Game Freak. E con eles tamén veñen as limitacións do número de veces que se pode empregar cada un antes de ter que parar para descansar que, xunto cun reloxo de fame, marcará boa parte das tácticas que empregaremos para avanzar nos alxubes. Para que, ademais, non abusemos do ataque estándar e ilimitado, obteremos unha recompensa en forma de puntos de experiencia adicionais cada vez que derrotemos un inimigo cun ataque especial. Uns puntos de experiencia que outorga niveis que se gardan dunha incursión para outra polo que, nese aspecto, semella máis un xogo de rol tradicional que o que vin no Z.H.P.

Esas incursións poden ser necesarias para seguir avanzando na trama ou para cumprir misións xeradas ó chou. Neste último caso outorgaran puntos para ascender no rango de rescatadores e así poder optar a misións máis perigosas con mellores recompensas. Inicialmente non me decatara que esas misións eran infinitas e que, por tanto, non podería nunca completalas todas. Acabei facendo bastantes que levaban pouco risco (e pouco tesouro) apurando o máximo posible os descensos até atopar os pokémons que precisaban axuda. Tratábase de algo bastante automático que normalmente superaba sen problemas, agás no caso das que tiña que dar escolta a un cliente, que eran moito máis doadas de fracasar porque calquera despiste remataba co cliente morto por meterse nunha pelexa que non podía gañar. Máis desafiantes foron as incursión logo do exilio, sen axuda dun terceiro pokémon aliado e con inimigos de forza máis semellante a Pikalaza e Squirtle. De feito, só superei as loitas contra Moltres e Articuno grazas ós obxectos de curación que levaba enriba, porque golpeaban moi duro e tiñan moreas de puntos de vida.

Púxenlle freo á aventura logo do retorno do exilio, sabendo algo máis do mundo e podendo intuír razóns polas que Pikalaza deixou de ser humana. Agardo, non con moita esperanza, que na seguinte etapa ábranse metamecánicas novas, especialmente algunha que me permita darlle un bo uso a todas esas moedas que ten a banqueira Persian en custodia. Nunca tiven necesidade de mercar nada para unha incursión porque o que vai aparecendo no mapa é máis que abondo, pero de seguro que nalgún momento chegarei a unha barreira de forza que me obrigará a trocar un pouco as estratexias ou, sabemos que sempre é unha opción, a subir máis niveis para superala. Polo de agora nunca chegaron a cero os puntos de vida da protagonista e, inda que sexa contraproducente para obter o éxito final, gustaríame polo menos estar algo preto desa condición de derrota para poñer a funcionar ben as neuronas (ou decatarme, de novo, do parvo que son para esas cousas en momentos críticos).

  • Tempo de xogo: 7 horas.
  • Aventuras: 41.
  • Pisos explorados: 289.
  • Pokémons obtidos: 9.
  • Puntos de rescatadores: 425.
  • Cartos aforrados: 35.195.

Pokémon Mystery Dungeon: Red Rescue Team. Capítulo 2

Nunha das miñas incursións, Squirtle decidiu ser algo expeditiva de máis e atopouse nunha pelexa que levaba as de perder sen que eu me decatase moi ben do asunto. O rival finalmente gañou deixando incapacitada a tartaruga e poñendo fin á misión que nos atopabamos. Sorprendeume un pouco, xa que os outros pokémons que podemos escoller e levar libremente poden perder todos os puntos de vida sen frear a incursión, atopándose perfectamente ó día seguinte. Porén, cando sucedeu o de Squirtle, semelloume algo artificial, xa que Pikalaza seguía enteira e ben podería apañarse para rescatar os pobres pokémons atrapados no alxube. Non obstante, todo encaixou mellor ó decatarme de que a historia que trataba de contar este Rescue Team non era coma Pokéirmás salvou o mundo pokémon, senón que realmente todo xiraba ó redor da relación entre Pikalaza e Squirtle.

Dende que a protagonista apareceu na vila, a súa amiga non deixou de visitala nin un día. O primeiro que vemos cada vez que saímos da nosa casa (algunhas vez incluso antes) é a Squirtle achegándose e dando os bos días. Se as cousas saen mal, aí está Squirtle para subir os ánimos. Cando todos decidiron que Pikalaza non era benvida nunca máis nesa terra, Squirtle foi a única que a acompañou, co convencemento de que, inda que parte das historias que se contaban fosen certas, a Pikachu merecía compaixón e compaña. Na parte mecánica do xogo o exilio é relativamente longo, pero a narrativa deixa ver que iso foi só un resumo e que, en realidad, foi inda máis epopea do que semellaba. Xogándose a vida día tras días, mes tras mes, Squirtle nunca pensou en volver á súa cómoda vida anterior e deixar atrás a súa compañeira. Iso ía moito máis aló de ser un equipo de rescate ou de facer o correcto: era unha amizade pura que lembraba a Sam e Frodo.

Porén, os compases finais antes dos créditos non se centran nas ledicias dos pokémons por salvar a vida, senón na tristeza de Squirtle porque a súa amiga ten que marchar. É un final apesarado, inda que sabíamos que era o que tiña que suceder. Logo, cando comeza o epílogo, Pikalaza decide volver vivir xunto os seus amigos pokémon e o reencontro xa semella menos auténtico, máis forzado. Pola outra banda, non sabemos nada da vida de Pikalaza como humana. Ten unha familia agardando por ela? Quizais unha amizade tan forte coma a de Squirtle? Ficará atrapada para sempre neste mundo alternativo sen posibilidade de volver? Recuperará algunha vez as súas memorias anteriores? De súpeto, o xogo tomou un matiz máis profundo e, inda que non vou xogar todo o epílogo, que semella ben longo, supoño que non haberá respostas para todo iso. Coido que tería máis sentido continuar coa representación da xogadora co seu avatar e permitir que puidese volver sempre que quixera para continuar coas tarefas de rescate pero sen limitar a súa vida humana.

Cando percorría os alxubes, pendente de maximizar o número de salvamentos por unidade de tempo, non prestei atención a todas esas cousas. As mecánica funcionan ben e estimo que haberá unha subida da dificultade para todo o contido adicional, xa que poucas veces tiven apuros ou que adaptar o meu estilo de xogo. Non descarto retomar nun futuro a mesma partida gardada e probar, por exemplo, o tema das evolucións ou capturar pokémons máis interesantes que o Scyther que nos acompañaba de cando en vez, xa que o único contido opcional que completei foi a mellora da base. Coma sempre, xa contarei por aquí as miñas aventuras.

  • Tempo de xogo: 11 horas.
  • Nivel de Pikalaza: 30.
  • Aventuras: 63.
  • Pisos explorados: 503.
  • Pokémons obtidos: 10.
  • Puntos de rescatadores: 1.030.
  • Cartos aforrados: 57.134.